As candorcas regresan á costa galega. Que facer ante unha interacción cun veleiro?

Candorcas no seu paso por Fisterra en 2019 © Cemma

Durante o ano 2020 a sucesión de interaccións de grupos de candorcas con embarcacións na costa atlántica da Península Ibérica chamou a atención de expertos e xerou unha certa alarma entre os usuarios de veleiros. O "insólito" comportamento destes animais chegou a provocar a rotura do leme dos barcos e foi explicada como un acto a medio camiño entre o xogo e unha posible "reacción defensiva" despois de que algunha das candorcas puido sufrir algún golpe provocado por algunha embarcación.

O Grupo de Traballo Orca Atlántica puxo en marcha unha web de información e recomendacións para as persoas que cheguen a atoparse coas candorcas a bordo dun veleiro

As candorcas móvense por unha ampla extensión do litoral, seguindo os bancos de atúns, o que dá lugar a que os avistamentos e interaccións se produzan só en momentos concretos do ano, nalgunhas ocasións no Estreito de Xibraltar ou as costas do Algarve e Alentejo e noutras na costa atlántica galega. Así, entre marzo e mediados de setembro as interaccións concentráronse no sur na Península, aínda que en xullo rexistráronse tamén catro en Galicia. Porén, dende o 25 de setembro os grupos de candorcas semellan estar máis instaladas no norte. Dende esa data notificáronse sete interaccións na costa galega e ningunha ao sur do río Miño.

Despois de que o pasado ano se producira unha certa alarma entre os usuarios de veleiros, alimentada polo sensacionalismo co que algúns medios de comunicación trataron o tema, como foi denunciado por Alfredo López, un dos biólogos da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) nesta entrevista, o Grupo de Traballo Orca Atlántica puxo en marcha unha web de información e recomendacións para as persoas que cheguen a atoparse nesta situación.

O GT Orca Atlántica publica diariamente mapas co 'risco de interacción' con embarcacións na costa galega © GT Orca Atlántica

Dende o 25 de setembro os grupos de candorcas semellan estar máis instaladas no norte. Dende esa data notificáronse sete interaccións na costa galega e ningunha ao sur do río Miño

No Grupo de Traballo participan investigadores e investigadoras de universidades e centros de toda a Península, entre eles o propio Cemma. Na web xeolocalízanse os últimos encontros con embarcacións e recóllese toda a información obtida nos últimos meses sobres estas "insólitas" interaccións e, ademais, ofrécense unha serie de recomendacións que os e as navegantes deben atender nestas situacións.

En primeiro lugar, deben reducir a velocidade, apagando o motor ou baixando as velas, apagando o piloto automático e deixando o temón "á vía". Tentar deixar atrás as candorcas por velocidade é inútil. Despois, deben contactar cos servizos de emerxencia a través do 112 ou a canle 16 da radio. Débense retirar as mans do temón, apartándose ademais de calquera parte do barco "que poida xirar ou caer". Este grupo de candorcas semellan ter coa estrutura máis débil do buque, o leme, ocasionando a súa rotura para reducir así a velocidade dos veleiros. Na medida en que o temón se mova ou sintan presión nel (cando alguén tenta gobernalo) as candorcas golpearano con máis forza, incrementando os posibles danos. 

No caso dunha interacción, as embarcacións deben deben reducir a velocidade e débense retirar as mans do temón, apartándose ademais de calquera parte do barco "que poida xirar ou caer"

O Grupo de Traballo pide que as persoas que viaxan no veleiro tenten manterse fóra da vista das candorcas e que non berren, nin tenten golpealas, tocalas ou guindarlle cousas, pois isto só estimulará e fará máis intensa a interacción. As candorcan non atacan os humanos e, por exemplo, en ningún caso se produciron ataques contra surfistas ou persoas que nadaban na auga.

Así mesmo, o Grupo de Traballo pide que nestas situacións, se é posible, os tripulantes dos veleiros graven os animais coas súas cámaras "sobre todo a súa aleta dorsal, para poder identificalos". Cando despois dun anaco non se note presión no temón e os animais se afastaron, débese comprobar que o temón funciona correctamente. Se hai unha avaría, débese solicitar axuda e o remolque ata un porto. E, en calquera caso, pídese que se autorice o traslado do seu contacto aos especialistas locais en cetáceos para poder seguir recollendo información sobre este fenómeno.

Rexistro das interaccións que se produciron neste 2021 na costa ibérica © GT Orca Atlántica

O Grupo de Traballo lembra que as candorcas "non poden ser acusadas de vivir na súa propia contorna, onde os humanos somos os intrusos"

As embarcacións coas que adoitan interactuar máis frecuentemente son veleiros monocasco de menos de 15 metros de eslora, especialmente os que contan cun temón de pa, que probablemente é o tipo de temón máis común. Nos últimos meses preto do 50% das embarcacións que tiveron intecaccións coas candorcas sufriron algún dano material. Con todo, dende o Grupo de Traballo destacan que neste 2021 o 53% das embarcacións que non tiveron ningún dano foi por seguir o protocolo de seguridade. E lembran que "non hai evidencia de intención agresiva no comportamento das candorcas, que non poden ser acusadas de vivir na súa propia contorna, onde os humanos somos os intrusos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.