0 Gardados para despois

O CEMMA confirma a presenza dunha balea azul na Ría de Muros

Redacción | @prazapublica

Hai uns días un cetáceo de gran tamaño foi avistado na entrada da ría de Muros, na zona dos Virullos. O animal foi gravado dende un barco pesqueiro e o gardacostas da Xunta Paio Gómez Chariño. Polo seu tamaño, cor e características barallábase a insólita posibilidade de que se tratase dunha balea azul, o animal máis grande do mundo, unha especie nunca vista nas costas galegas, cando menos nas últimas décadas. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) vén de confirmar "case ao 100%" que en efecto se trataba dunha Balaenoptera musculus, a gran balea azul, ou cando menos dun híbrido con balea común, aínda que o máis probable é que se trate dunha azul.

CEMMA salienta que se trata dun "fito histórico para o mar do noso país"

Nos días seguintes ao avistamento, que tivo lugar o pasado venres, levouse a cabo unha vixilancia constante nas rías de Arousa e Muros para confirmar a presenza do animal e obter máis información. Porén, non puido ser localizado de novo. "É como buscar unha agulla nun palleiro", sinalaron dende o CEMMA, que salienta que se trata dun "fito histórico para o mar do noso país".

"Seguro que aínda frecuentan as augas oceánicas de Galicia, pero ata agora nas campañas que fixemos alí nunca a s observamos"

Os expertos do CEMMA sinalaron tamén a súa preocupación polo comportamento da balea, que lles xeraba dúbidas sobre o seu estado. "A secuencia de inmersión é rara, o animal semella amedrentado", explican, engadindo que no vídeo se ve que "a deriva que leva non é nada boa, vai cara a Porto do Son, no interior da ría. Unha balea no seu san xuízo nunca levaría esa derrota". Con todo, pasaron xa uns días e o animal non apareceu varado en ningures, o que é unha boa nova. Dende CEMMA explican que aínda que sexa moi estraño ver este animal tan cerca da costa, si que hai numerosas testemuñas de mariñeiros que as viron dende os seus barcos, mar adentro. "Seguro que aínda frecuentan as augas oceánicas de Galicia e as inmediacións do Banco de Galicia, pero ata agora nas campañas que fixemos alí nunca a s observamos", sinalan os responsables da entidade.

Si é máis frecuente ver outro tipo de baleas na costa galega, de moito menor tamaño, tanto vivas coma mortas, que acaban varadas na costa. Esta mesma fin de semana puido observarse un rorcual común na ría de Arousa, como se pode ver nestoutro vídeo que publica GCiencia. Este exemplar tiña enredada na cabeza unha rede de pesca que lle impedía alimentarse, sinalou o equipo do Instituto de Investigación para o Estudo dos Cetáceos (BDRI Bottlenose Dolphin Research Institute), que a gravou.

A balea azul pode acadar os 30 metros de lonxitude e as 173 toneladas de peso, o que a converte na especie animal de maior tamaño do planeta

A balea azul pode acadar os 30 metros de lonxitude e as 173 toneladas de peso, o que a converte na especie animal de maior tamaño do planeta, tanto das existentes actualmente coma das que algunha vez poboaron a Terra. Para entender as súas dimensións cómpre ter en conta que só a súa lingua pesa ao redor de 2,7 toneladas e que cando está totalmente aberta, a súa boca pode conter ata 90 toneladas de comida e auga. Ou que o seu corazón ten un peso de ata 600 quilos. Con todo, sinalan dende o CEMMA, o exemplar visto en Muros era algo máis pequeno, duns 15 ou 20 metros de lonxitude, tratándose seguramente "dun subadulto".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.