"Confi xa non está": desleixo ata a morte dun arroaz solitario

O arroaz Confi, detectado na ría de Ferrol por persoal de Tragsa / Ministerio para a Transición Ecolóxica © Tragsa/Miteco | CEMMA especifica que non realiza cesión das imaxes por non ser tomadas pola organización

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños ve probable que o arroaz atopado morto en instalacións de Navantia Ferrol sexa o mesmo que viviu en augas galegas dende hai media década mentres bañistas, mergulladores e mesmo profesionais do mar facían caso omiso das recomendacións para non danalo

O primeiro rexistro da presenza do arroaz Confi en augas galegas remóntase a decembro de 2019. Durante cinco anos foi detectado en numerosas ocasións en diferentes puntos da ría de Muros e Noia, moitas veces entre advertencias da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) sobre a necesidade de non tocalo nin achegarse en exces tanto para non lle facer dano como para evitar posibles contaxios. Agora "Confi xa non está" e, con toda probabilidade, morreu.

"Non saben comportarse con dignidade fronte a un animal salvaxe pertencente a unha especie protexida", lamentaban dende CEMMA no verán de 2021 ao pedir o peche ao baño dunha praia de Porto do Son polos múltiples contactos inadecuados dos bañistas co tecnicamente considerado "arroaz solitario embaixador", un comportamento relativamente frecuente nesta especie. Esas alertas ecoan agora no informe co que CEMMA analiza o que todo apunta que foron os últimos días con vida do chamado Confi polo persoal técnico e alcumado como Manoliño por algúns medios de comunicación.

O arroaz Confi, nunha imaxe divulgada por CEMMA en 2021 © CEMMA

Hai pouco máis dun ano Confi saíu por primeira vez da ría e pasou o verán na enseada de Corcubión. A finais do pasado ano seguiu cara ao norte ata "establecerse na ría de Ferrol" en novembro de 2024. Dende aquela, explica o informe, CEMMA contactou coa Confraría de Pescadores de Mugardos e Ferrol, Protección Civil, persoal da empresa semipública Tragsa e do MInisterio para a Transición Ecolóxica na zona, a Estación Biolóxica da Graña ou a Sociedade Galega de Historia Natural para "manter un seguimento da súa situación".

O animal achegouse en diversas ocasións a instalacións militares e de Navantia "sen que ninguén alertase nunca da situación" e mentres, nas praias, o tocaban e mesmo ameazaban cun coitelo

Nese tempo, Confi "mantivo unha actividade intensa", dende "acompañar os mergulladores" e diversos barcos a achegarse a instalacións dos estaleiros e do Arsenal militar, chegando a entrar no dique de Navantia sen que "ninguén alertase nunca da situación". "En xeral, contouse con moi pouca colaboración no traslado de información ou imaxes" mentres, ao tempo, "os medios de comunicación trasladaron reiteradamente as protestas do sector produtivo mariño, o que creou un clima negativo sobre a súa presenza, exactamente igual que en Muros-Noia", cando acabou sufriu "un arponazo coa intención de matalo no outono de 2022".

Sucesos coma este volveron acontecer o pasado maio, cando na ferrolá praia de San Felipe "os bañistas observan como uns mergulladores chegan por terra e se introducen no mar para pescar, aparece Confi canda eles e ameázano usando un coitelo". Nos mesmos días, na praia da Graña, múltiples bañistas tocaron a Confi "e mesmo lle agarraban as aletas". Emerxencias sóuboo pola chamada dunha persoa residente en Cádiz á que "uns familiares lle enviaron un vídeo e, como sabe que non se debe interactuar cos arroaces, pareceulle preocupante".

Esquema das feridas e mutilacións do arroaz atopado morto no dique de Navantia Ferrol, "compatible" co corpo de Confi © CEMMA

Tras deteccións coma estas, o 21 de xuño CEMMA "localiza unha publicación no Facebook" da emisora ferrolá da COPE "sobre un resto dun cetáceo no dique de Navantia". Días despois obtén máis fotografías e mesmo un vídeo, no que os restos presentan "enormes traumas envolventes" e "amputación da aleta caudal". "En ningún momento puidemos examinar os restos, polo que non temos certezas sobre a súa identificación", lamentan. "Non podemos saber con seguridade se se trata dun exemplar de arroaz ou de se se trata de Confi", pero si é posible "falar de compatibilidade" polo seu "tamaño e características".

Por "tamaño e características", os restos do arroaz que apareceron en Navantia con "grandes feridas e mutilacións" son "compatibles" co corpo de Confi. Todo apunta a que o matou a hélice dun barco de grandes dimensións

As imaxes permiten á entidade científica, ademais, tirar diversas conclusións. Dende que as "grandes feridas e mutilacións seriadas e envolventes" son "compatibles cunha morte accidental por corte de hélice". "Descoñecemos que tipo de hélice puido ter causado estas feridas", pero cadran coas dalgúns remolcadores, cuxo funcionamento pode atraer a "un cetáceo curioso como Confi". O accidente mortal puido suceder, estiman, entre o 3 e o 6 de xuño "nas inmediacións do dique 3 de Navantia". "O corpo sen aire nos pulmóns debeu ir ao fondo ata o día 15 a 20, permanecendo aboiando por acción da descomposición" ata que as correntes o levaron de volta ao dique.

Tras a súa conclusión, salienta CEMMA, este informe vai ser posto "á disposición das autoridades". Deberían, resaltan, "avaliar a existencia de infracción ou delito ambiental e tomar as medidas pertinentes". En anteriores ocasións nada diso sucedeu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.