O número de gaivotas en Galicia descendeu máis dun 30% nos últimos anos

Gaivota patiamarela adulta morta tras sufrir de síndrome paralizante nas illas Sisargas © Álvaro Barros

A Sociedade Galega de Ornitoloxía alerta sobre a caída na poboación desta especie e esixe da Xunta "unha urxente actuación" para determinar as causas desta diminución, "independentemente da maior ou menor simpatía que a cidadanía poida ter polas gaivotas"

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) alerta dun "espectacular descenso" no número de gaivotas en Galicia. A entidade sinala que a caída da poboación de gaivota patiamarela (Larus michahellis) nas principais colonias de cría do país supera o 30% nos últimos ano. E subliña que unha perda deste calibre, segundo os criterios científicos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), "implica que a poboación galega de gaivota patiamarela se atopa a día de hoxe ameazada e debería estar catalogada como vulnerable”.

A SGO esixe "unha urxente actuación" da Xunta de Galicia e demais administracións con competencias na materia para determinar con claridade as causas deste descenso "independentemente da maior ou menor simpatía que a cidadanía poida ter polas gaivotas", afirma a entidade

Por zonas, en tan só catro anos (de 2011 a 2015) as colonias do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que inclúe as principais colonias da especie nas Rías Baixas, perderon o 36% das súas parellas reprodutoras. Esta tendencia mantívose nos últimos anos, descendendo outro 7% entre 2017 e 2018. No caso da Costa da Morte, a súa principal colonia, instalada nas Illas Sisargas, perdeu o 40% da súa poboación en tan só sete anos, entre 2009 e 2016. E no Concello de Oleiros a diminución nos últimos anos rolda tamén o 36%.

A poboación diminuíu un 36% no Parque Nacional das Illas Atlánticas e un 40% nas Sisargas

A entidade explica que a situación que se dá nas grandes áreas urbanas e en vilas mariñeiras é "difícil de determinar pola falta dunha serie longa de datos obtidos cunha metodoloxía estandarizada". Porén, sinala que na cidade de Vigo, onde si se vén realizando un seguimento da poboación desde hai trinta anos, o número de chamadas ao Concello por parte dos veciños solicitando a retirada de niños dos tellados descendeu de maneira moi importante nos últimos anos, "o que estaría indicando tamén un claro descenso da poboación", di a SGO.

 

As causas

Cales son as causas deste descenso tan importante? A Sociedade Galega de Ornitoloxía afirma que posiblemente non exista unha única razón e que a explicación podería estar nunha conxunción de causas. Por exemplo, explica que a desaparición de fontes de alimentación facilitadas polo ser humano, como a clausura de moitos vertedoiros de lixo e unha menor dispoñibilidade de alimento en forma de descartes pesqueiros como consecuencia de cambios estruturais e funcionais na flota pesqueira galega, poderían ser responsables dunha parte do descenso.

A SGO leva anos detectando unha gran mortaldade de gaivotas nas súas zonas de nidificación con "claros síntomas de padecer algún tipo de enfermidade"

Porén, a SGO sinala que levan anos detectando unha gran mortaldade de gaivotas nas súas zonas de nidificación con "claros síntomas de padecer algún tipo de enfermidade". E alertan de que nas últimas tempadas nas colonias de Cíes, Ons, Sálvora e Sisargas foron detectadas moitas aves adultas que en plena época de reprodución "parecen verse afectadas por algún tipo de intoxicación que en poucos días as van debilitando ata que finalmente paraliza por completo os seus corpos e morren".

A SGO esixe "unha urxente actuación" da Xunta de Galicia

A SGO afirma que "carece dos medios materiais para coñecer as causas deste síndrome" e reclámalle ás distintas administracións, e en especial ao Goberno galego, que se fagan cargo da súa responsabilidade nesta materia e analicen "un número suficiente de mostras que acheguen luz sobre o mal que está a afectar ás nosas gaivotas". "Máis aínda tendo en conta que, en caso de tratarse dunha enfermidade contaxiosa, podería chegar a afectar tamén a outras especies de aves mariñas ameazadas que crían en Galicia", engade.

A Sociedade Galega de Ornitoloxía explica que a presenza de gaivotas en vilas e cidades, coas molestias que ocasionan, "é un motivo polo que moitas persoas senten xenreira cara estas aves" e que por este motivo "a súa diminución podería ser recibida como unha boa nova, ou como o froito dunha boa xestión". Porén, sinala que o feito de que se deba, cando menos en parte, a un proceso de mortaldade por causa dunha enfermidade descoñecida "debería disparar todas as alarmas" pois "as gaivotas comparten con nós moitos espazos, e o que lles suceda pode ser sintomático do estado no que se atopan aqueles lugares nos que vivimos".

Denuncia como "especialmente grave e inescusable" que non se teña actuado desde a dirección do Parque das Illas Atlánticas

Denuncia igualmente como "especialmente grave e inescusable" que non se teñan emprendido xa accións desde a dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas "para saber que mal está afectando tan drasticamente a unha parte importante das súas poboacións de aves mariñas que son, por certo, un dos motivos fundamentais da súa existencia como tal".

Representación dunha gaivota nunha protesta de Nunca Máis CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.