A indefensión ante un novo Prestige (e a súa sentenza) case un ano despois

A sala do tribunal, antes de ler a sentenza do Prestige © Cerna

"O que di que o fuel se vai solidificar, debería ser imputado, xa que é un cooperador necesario". Quen así fala é Carlos Martínez-Buján, catedrático de Dereito Penal da Coruña e un dos expertos que a finais da pasada semana participou nun seminario centrado na nova situación legal ante unha catástrofe como a do Prestige e na que se analizou con detalle a sentenza. A pouco máis dun mes de que se cumpra un ano daquel polémico ditame, o coloquio organizado pola Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) foi moi claro á hora de criticar as nulas consecuencias daquela resolución xudicial, así como da indefensión da sociedade ante outro accidente semellante. Nada cambiou máis de dez anos despois.

O Goberno, a través de López-Sors, así como o capitán Mangouras e o xefe de máquinas, foran absoltos de delito medioambiental nunha sentenza de novembro de 2013 -unha década despois do accidente- que defendeu o afastamento do buque, "aceptable e non imprudente", e a xestión do Executivo, que cualificou de "profesional e correcta". O xuízo saldárase cunha mínima pena para o capitán e case un ano despois, varios expertos reflexionaron sobre unha polémica resolución xudicial.

"A sentenza do Prestige tivo un erro que a vicia de raíz porque entende que as motivacións eliminan a imprudencia"

"Non son só autores os que realizan o feito, senón tamén aqueles que os provocan, é dicir, aqueles que dan lugar aos vertidos sen que se producisen ou provocasen orixinalmente. Polo tanto, os partícipes tamén pasan a ser autores aínda que non se acredite que realizasen efectivamente o delito, polo que se debería castigar a cooperación necesaria imprudente", insistiu en asegurar Martínez-Buján. No mesmo sentido, sinalou que na sentenza do Prestige "houbo un grave erro que a vicia de raíz". "Entende de forma errónea que as motivacións eliminan a imprudencia. Fronte ao que di a sentenza, o decisivo nela é a infracción do deber de coidado e a imprudencia hai que recordar que pode ser consciente ou inconsciente", insistiu en referencia á xestión que da catástrofe fixo o Goberno do Estado.

Para este catedrático, "de haber unha delegación de competencias, o responsable é o delegado, pero iso non exime ao delegante porque ten a obriga de vixiar o seu comportamento". "Ás autoridades españolas non se lles pode atribuír responsabilidade orixinal, pero iso non as exime da súa intervención desde o momento no que asumen o control do perigo e no caso de desmotrarse que houbo unha falta de dilixencia", engade tras preguntarse "por que non houbo condena" se "ao ler a sentenza queda claro que houbo unha imprudencia". "Dá un salto ilóxico ao entrar a elucubrar sobre cal tería sido o mal menor de levalo a un porto refuxio", respóndese. "A solución de refuxiar o buque era xurídico-penalmente obrigatoria porque era o mal menor; de afundir o buque, non pasaría nada porque a decisión estaría amparada polo concepto de mal menor", reafirmouse.

Pero ademais de librárense da condena os acusados, daquela polémica sentenza sacouse outra conclusión: os damnificados dunha das maiores catástrofes ambientais da historia non serán indemnizados polos danos e prexuízos sufridos. Segundo o ditame do tribunal, non se lle pode exixir responsabilidade civil a ninguén. E a facturar non era pouca. O fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, sinalara que o importe que agora quedará sen pagar ascendía aos 4.328 millóns de euros ao Estado, dos que case 2.500 correspondían a Galicia, 86 millóns a Francia e 1,2 á Xunta.

"Os buques menos seguros escollen as costas galegas para ir a Singapur para evitar as graves sancións que lles caerían nos EUA"

Miguel Roca, avogado e experto maritimista, debullou o tema e analizou as consecuencias que accidentes como o de Prestige teñen tanto para os responsables directos como para os países afectados. "Se o Prestige se tivese afundido fronte ás costas de Alaska, teríase pagado unha cantidade enorme, pero España ten moi pouco peso", reflexionou quen recorda que a Oil Polution Act é unha "gran norma" para os americanos, pero "non resolve nada para o resto dos Estados". É por iso, di, polo que "buques menos seguros escollen as costas galegas para ir a Singapur e non usan unha ruta que cruce augas norteamericanas".

Ademais, Juan José Juste, catedrático de Dereito Internacional Privado da Universidade do País Vasco, insistiu no tema para asegurar que "se hoxe se producise un novo Prestige, estariamos exactamente igual que hai dez anos" e aclarou que "se hai que perseguir unha vía penal" neste caso é "porque temos un sistema que non permite atender, polo de agora, que quen contamina paga". "Ver nos telexornais o capitán Mangouras coma se fose un chivo expiatorio para de aí abrir un proceso penal produciume tristura, pero no xuízo fíxose o que se podía facer; socialmente, o mellor penal do mundo non podería sacar un ditame mellor en termos de danos porque non é un problema de xuíz, senón de norma".

"Fíxose o que se podía facer porque non é un problema de xuíz, senón de norma"

"Se hai un segundo Prestige, non serven para nada as normas que hai agora por moi novidosas que sexan", afirmou o profesor da UPV, que coincidiu en moitos aspectos con Juan José Juste, catedrático de Dereito Internacional, que reclamou "un papel máis eficiente das administracións á hora de recuperar os danos que producen as empresas petroleiras". "Hai modelos que son máis eficientes e hai que procurar este tipo de modelos", dixo.

Por outra banda, Miguel Roca, baseado na experiencia do ocorrido coa sentenza do Prestige, foi contundente. "A seguridade xurídica dana os xuíces e o único sistema que ofrece esa seguridade está no mundo anglosaxón, en España é tirar unha moeda ao aire", asegurou quen di recomendar aos seus clientes "estar canto máis lonxe mellor dun xulgado español". E puxo exemplos. "No caso da catástrofe en Galicia, os 28 peritos mantiñan 28 posicións distintas e isto é inconcibible noutros ámbitos", engadiu quen cre que "non é xusto" facer valoración sobre o ocorrido no Estado co caso Prestige porque "aquí trabállase moi mal".

Para Luis García Pita, catedrático de Dereito Mercantil, o máis "grave e decepcionante" da sentenza foi coñecer "unha resolución de arbitraxe en Londres que damanda a España polos danos do Prestige". "Os ingleses teñen unhas ideas sobre os contratos que non se parecen en nada ás de aquí porque aínda que o país non sexa parte, para o dereito anglosaxón España pode verse afectada de igual modo", explicou para aclarar que no Estado "só se paga a indemnización, pero nos Estados Unidos pagan máis sobre todo para castigar a quen comete un dano".

"España non acertou ao acudir aos tribunais amercianos e atopouse cunha decisión xudicial na súa contra"

Para o catedrático da Universidade da Coruña, España "non acertou" ao ter acudido aos tribunais americanos, xa que por falta de experiencia atopouse cunha decisión xudicial que veu na súa contra. "Hai que loitar para que estes casos queden en España e non facer turismo xudicial; aquí o que cause un dano ten que indemnizar", insistiu, tras lembrar que a Constitución tamén protexe o dereito a reclamar e criticar que "malia estar recollido ata na Carga Magna, non se fixo valer ese dereito ante a armadora ou o propietario do Prestige". "É malo gañar unha sentenza e non gañar nada, pero peor é non gañar nada", concluíu.

Participantes no seminario da FUAC © FUAC
O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.