O 21 de outubro de 1985 foi o día que se cazou a derradeira balea en Galicia. En 1986 iniciouse unha moratoria (en 1966 para a balea azul) que só permite a súa caza con fins científicos, e que dende entón foi respectada por case todos os países, agás Xapón e nalgúns momentos Noruega ou Islandia. Distintas entidades científicas destacan que o abandono da caza destes cetáceos está a permitir a recuperacións das especies, algo ao que podemos estar asistindo en directo nos últimos meses en Galicia. Ás noticias sobre a presenza dunha balea azul a comezos de setembro en Muros uníronse outros catro avistamentos desta especie, o animal máis grande do mundo, nunca visto nas costas galegas, cando menos nas últimas décadas. O último, hai apenas uns días entre Sálvora e Carnota.
Pero non se trata só da Balaenoptera musculus, senón que nos últimos dous meses foi certificada a presenza doutras catro especies de baleas na costa de Galicia. Así, entre o 10 de setembro e o 31 de outubro en só 11 días de expedicións o Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) rexistrou un total de 60 cetáceos entre Fisterra e as Illas Cíes, principalmente entre Fisterra e Sálvora. Ademais dos 5 avistamentos de balea azul (un exemplar visto en dúas ocasións e outros dous xa identificados), os investigadores e investigadoras do BDRI rexistraron 40 rorcuais comúns (Balaenoptera physalus), 9 rorcuais de ás brancas (Balaenoptera acutorostrata), 2 rorcuais boreais (Balaenoptera borealis) 2 xibardas (Megaptera novaeangliae).
Esta institución internacional, que conta cunha base no Grove, amósase moi sorprendida pola gran cantidade de animais localizados nas últimas semanas: "Atopamos unha gran biodiversidade de grandes cetáceos concentrados nunha área moi reducida. Galicia se está a converter nun paraíso para as baleas". Subliñan non só a insólita presenza da balea azul, senón a nutrida aparición doutras especies, salientando que non é habitual que nestas augas se vexa ao mesmo tempo, convivindo, ata cinco especies distintas de baleas. Ás baleas únese a xa máis habitual existencia de golfiños, toniñas, caldeiróns, zifíidos e outros cetáceos, que tamén foron vistos nun número superior ao normal.
Bruno Díaz, un dos responsables do instituto, explica que "sobre todo o último día puidemos ver varias especies, todas elas alimentándose. E isto é moi importante, se temos en conta que a dieta dunha balea azul -pequenos crustáceos coma o krill- non é a mesma que a de dunha xibarda -que amosa preferencia polos peixes pequenos coma a anchoa-. As baleas non pasaron por casualidade, senón que os últimos avistamentos confirman que as costas galegas son un lugar privilexiado de alimentación".
"A costa galega é moi famosa polos fenómenos de afloramento de nutrintes, sempre foi coñecida pola súa riqueza e pola presenza de grandes baleas"
Os primeiros avistamentos, rexistrados en setembro, fixeron ao BDRI barallar que a costa galega estaba a recuperar a súa condición de corredor natural nas migracións das baleas en época de apareamento, que nestas datas se trasladan dende as augas próximas a Islandia ou Noruega en dirección ás máis cálidas do norte de África. Un corredor que ben puido funcionar xa no pasado, ata que o excesivo número de capturas por parte da frota baleeira reduciu o número de exemplares e desprazou as súas liñas migratorias. Bruno Díaz salienta que "o feito de ter avistado de novo animais que estaban aquí hai xa un mes confírmanos que non estamos só ante un paso ocasional de cetáceos por augas galegas, senón ante un punto de alimentación habitual".
A plataforma oceánica galega confirmaríase así, para o investigador, como un espazo de enorme biodiversidade e riqueza: "A costa galega é moi famosa polos fenómenos de afloramento de nutrintes, sempre foi coñecida pola súa riqueza e pola presenza de grandes baleas". A moratoria iniciada hai máis de trinta anos podería estar facendo que o comportamento das baleas regresase á súa dinámica previa, incrementando tamén a súa poboación. "As moratorias da caza de baleas son moi recentes: trinta anos non son nada para estes animais, que superan os cen anos de vida. Pero xa estamos vendo noutros lugares como se está dando unha recuperación, grazas á fin da pesca da balea. E estas especies estanse desprazando a zonas ricas de alimento", subliña Díaz.
"As moratorias da caza de baleas son moi recentes: 30 anos non son nada para estes animais, que superan os 100. Pero estamos vendo noutros lugares como se está dando unha recuperación. E estas especies estanse desprazando a zonas ricas de alimento"
Con todo, os investigadores salientan que aínda é cedo para chegar a conclusión ningunha sobre se estamos ante un feito casual ou conxuntural ou se realmente os avistamentos revelan esta recuperación das distintas especies. "Somos un pequeno instituto de formación académica que nos dedicamos á investigación. Para o ano que vén plantexamos como un dos proxectos prioritarios seguir explorando as augas externas, como fixemos este ano", subliña Bruno Díaz. "A información que recompilamos nestes dous meses foi moi importante. E pode darnos a oportunidade de traballar para investigar e conservar mellor aquilo que temos. Estamos iniciando unha procura para acadar uns apoios públicos ou privados que nos permitan mellorar os recursos cos que contamos para investigar estes animais", engade.
Ademais da espectacularidade das baleas azuis, o BDRI salienta igualmente que nas últimas semanas puideron gravar en vídeo as interaccións entre unha balea xibardo e un golfiño, algo que ata agora nunha puidera ser rexistrado nas augas do Atlántico Norte. Estes xibardos chegan a medir 16 metros de lonxitude e a pesar ata 36 toneladas e tamén realizan unha rota migratoria que as leva dende as frías augas de Islandia e Noruega ata a fachada da Península Ibérica e máis ao sur.