"Só sabemos o que atopamos nas praias". Quen fala é Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) que ten a súa sede en Nigrán. Dende hai arredor dunha semana esta entidade e outras como a asociación ecoloxista Adega ou o Grupo Naturalista Hábitat están a recoller ducias de aves mariñas abeiradas por practicamente toda a costa galega, moitas delas mortas e a práctica totalidade enchoupadas por unha substancia oleosa de orixe descoñecida.
As persoas a traballar nas praias acharon xa máis dun cento de aves mariñas afectadas pola vertedura mentres seguen a procurar información sobre o acontecido
Son fundamentalmente araos de varios tipos, pero tamén gaivotas, os afectados por unha vertedura da que polo momento pouco se sabe. "Deducimos que é estendida porque os animais non aparecen en puntos localizados", explica Alfredo López a Praza.gal. Están documentados achados de aves mariñas afectadas pola mesma substancia dende Oia a Burela pasando pola Costa da Morte, a contorna da Barbanza ou a praia coruñesa do Orzán. E son xa máis dun cento.
María Canedo, de Adega, está a traballar nestes días na recollida das aves afectadas pola vertedura e no traslado a centros de recuperación de aves -existe un por provincia- nos casos en que aparecen vivas. En conversa con Praza.gal, explica que polo momento a información coa que traballan é escasa. Procuraron información na Consellería de Medio Ambiente, pero polo momento sen resposta, sinalaba na tarde do xoves.
En Adega non teñen moitas dúbidas a respecto de que a vertedura é froito dun "sentinazo"
En Adega non teñen moitas dúbidas a respecto de que a vertedura é froito dun "sentinazo", isto é, da saída intencionada ao mar de substancias contaminantes procedentes dun buque. Pero pouco máis, polo momento. "Aparentemente, apreciamos que non é fuel; non ten cor negra, senón laranxa e textura pastosa". Unha das hipóteses é que puidese ser parafina, pero nada é seguro "ata que se fagan estudos técnicos". dende o Grupo Naturalista Hábitat non desbotan a existencia dunha segunda vertedura que si contería fuel.
Aínda que estas entidades amosan relativa sorpresa pola intensidade da vertedura e desconcerto por non coñecer a súa orixe, si aclaran que este tipo de prácticas non son, en absoluto, inéditas. "Isto vén sucedendo", aclara Alfredo López e "soen aparecer aves puntualmente" afectadas por verteduras, así como "manchas de petróleo" ou "galletas de chapapote". Neste caso, ademais, "non sabemos se hai unha mancha que segue no mar ou está dispersa", se ben "de momento, non nos consta que aparecese hidrocarburo na costa", explican dende CEMMA.
Consellos en caso de achar unha ave afectada
Mentres agardan por coñecer máis datos -Praza.gal consultou este xoves á Consellería de Medio Ambiente ao respecto, sen obter resposta polo momento-, dende Adega fan especial fincapé nos consellos a seguir no caso de colaborar na recuperación de aves afectadas, moi especialmente se continúan vivas. O máis recomendable, detalla María Canedo, é usar luvas e "poñerlles unha goma elástica no peteiro para evitar que nos pique". "Se son grandes hai que ter máis coidado, porque nos poderían peteirar nos ollos", advirte.
Esa medida de precaución permite ademais, detalla Canedo, que a ave afectada "non siga inxerindo a substancia" contaminante. A continuación "debemos inmobilizalos cun trapo vello para que non perdan calor" e introducilos nunha caixa, na que non moverán as ás grazas a esa protección. O indicado nestes casos "é avisar a través do 112 ao centro de recuperación de fauna salvaxe que corresponda, agardando a chegada do persoal para entregalas" ou, no seu caso, "indicar o enderezo" no que poidan recollelas.