Prohibida a navegación de veleiros entre Cabo Prioriño e Estaca de Bares polas "insólitas" interaccións das candorcas

Un grupo de candorcas no mar Dominio Público

O obxectivo é "garantir a integridade das persoas e das propias candorcas", especie definida como vulnerable no catálogo de especies protexidas

O Ministerio de Transportes acordou na tarde deste martes prohibir a navegación dos barcos de vela de eslora igual ou inferior a 15 metros no espazo marítimo adxacente entre o Cabo Prioriño e a Punta de Estaca de Bares. O obxectivo é previr as interaccións entre candorcas e embarcacións que se veñen producindo nas últimas semanas (especialmente neste treito da costa) e que expertos e expertas definen como "inhabituais" e para as que aínda non teñen unha explicación, pois trátase dun comportamento anómalo nestes animais. Quérese "garantir a integridade das persoas e das propias candorcas", especie catalogada como vulnerable no catálogo de especies protexidas.

A medida, que comezou a aplicarse esta medianoite, estará en vigor durante unha semana e o Goberno central non descarta estendela no tempo ou ampliala a outras zonas, seguindo as rutas migratorias destes animais. As embarcacións de vela afectadas pola resolución poderán navegar de forma perpendicular á zona delimitada para acceder á zona costeira ou saír dela cara ao mar.

Candorcas ao seu paso por Fisterra en 2019 © Cemma

Expertos e expertas definen como "insólitas" as interaccións repetidas nas últimas semanas, pois trátase dun comportamento anómalo nestes animais

A medida foi anticipada na mañá deste martes por Elvira Bellido, representante da Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que participaba nunha conferencia de prensa telemática na que participaron varios expertos e expertas e que fora convocada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), entidade que leva estudando estas interaccións dende o mes de agosto e que puxo a situación en coñecemento do Ministerio.

Dende mediados dese mes de agosto notificáronse un total de 26 interaccións entre candorcas e embarcacións en toda a costa atlántica da Península Ibérica: 6 nas augas do Estreito de Xibraltar, 4 en Portugal e 16 na costa galega, especialmente na zona para que agora se decidiu esta limitación á navegación. Durante a conferencia de prensa, os distintos expertos e expertas, pertencentes a equipos de investigación españois e portugueses, salientaron que "non hai precedentes" en todo o mundo deste tipo de comportamentos entre as candorcas.

Fixeron un chamamento á "tranquilidade" para as persoas que navegan nestas zonas e pediuse "cautela" aos medios de comunicación

Ademais, fixeron un chamamento á "tranquilidade" para as persoas que navegan nestas zonas, recomendando evitar aproximarse a un grupo de candorcas, tentar navegar fóra das 11 millas de costa (pois todas as interaccións se deron máis preto do litoral) e, no caso de ter unha interacción, contactar con Salvamento Marítimo para recibir consello, ademais de "manter a calma" e de gravar e fotografar a acción, para facilitar o estudo posterior. Así mesmo, pediron "cautela" aos medios de comunicación, evitando o sensacionalismo ou empregar cualificativos como "ataque" ou "baleas asasinas", rexeitando que se provoque "animadversión" cara a unha especie protexida.

A representante do Ministerio para a Transición Ecolóxica informou de que, unha vez coñecida a situación que se estaba a dar, o Goberno central púxose en contacto coa Comisión Baleeira Internacional, que comunicou que "non existía constancia de feitos similares", agás incidentes moi concretos e esporádicos, e que non había exemplos previos dunha sucesión tan grande de interaccións repetidas nunha determinada costa e nun espazo de tempo tan breve. E engadiu que, por tratarse de feitos tan "insólitos", non había un protocolo de actuación. Así mesmo, anunciou que un avión de recoñecemento (semellante aos empregados na loita contra os incendios) estaba a realizar voos no litoral entre Ferrol e Cedeira para tentar facer un seguimento dos grupos de candorcas para obter máis información.

Dende agosto houbo 29 contactos con candorcas en Galicia: 13 foron avistamentos e 16 foron interaccións. O 20% tivo como consecuencia que o veleiro deixase de navegar © CEMMA

Dende agosto houbo 29 contactos con candorcas en Galicia: 13 foron avistamentos e 16 foron interaccións. O 20% tivo como consecuencia que o veleiro deixase de navegar

Pola súa banda, Alfredo López, biólogo da CEMMA que entrevistamos a pasada semana, detallou que dende o mes de agosto houbo en Galicia 29 contactos coas candorcas; deles 13 foron simples avistamentos e nos outros 16 casos houbo interaccións. No 20% desas interaccións houbo consecuencias para as embarcacións que lles impediron continuar a navegación, sobre todo pola ruptura do temón. López destaca que é habitual ver pasar as candorcas fronte ás costas galegas todos os veráns, sobre todo entre xullo e setembro, nos seus movementos migratorios cara ao norte, que ata agora adoitaban ser rápidos e sen que interactuasen con embarcación ningunha. 

O biólogo da CEMMA fixo un chamamento á "tranquilidade", aínda que destacou que nalgún destes contactos chegaron a producirse "situacións de risco" por darse "interaccións nocturnas e duradeiras", xerando "situacións de angustia polo descoñecemento que estas persoas tiñan destes animais".

Estas candorcas están "moi habituadas" á presenzas de embarcacións, sobre todo dos barcos atuneiros, aos que permanecen próximos agardando o momento do izado das redes de pesca

Finalmente, Ruth Esteban, doutora en Ciencias do Mar especializada en ecoloxía das candorcas, explicou que os individuos que estamos vendo estes días nas costas galegas proceden das augas do Estreito de Xibraltar, onde ao redor de 39 animais duns cinco grupos familiares adoitan alimentarse de atún vermello. Ruth Esteban describiu como estas candorcas están "moi habituadas" á presenzas de embarcacións, sobre todo dos barcos atuneiros, pois en moitas ocasións permanecen próximos a eles agardando o momento do izado das redes de pesca para así cazar algún atún con máis facilidade.

A maior parte das interaccións foron provocadas unicamente por uns poucos exemplares, sobre todo de curta idade "moi impetuosos" e "curiosos"

A pesar de que as interaccións rexistradas nas últimas semanas son moi numerosas, semella que a maior parte foron provocadas unicamente por uns poucos exemplares, sobre todo de curta idade "moi impetuosos" e "curiosos", segundo os expertos e expertas que participaron na conferencia de prensa. Estes animais achéganse pola popa dos barcos, sen facer ruído, e á hora de interactuar coa embarcación "céntranse nas partes móbiles, sobre todo o temón", o que provocou que nalgunha ocasión chegasen a xirar os barcos ata 180 graos. Todas as interaccións remataron cando os barcos pararon ou cando rompeu o timón, afastándose as candorcas nese momento. Dous dos animais analizados presentan feridas, que se descoñece se foron froito dalgunha destas interaccións con veleiros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.