Está prohibido achegarse a 60 metros dos cetáceos: "os dereitos téñenos eles", di CEMMA, que alerta do "acoso" que sofren

Un barco xunto a un golfiño nunha imaxe divulgada por CEMMA © CEMMA

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños lembra que a lexislación establece “prohibicións expresas no caso de natación, acoso e molestias deliberadas” e avoga pola divulgación e a educación ambiental 

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), referencia en Galicia na protección dos cetáceos, vén de emitir un comunicado no que alerta da detección de “malas prácticas dalgúns bañistas, navegantes e usuarios do mar respecto dos cetáceos”. A entidade avoga pola “divulgación e a educación ambiental pois só dende unha posición de respecto pode darse un achegamento ao medio mariño e á convivencia”, pero lembra que a lexislación protexe aos cetáceos con “prohibicións expresas no caso de natación, acoso e molestias deliberadas” que están suxeitas a multas.

“Os humanos non temos dereito algún diante destas especies protexidas e si deberes, os dereitos os teñen eles, a poder vivir libre e tranquilamente no mar que é o seu medio dende hai millóns de anos, onde os humanos non somos máis ca intrusos”, lembra CEMMA. “Cando unha persoa quere levar a cabo unha actividade marítima, o primeiro que ten que coñecer é a situación legal e despois usar o sentido común”, salienta a Coordinadora.

Zonas de protección dos cetáceos establecidas na lexislación vixente © BOE

A Coordinadora lembra “o réxime de protección dos arroaces, catalógaos como vulnerables de acordo co establecido no Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas e na que se da conta así mesmo das prohibicións expresas reguladas mediante o Real decreto 1727/2007, do 21 de decembro, polo que se establecen medidas de protección dos cetáceos”. Ese real decreto é o que fixa, por exemplo, varias zonas de protección arredor de calquera cetáceo, cunha Zona de Exclusión de 60 metros de radio na que está “prohibido acceder ou permanecer” salvo en situacións de emerxencia e que obriga ás embarcacións que atopen de improviso un cetáceo a menos desa distancia a realizar determinadas manobras. 

“Dende hai anos as mandas de arroaces son perseguidas e acosadas durante o verán dende que sae o sol ata que se pon", di CEMMA

Fronte ás disposicións legais que protexen os cetáceos, CEMMA alerta de que “dende hai anos as mandas de arroaces, Tursiops truncatus, son perseguidas e acosadas durante o verán dende que sae o sol ata que se pon. Sobre todo cando frecuentan os principais portos deportivos de Galicia, entre eles destacan Baiona, Combarro, Sanxenxo e Portonovo”. “Algúns mariñeiros tamén arremeten habitualmente contra eles cualificándoos de "plaga", esta visión, ademais de falsa, está totalmente distorsionada por uns intereses particulares sen motivo para esas conclusións”, engade CEMMA, que lembra que “os arroaces foron tradicionalmente masacrados en toda a costa e que anualmente morren máis de 70 arroaces en toda Galicia por causa das actividades pesqueiras”.

CEMMA alerta das proteccións legais dos cetáceos © CEMMA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.