As feridas causadas por unha embarcación a varias candorcas puideron orixinar a sucesión de interaccións con veleiros

O Grupo de Expertos cre que a orixe do actual comportamento das candorcas puido estar nun golpe provocado por un veleiro © Rafa Fernández Caballero

Dende o mes de xullo está a producirse en toda a costa atlántica da Península Ibérica, especialmente en Galicia dende agosto, un gran número de "interaccións" entre grupos de candorcas e veleiros que obrigaron a limitar a navegación de veleiros en varias zonas. Estes incidentes, que en varios casos acabaron coa rotura do temón das embarcacións e situacións e nerviosismo para as persoas tripulantes, teñen desconcertados os expertos e expertas que estudan estes animais, que levan semanas buscando unha explicación a este comportamento, que cualifican de "inhabitual".

Un golpe inicial provocado por unha embarcación -accidental ou intencionado- tería desencadeado as interaccións sucesivas, nas que os animais acaban por rachar o leme dos barcos para reducir a súa velocidade

Expertos e expertas de Galicia (coa participación de CEMMA), do resto do Estado e de Portugal constituíron un Grupo Internacional que leva semanas intercambiando información e tentando afondar nesta cuestión, estudando as distintas candorcas avistadas e analizando as súas interaccións cos veleiros. Tres das candorcas vistas con maior frecuencia en Galicia nas últimas semanas recibiran o nome de Gladis (Gladis negra, Gladis branca e Gladis gris). En dúas delas observáronse lesións de consideración nos seus corpos, que poden ter sido provocadas polo golpe cunha embarcación.

O Grupo de expertos considera que a explicación para o seu estraño comportamento pode ter a súa orixe "nun incidente aversivo que as candorcas tiveron cun barco, no que a velocidade do barco podería ser un compoñente crítico". É dicir, un golpe inicial provocado por unha embarcación -accidental ou intencionado-, que tería desencadeado as interaccións sucesivas, nas que chama a atención sobre todo a súa repetición e a fixación que este grupo de candorcas semellan ter coa estrutura máis débil do buque, o leme, ocasionando a súa rotura para reducir así a velocidade dos veleiros. Sería, así, unha caste de vinganza ou unha reacción defensiva ante a posibilidade de novos golpes por parte das embarcacións.

Aleta dun dos exemplares identificados como 'Gladis' © Grupo de Traballo Internacional Candorcas

"A partir deste suceso, aversivo para as candorcas, desencadeouse unha sucesión de comportamentos en presenza dun veleiro e que remata cun comportamento preventivo consistente en frear a súa velocidade manipulando o leme"

"A partir deste suceso, aversivo para as candorcas, desencadeouse unha sucesión de comportamentos en presenza dun veleiro e que remata cun comportamento preventivo consistente en frear a súa velocidade manipulando o leme", sinala o Grupo de Expertos, que non descartan que un veleiro "poida estar involucrado no incidente aversivo" aínda que pode darse a posibilidade simplemente que as candorcas "identifiquen aos veleiros como barcos máis accesibles que outros con estrutura e características diferentes".

En todo caso, os expertos e expertas sinalan que "dada a falta de evidencias, tampouco se pode descartar que sexa un comportamento inducido polo seu propio interese e curiosidade, xa que ao tocar partes móbiles do barco poden mover o chegar a deter un grande obxecto en movemento".

33 interaccións con veleiros, 22 delas en Galicia

Nas costas galegas tiveron lugar 46 contactos, dos que 22 foron simples avistamentos e os restantes 24 interaccións con embarcacións

En total, dende o verán rexistráronse 33 interaccións entre candorcas e veleiros nas costas ibéricas, seis no Estreito de Xibraltar, cinco en Portugal e 22 en Galicia. Desde o 10 de agosto, as candorcas comezaron a rexistrarse no seu paso pola costa de Galicia, movéndose sempre a unha distancia de entre 2 e 6 millas da costa. O 19 de agosto detectáronse un total de 13 exemplares de candorcas distribuídas en tres grupos, realizando as interaccións con barcos só un deles. A última interacción rexistrada tivo lugar o pasado 30 de setembro. 

En total, nas costas galegas tiveron lugar 46 contactos, dos que 22 foron simples avistamentos e os restantes 24 interaccións con embarcacións. Destas 24 interaccións, o 13% non tivo consecuencias para os barcos, o 20% tiveron consecuencias leves que non impediron a navegación e no 15% dos casos houbo consecuencias "de consideración variable" que impediron a navegación.

Os expertos cartografaron e describiron as lesións corporais, nunha representación corporal de cada un dos exemplares © Grupo de Traballo Internacional Candorcas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.