Antonio López, doutor en Dereito pola USC, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario e exconselleiro maior do Consello de Contas postúlase como candidato a reitor da Universidade de Santiago facendo fincapé, sobre todo, na situación económica da institución. López presenta a través da súa web un programa centrado na inmediata necesidade de aprobar orzamentos (a USC non o fai dende 2011), o refinanciamento da débeda, o rexeitamento aos recortes e á taxa de reposición, na reclamación da autonomía universitaria e no relevo xeracional do cadro de persoal docente. Así mesmo, propuxo un equipo de goberno reducido a cinco vicerreitorías, no que destacan Victoria Otero, como vicerreitora de Ordenación Académica e PDI e Víctor Arce, como vicerreitor de Investigación.
Como está sendo a campaña? De encontro en encontro apréndense cousas sobre a universidade?
Apréndese moito, si. Dedicamos bastante tempo a estar no centros, a falar coa xente. A universidade ten unha serie de problemas comúns, pero despois en cada centro, en cada colectivo e en cada departamento hai unha realidade moi diversa, con necesidades específicas. Unha experiencia moi enriquecedora, aínda que tamén esixente.
"O reto a curto prazo é que a USC ten que aprobar un orzamento, porque levamos dende 2011 sen un orzamento aprobado, e esa é unha situación indesexable para a universidade"
Que solucións hai para as actuais dificultades de financiamento?
En canto ao financiamento, hai dous retos: un a curto prazo e outro a medio prazo. O reto a curto prazo é que a USC ten que aprobar un orzamento, porque levamos dende 2011 sen un orzamento aprobado, e esa é unha situación indesexable para a universidade. Nun escenario de recortes, como o que sufrimos, non hai marxe para xerar un aforro no orzamento da universidade que poida cubrir as cotas de amortización da débeda á que temos que facer fronte, que están situadas algo por riba dos 8,5 millóns de euros cada ano. Ese é o gran reto, porque reducir máis gasto sería inviable, e aínda que fose viable, situaría a universidade por debaixo do nivel de funcionamento dos seus servizos. A solución pasa por acadar unha fórmula de refinanciamento desas cantidades que temos que devolver da débeda financeira e dos anticipos reembolsables. O que obtivésemos dese novo financiamento destinariámolo a amortizar a débeda. E a medio prazo temos o reto do novo plan de financiamento que ten que entrar en vigor nas tres universidades galegas en 2016. A universidade ten que conseguir aí que se teñan en conta as súas especiais circunstancias, por exemplo que o noso cadro de persoal docente teña unha media de idade máis alta: isto é un valor, pero ten un custe máis elevado; tamén, polo feito de estar establecidos en edificacións cun gran valor patrimonial, increméntanse os custes de mantemento.
"Vémonos abocados a un proceso perverso no que estamos substituíndo prazas de funcionario, estables, permanentes, por fórmulas precarias, como interinos de substitución"
E que se pode facer coas actuais limitacións á contratación de persoal ou á súa promoción?
Temos un límite financeiro, a masa salarial. E temos tamén un límite externo, que é a taxa de reposición. Que se pode facer? Creo que por un lado temos que tratar de convencer a administración de que aquelas prazas que se cobren coa finalidade de promoción, non deberían entrar a computar dentro do límite das prazas de reposición, porque esas prazas, que se cobren con persoal que xa era da universidade, non supoñen un incremento de efectivos. Teríamos que conseguir esa interpretación. E a medio prazo, esa taxa de reposición ten que ir aumentando ou terá que desaparecer, porque se non ao que nos vemos abocados é a un proceso perverso no que estamos substituíndo prazas de funcionario, estables, permanentes, por fórmulas precarias, como interinos de substitución. E todo isto, ligado a outro problema: a contratación de persoal interino de substitución para facer fronte a necesidades inminentes de docencia ou de investigación está sometido nestes momentos a unha autorización previa por parte da comunidade autónoma, medidas que exceden o que sería admisible e que nos sitúan ante algo que está afectando á autonomía básica da universidade.
Aproveita a USC toda a súa capacidade para a investigación?
Nós entendemos que a investigación é un dereito e un deber de todo o persoal docente e investigador da universidade. Polo tanto, é fundamental que consigamos que todos se involucren en tarefas investigadoras, sexa en grandes proxectos internacionais, ou en proxectos máis modestos. Pero debemos conseguir que todo o mundo se implique, porque é bo para a universidade e porque é bo para a proxección e para a mellora do noso persoal docente e investigador.
"En moitos momentos a universidade ten mirado moito máis cara a dentro que cara sociedade, temos que ser máis permeables ao que nos pide a sociedade"
Como debe ser a xestión de titulacións nos vindeiros catro anos, tanto no que respecta a novos graos ou a outros que hai que reformular?
Unha vez que xa se implantou o Espazo Europeo de Educación Superior, é o momento de facer unha análise, unha revisión, de cal foi o grao de aceptación da nosa oferta docente. Iso temos que revisalo tendo en conta o número de alumnos, pero non exclusivamente este factor. Porque se estamos ante titulacións que non están duplicadas no sistema universitario, aínda que o número de alumnos sexa baixo, igual temos que valorar que se esa titulación responde a unha demanda social e é positiva e enriquecedora para Galicia, se cadra hai que mantela. Outra cousa é cando falamos de titulacións que están repetidas, e aí ao mellor hai que reformular a oferta, buscar acordos coas outras universidades, buscar titulacións dobres... Creo que a clave é que á hora de facer esta revisión debemos pensar máis no que nos demanda a sociedade que na situación interna da universidade. En moitos momentos a universidade ten mirado moito máis cara a dentro que cara sociedade, temos que ser máis permeables ao que nos pide a sociedade.
"Temos un equipo formado por persoas que coñecen moi ben a universidade e estamos preparados para asumir dende o primeiro momento a xestión"
Que diferencia o seu proxecto do de Juan Viaño?
Unha diferenza fundamental é que eu, dende o mesmo día que presentei a miña candidatura, tiña un equipo, que fixen público e que estiven traballando con el na elaboración do noso programa de goberno. Iso fai que sexa un equipo moi cohesionado, moi compacto, que teñamos moi interiorizadas as liñas de actuación. Fronte á outra situación, na que a día de hoxe aínda non coñecemos cal é ese equipo. Nós temos un equipo formado por persoas que coñecen moi ben a universidade, teñen experiencia na xestión universitaria e estamos preparados para asumir dende o primeiro momento a xestión que nos toque facer, con solvencia e con fiabilidade.