A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) leva tres décadas dedicada ao estudo e divulgación dos mamíferos e tartarugas mariñas de Galicia, embarcada en numerosos proxectos e actividades de investigación e defensa do medio mariño, con accións de rescate e identificación de animais e sobre todo buscando a concienciación da cidadanía sobre a riqueza das nosas augas e da necesidade de protexela.
"Non somos conscientes nin da riqueza que temos nos bosques nin nos ríos nin moito menos no mar. Pensamos que o mar é infinito e a realidade é que as cotas de capturas pesqueiras danse sempre por riba do nivel de recuperación das especies"
A sociedade galega é consciente da riqueza das súas augas mariñas e costas? "Non, para nada somos conscientes nin da riqueza que temos nos bosques nin nos ríos nin moito menos no mar", di Alfredo López, biólogo de Cemma. "Pensamos que o mar é todo infinito e a realidade é que as cotas de capturas pesqueiras danse sempre por riba do nivel de recuperación das especies, e logo non hai polbo e non se sabe por que. Se falas con calquera vello dirache que antes pescaban o polbo un ou dous meses ao ano e agora en cambio quérese pescar durante case todo o ano, agás algún mes de parón. Falo do polbo como se podería falar de calquera outra especie. A riqueza das nosas rías está sobreexplotada", denuncia.
"Nestes momentos temos un problema tremendo de mortalidade de cetáceos debido á súa captura accidental en faenas pesqueiras", comenta. "Pero o problema é que estas capturas accidentais non son un accidente, senón que se producen por sistema: é un problema sistemático da forma de pescar. E polo tanto isto está afectando de forma moi importante á poboación de moitas especies, de xeito que nestes momento a toniña está en perigo de extinción en Galicia".
"O problema é que as capturas accidentais non son un accidente, senón que se producen por sistema: é un problema sistemático da forma de pescar"
"Non somos conscientes tampouco da situación crítica na que se atopan algunhas especies", alerta. "A toniña está desaparecendo a unha velocidade maior do como o fixeron outras especies no seu momento. Nin somos conscientes da riqueza nin do impacto que estamos producindo nas nosas augas. Dentro de 20 anos botaremos as mans á cabeza pola desaparición dalgunhas especies", subliña.
Nos últimos meses Cemma levou a cabo en colaboración coa Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o Proxecto Virada, que busca a redución da mortalidade por captura accidental en artes de pesca da toniña (Phocoena phocoena) e do arroaz (Tursiops truncatus) en áreas Rede Natura 2000 de Galicia. Virada tamén vai dirixido ao sector pesqueiro e pretende contribuír a que esta actividade sexa sostible dende o punto de vista ambiental e compatible coa preservación da biodiversidade e do medio mariño.
"Os microplásticos están invadindo todo o medio mariño, de xeito que o 100% dos exemplares que analizamos teñen microplásticos nos seus corpos. Estes residuos, grandes ou pequenos, provocan uns danos enormes"
Os datos recollidos por CEMMA na costa de Galicia ao longo dos últimos 30 anos, son demoledores: cada ano aparecen varados unha media de 285 cetáceos, a metade dos cales presenta indicios compatibles cun diagnóstico de morte por captura accidental en artes de pesca. No caso da toniña, unha especie considerada xa extinta no Mediterráneo, e que presenta o seu derradeiro reduto poboacional nas augas do noroeste da península Ibérica, os últimos estudos realizados sobre a súa dinámica poboacional indican que deixará de estar presente nas nosas augas nun prazo inferior a 20 anos.
Ademais da sobreexplotación pesqueira e das capturas accidentais, Cemma incide todos os anos nos prexuízos provocados pola cada vez maior cantidade de residuos -sobre todo plásticos- existente no mar. "Os microplásticos están invadindo todo o medio mariño, de xeito que o 100% dos exemplares que analizamos teñen microplásticos nos seus corpos. Estes residuos, grandes ou pequenos, provocan uns danos enormes, como sucedeu recentemente cun golfiño que atopamos en Fisterra, que tiña o corpo atrapado nunha cinta de plástico que pouco a pouco se fora pechando. Afortunadamente conseguimos quitarllo", explica.
"As medidas teñen que pasar por tomar en serio dunha vez un cambio de modelo de consumo e de forma de vivir ou isto non ten solución"
Que se pode facer para mudar esta situación? "As medidas teñen que pasar por tomar en serio dunha vez un cambio de modelo de consumo e de forma de vivir ou isto non ten solución. De pouco vale que unha pesquería se recupere momentaneamente porque se tomaron unha serie de medidas, porque o resto non se recupera", di. "Ollo, se cadra algunha destas desaparicións son máis ou menos inevitables dende Galicia, producidas polo cambio climático xeral, pero as cousas que si podemos cambiar, como as capturas accidentais ou o vertido de residuos, non o estamos facendo", engade.
As interaccións de candorcas
Cemma amósase crítica co tratamento sensacionalista que algúns medios de comunicación lle están a dar ás "interaccións" dun grupo de candorcas con algunhas embarcacións
Nas últimas semanas falouse moito nos medios de comunicación e nas redes sociais dunha serie de interaccións de candorcas con embarcacións ao longo da costa atlántica da Península Ibérica, tamén en Galicia. Moitos titulares elevaron estes incidentes a "ataques", nun exercicio de sensacionalismo que Cemma rexeita por completo. "Antes de nada, quero facerche unha puntualización: neste momento non estamos dando declaracións sobre as candorcas. Se ese tema deixámolo sen tocar, mellor. Todo o que había que dicir, xa o dixemos, e non imos achegar nada novo", di Alfredo López antes de comezar a entrevista.
"Ante a difusión e certo sensacionalismo que está habendo en medios de comunicación e redes sociais, gustaríanos explicar que a partir de finais de agosto non é raro ver pequenos grupos que se dirixen cara ao norte dende o Golfo de Cádiz e Estrecho de Gibraltar, atravesando a plataforma galaico-portuguesa", sinalaba Cemma hai dúas semanas nunha nota, na que engadía que "as candorcas son uns cetáceos pouco coñecidos en Galicia porque só están de paso un par de veces ao ano. Desta volta o seu paso está causando moito rebumbio polas interaccións comprobadas, tanto con barcos de vela como cos encontros con surfistas".
"Lamentamos o cualificativo imposto por diversos medios de comunicación que xulgan uns feitos e o comportamento duns animais salvaxes pertencentes a unha especie protexida, sen o suficiente coñecemento de causa"
Porén, dende a Coordinadora incidíase na necesidade de "cualificar os encontros das embarcacións como interaccións", e non como "ataques". Ademais, criticaba o "desprestixio sobre unha especie protexida" provocado por algúns medios de comunicación. "Lamentamos o cualificativo imposto por diversos medios de comunicación que xulgan uns feitos e o comportamento duns animais salvaxes pertencentes a unha especie protexida, sen o suficiente coñecemento de causa, e á lixeira, sen atender ás consecuencias que isto pode ter a nivel de percepción social", dicía. CEMMA trasladaba ademais "tranquilidade" a usuarios do mar e navegantes, repetindo a recomendación xa realizada por Salvamento Marítimo, que pedía "evitar que as embarcacións realicen achegamentos que poidan desencadear interacción pola banda dos cetáceos".
"Estanse inspeccionando os barcos para comprender mellor como se produciron e que tipo de contactos teñen en base aos indicios. Como sempre farémolo obxectivamente, con calma ata ter todos os datos", dicíase dende Cemma. Neste senso, constituíuse un grupo de expertos internacionais en cetáceos e candorcas, con gran coñecemento do comportamento da especie, que está analizando detalladamente os casos e que están en contacto permanente con SOS-Galicia, Salvamento Marítimo, Ministerio e Xunta para recompilar e procesar toda a información.
Como actuar se atopamos un mamífero mariño na costa?
Entre as actividades que Cemma leva a cabo habitualmente están os avistamentos das distintas especies que habitan nas nosas augas ou pasan momentaneamente por elas. A Coordinadora aínda non puido realizar unha valoración detallada da situación observada nos últimos meses, pero Alfredo López comenta que "aínda que cada ano é un pouco diferente aos anteriores, nos últimos tempos estamos detectando cada vez máis unha maior entrada de baleas fronte ás costas galegas e, ademais, unha maior presenza de golfiño común. Habitualmente o número de golfiños descendía no verán e ultimamente, en cambio, está habendo unha alta densidade, o que fai que mesmo se observen moi preto da costa".
"No caso de atopar un animal varado, o primeiro que hai que facer é chamar ao 112 e ao teléfono da CEMMA para informar do caso"
Unha das consultas que máis recibe Cemma ten que ver con como actuar no caso de atopar algún animal varado na beiramar ou desorientado na costa. "No caso de atopar un animal varado, o primeiro que hai que facer é chamar ao 112 e ao teléfono da CEMMA (686989008) para informar do caso e, se está vivo, solicitar axuda para poder salvalo, o que non sempre é posible. Tamén para recibir consellos sobre o que facer, porque ás veces os primeiros minutos son moi importantes", explica. "A clave é sempre avisar antes a eses teléfonos, para facer as cousas ben, porque en ocasións se a persoa tira do animal pode magoalo máis", engade.
Confi, o arroaz solitario da ría de Muros-Noia
De cando en cando, nas costas galegas aparece algún cetáceo, illado do resto de individuos da súa especie, que permanece durante un longo tempo na mesma zona, sen saír do interior dunha ría e, pouco a pouco, levando a cabo máis interaccións con embarcacións ou con persoas que se están a bañar nalgunha das súas praias. É o caso de Confi, un arroaz que leva na ría de Muros e Noia dende o pasado mes de decembro, e que polo seu comportamento entra na categoría de Arroaz Solitario Embaixador.
Confi é un arroaz que leva na ría de Muros e Noia dende o pasado mes de decembro, e que polo seu comportamento entra na categoría de Arroaz Solitario Embaixador. Pídese que sexa observado dende a distancia e non molestado
Ante a presenza cada vez máis visible de Confi, Cemma lanzou unha serie de recomendacións, que pasan sobre todo por observalo dende a distancia, sen tocalo nin achegarse demasiado a el. Ademais, non alimentalo e, no caso de embarcacións "non cambiar de dirección ou de velocidade de xeito brusco". Cemma salienta que "nunha relación de interacción entre os seres humanos e o arroaz, quen sempre sae perdendo é o arroaz. Evitémolo"
"Nunha primeira fase, que lle chamamos fase discreta, o que facemos é un seguimento do animal. Pero xa tiñamos previsto que pasase a unha segunda fase, máis pública, debido a que o animal comeza a interactuar coa xente dunha maneira máis estreita. Por iso iniciamos unha campaña de información para que a xente saiba como actuar", explica Alfredo López.