O 9 de maio do ano 1992 un grupo de persoas, a título individual e representantes de grupos ecoloxistas, asinaron a acta fundacional da CEMMA no Grove. Nacía a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños co obxectivo de investigar os mamíferos e tartarugas mariñas de Galicia e de divulgar os seus achados, traballando a prol da conservación mariña e impulsando a educación ambiental.
Nos seus 30 anos de historia, CEMMA actuou na asistencia de 7.416 varamentos
Destacan os seus responsables que "todo comezou ao redor dun esqueleto de balea azul conservado na Universidade de Santiago en 1990". Dende entón pasaron xa trinta anos, tres décadas de traballo nas que o colectivo levou a cabo exposicións, conferencias e cursos, pero sobre todo traballou sobre o terreo, participando na recuperación de animais varados. En total, CEMMA actuou na asistencia de 7.416 varamentos, nos cales foron detectados 510 exemplares varados con vida, o 50% liberados directamente, a maioría cetáceos, e 182 ingresados, a maioría lobos mariños e tartarugas mariñas; destes exemplares foron rehabilitados e devoltos ao mar máis do 70%.
As cifras dan conta da intensidade do seu labor nestas tres décadas. Neste período foron rexistrados máis de 6.500 avistamentos no mar
Outras cifras dan conta da intensidade do seu labor nestas tres décadas. Neste período foron rexistrados máis de 6.500 avistamentos no mar. A maior parte dos cetáceos observados foron arroaces e golfiños comúns, pero tamén foron observados toniñas, arroaces, arroaces botos e caldeiróns, balea común, balea alibranca e candorcas. Ademais, as campañas marítimas sumaron máis de 62 mil km percorridos no mar. E nas diferentes actividades divulgativas e de educación ambiental participaron neste tempo máis de 20 mil persoas.
Do traballo realizado, Alfredo López, integrante de CEMMA, destaca "a recompilación de información que era descoñecida ata este momento" e o feito de "trasladar esta información tanto á sociedade como ás administracións de cara a traballar de cara á conservación das especies". "O esforzo pagou a pena. Agora podemos dicir que empezamos a saber algo da fauna mariña ameazada en Galicia, mais canto máis sabemos máis interrogantes xorden", conclúe a coordinadora, que nos vindeiros meses levará a cabo distintas actividades para conmemorar as súas primeiras tres décadas.
A primeira das accións de celebración do 30 aniversario é a instalación dunha exposición no Centro de Interpretación Ambiental da Siradella no Grove, en lembranza da primeira exposición inaugurada no mesmo centro no 1994
A primeira destas accións é a instalación dunha exposición no Centro de Interpretación Ambiental da Siradella no Grove, en lembranza da primeira exposición inaugurada no mesmo centro no 1994. A exposición conta con paneis e material óseo provinte dos varamentos e estará instalada no centro os meses de maio e xuño. A Siradella acollerá tamén unha charla e, ademais, organizarase unha proxección no Auditorio de Nigrán (27 de maio). "Non temos capacidade para facer un grande evento, pero iremos facendo cousiñas de pequeno calado e en distintos lugares, para que poidan participar asociados, voluntarios e público en xeral de distintos puntos de Galicia", explica Alfredo López.
"Aínda que hai excepcións, coma o caso das baleas, globalmente a situación do mar empeorou"
Que cambiou no mar nos últimos 30 anos? As especies mariñas están máis ameazadas? Hai boas novas? "Aínda que hai excepcións, coma o caso das baleas, globalmente a situación do mar empeorou", sinala o representante de CEMMA. "No que atinxe ás baleas, unha vez que rematou a súa caza a súa situación mellorou, aumentaron os exemplares dalgunhas especies e achéganse máis á costa, o que permitiu nos últimos anos que puidésemos velas no noso litoral cada vez con máis frecuencia", di. Porén, engade, "ao tempo tamén xurdiron outros perigos diferentes que antes non existían e así outras moitas especies coma as toniñas ou os golfiños teñen cada vez máis ameazas, que mesmo fan que a toniña estea agora en perigo de extinción".
"Compréndese cada vez máis que as actividades humanas teñen un impacto moi forte no medio mariño e nas especies que habitan nel e aumentou a sensibilización social en xeral"
E que mudou na sociedade en canto á súa relación co mar? Aumentou a concienciación? "En relación á proxección social da nosa actividade, esta mellorou bastante, aínda que non tanto como quixéramos", destaca López, que sinala que, por fortuna, "compréndese cada vez máis que as actividades humanas teñen un impacto moi forte no medio mariño e nas especies que habitan nel e aumentou a sensibilización social en xeral". "Nunca é suficiente, porque por exemplo os arroaces seguen sendo perseguidos e acosados por embarcacións, pero globalmente si que se pode dicir que hai unha mellora", engade.
"O noso financiamento é público e polo tanto estamos obrigados a devolver á sociedade todo o que poidamos aprender nos nosos estudos. Xa non só pola importancia que isto ten para incrementar a concienciación, senón por esa propia orixe dos nosos recursos", comenta. Neste senso, explica que "ás veces non é doado traducir a linguaxe científica a unha linguaxe máis coloquial, pero nós intentámolo, trasladando todos estes temas ao público, especialmente ao dos centros de ensino, que é unha prioridade para nós".
"Hai medidas que se poden tomar a nivel individual no que atinxe ao uso de plásticos, pero todo isto é moi insuficiente se non van acompañadas doutras medidas de maior calado"
Que se pode facer, pois, para mellorar a situación do medio mariño, ameazado por exemplo pola cantidade crecente de residuos de todo tipo (especialmente plásticos e microplásticos) e pola pesca accidental de especies? "Sempre se poden facer cousas pero primeiro hai que ser consciente da situación e da necesidade de poñer medidas en marcha que poidan ser efectivas", di Alfredo López. "Por exemplo, en canto á pesca pódense poñer en marcha medidas que reduzan as capturas accidentais", sinala.
Porén, engade, "hai moitas cuestións que son estruturais e mentres non se cambien os hábitos de consumo, de explotación do medio e de xeración e xestión de residuos non haberá moita marxe de actuación". "Hai medidas que se poden tomar a nivel individual no que atinxe ao uso de plásticos, pero todo isto é moi insuficiente se non van acompañadas doutras medidas de maior calado, que deben comezar por cambios na lexislación", subliña.
A Coordinadora prepara novidades para o vindeiro ano? "Todo depende do financiamento, ideas temos moitas"
Como vai continuar CEMMA a súa actividade a partir deste aniversario? A Coordinadora prepara novidades para o vindeiro ano? "Todo depende do financiamento, ideas temos moitas", di Alfredo López. "Hai cousas como a asistencia a varamentos, a recuperación e as campañas marítimas que xa levamos facendo moitos anos e que continuarán. Despois queriamos darlle un impulso a toda a parte de divulgación, pero depende todo do financiamento que teñamos", conclúe.