Comeza a carreira electoral na USC: catro candidatas para un Reitorado

Maite Flores, María José López Couso, Alba Nogueira e Rosa Crujeiras, candidatas a reitora da USC © USC

O vindeiro xoves 12 de febreiro a comunidade universitaria poderá elixir entre catro catedráticas para ocupar o posto de reitora: Rosa Crujeiras, Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira

A campaña para as eleccións na Universidade de Santiago de Compostela xa está en marcha. O vindeiro xoves 12 de febreiro a comunidade universitaria poderá elixir entre catro catedráticas para ocupar o posto de reitora. Será a primeira vez nos máis de 500 anos de historia da USC que unha muller se poña á fronte da institución.

As candidatas son as catedráticas de Estatística e Investigación Operativa, Rosa Crujeiras; de Óptica, Maite Flores; de Filoloxía Inglesa, María José López Couso; e de Dereito Administrativo, Alba Nogueira

Se ninguha das candidatas supera o 50% dos votos ponderados (o que o elevado número de candidaturas e a fragmentación do voto facilita) habería que acudir a unha segunda volta. Nesa hipotética segunda volta, a haberá unha nova campaña electoral, entre o 27 febreiro e o 9 de marzo e a votación efectuaríase o día 11 dese mes. Nos comicios tamén se elixirán os representantes no claustro universitario e nas xuntas de centro e nos consellos de departamento.

Colexio de San Xerome, sede do Reitorado da USC © USC

Entre as novidades do proceso destaca o uso do voto telemático por parte do estudantado, unha ferramenta xa empregada en 2022, aínda que nesas eleccións só había un candidato: Antonio López. Os case 25.000 estudantes da USC representan o 28% do voto ponderado nas eleccións

Entre as novidades do proceso destaca o uso do voto telemático por parte do estudantado, unha ferramenta xa empregada en 2022, aínda que nesas eleccións só había un candidato: Antonio López. Os case 25.000 estudantes da USC representan o 28% do voto ponderado nas eleccións, un peso considerable que pode decidir a gañadora. Cómpre lembra que a participación entre o estudantado nestas eleccións adoita rexistrar un nivel moi baixo.

Inicialmente eran cinco as candidatas, coa inclusión de Mar Lorenzo Moledo. Porén, o pasado 10 de decembro a decana da Facultade de Ciencias de Educación abandonou a carreira cun comunicado no que sinalaba que "é o momento de unir opcións e sumar esforzos ao redor dun proxecto común".

De igual xeito, aínda que inicialmente a candidatura de Alba Nogueira non fora ratificada pola USC alegando falta de documentación e incumprimentos de requisitos, uns días despois a candidatura da catedrática de Dereito Administrativo foi ratificada pola Universidade.

As candidatas

Será a primeira vez nos máis de 500 anos de historia da USC que unha muller se poña á fronte da institución

María José López Couso (Pontevedra, 1963) forma parte do actual equipo de goberno da universidade, no que ocupa o cargo de vicerreitora de Titulacións e Internacionalización. Entre 2012 e 2020 foi decana da Facultade de Filoloxía.

Rosa Crujeiras, nacida en 1978 en Ribeira, conta tamén con experiencia no goberno da universidade, pois foi vicerreitora con Juan Viaño. Na actualidade é directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).

Maite Flores, Alba Nogueira, María José López e Rosa Crujeiras, aspirantes á reitoría da Universidade de Santiago © Imaxes: USC

Alba Nogueira (Cee, 1968) é catedrática de Dereito Administrativo e forma parte tanto co Consello da Cultura Galega coma da RAG, da que é membro correspondente. Como estudante foi representante no Consello de Goberno da USC e participou na Mesa Sectorial de Universidades en representación da CIG.

Maite Flores Arias (Santiago, 1975) é Catedrática no departamento de Física Aplicada e presidiu a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) ata este ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.