A USC confirma todas as candidatas a reitora agás Alba Nogueira: "Decisión formalista e sen precedentes"

Maite Flores, Alba Nogueira, María José López e Rosa Crujeiras, aspirantes á reitoría da Universidade de Santiago © Imaxes: USC

"Sería moi grave excluír unha candidata porque non presentou uns certificados que obran en poder da propia Universidade"

A Universidade de Santiago segue adiante cara ás eleccións á reitoría do vindeiro 12 de febreiro. Tras o peche do prazo de recepción de candidaturas, o pasado venres, confirmouse que finalmente as aspirantes serían catro: todas as que formularan precandidaturas agás Mar Lorenzo.

Este pasado mércores a Comisión Electoral debía completar o que a priori debería ser un trámite: ratificar que as candidaturas cumpren cos requisitos para estar formalmente na carreira cara ao Pazo de San Xerome. Así o fixo con Maite Flores, catedrática de Física Aplicada; María José López Couso, catedrática de Filoloxía Inglesa; e Rosa Crujeiras, Catedrática de Matemáticas. Pero non con Alba Nogueira, catedrática de Dereito Administrativo.

Pazo de San Xerome, sede da reitoría da USC © Santi Alvite / USC

A razón desta exclusión, polo momento provisional, é a ausencia de acreditación da experiencia dun mínimo de catro anos en cargos unipersoais. Para Nogueira trátase dunha "decisión formalista e sen precedentes" e sería "moi grave" no caso de virar definitiva, porque implicaría "excluír unha candidata porque non presentou uns certificados que obran en poder da propia Universidade, como establece a Lei do Procedemento Administrativo.

Nogueira, que ultima unha reclamación, ve neste episodio a evidencia das "patoloxías do funcionamento sen modernizar da burocracia universitaria"

"Estamos seguras de que ningunha candidata ou membro das súas equipas compartirá que se limite a participación nunhas eleccións abertas por sufraxio universal de toda a comunidade universitaria porque a presidencia da comisión electoral non quixo buscar nas bases de datos da USC a acreditación dos cargos desempeñados na propia institución", agrega Nogueira. A súa candidatura ultima xa unha reclamación "para a súa inmediata inclusión na lista definitiva".

A doutora e xurista disponse a achegar "a documentación acreditativa" que "xa consta en poder da USC" mentres subliña que deixala fóra das eleccións "cando se cumpren os requisitos" da lei de universidades evidencia as "patoloxías do funcionamento sen modernizar da burocracia universitaria". Por iso, agrega, "un dos eixos" da súa campaña á reitoría é "mellorar o funcionamento interno da USC, reducindo burocracia, sendo máis proactiva e eliminando as cargas documentais innecesarias".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.