A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) realizou a pasada semana un control aéreo no que avistou 97 cetáceos pero ningún desa especie e estima que “nos vindeiros días” os exemplares de paso superarán Estaca de Bares
Hai unha semana, a finais de agosto, Salvamento Marítimo lanzou unha advertencia a todas as embarcacións sobre a presenza de candorcas na costa galega pedindo que se gardase distancia con elas, como con calquera mamífero mariño. Nas redes sociais e en varios medios de comunicacións divulgáronse vídeos de supostos ataques a embarcacións, pero os expertos aínda están a analizar o que prefiren cualificar como “interaccións”. Nesa liña vén de pronunciarse a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma), organización de referencia en Galicia.
“As candorcas, Orcinus orca, son uns cetáceos pouco coñecidos en Galicia porque só están de paso un par de veces ao ano”, di a organización, que admite que “desta volta o seu paso está causando moito rebumbio polas interaccións comprobadas, tanto con barcos como cos encontros con surfistas”. Cemma estima que “o paso dos exemplares pola Estaca de Bares acontecerá nos vindeiros días, ese podería ser o punto de inflexión no seu paso pola nosa costa”.
Á espera das análises desas “interaccións” que se están a realizar, Cemma lamenta “o cualificativo imposto por diversos medios de comunicación que xulgan uns feitos e o comportamento duns animais salvaxes pertencentes a unha especie protexida, sen o suficiente coñecemento de causa e á lixeira, sen atender as consecuencias que isto pode ter a nivel de percepción social”.
“Insistimos en cualificar os encontros das embarcacións como interaccións, de feito estanse inspeccionando os barcos para comprender mellor como se produciron e que tipo de contactos teñen en base aos indicios. Mentres a investigación estea aberta non se aportará máis datos respecto destes casos”, engaden. Unha análise na que se empregará a base de datos de que dispón Cemma “con máis de 180 rexistros de varamentos e avistamentos da especie nas costas do Norte e Oeste Ibérico dende principios do século XX”. En todo caso, durante unha campaña de control aéreo realizada durante a pasada semana, entre Oia e Ribeira, Cemma constatou a presenza de cetáceos, “con 97 avistamentos, tanto de delfínidos, toniñas como de baleas, pero non foron observados grupos de candorcas”.