Nos dous últimos veráns víronse mesmo varios exemplares de balea azul
No verán de 2017 varios avistamentos de baleas nas costas galegas sorprenderon aos expertos, sobre todo pola presenza de varios exemplares de Balea Azul, o animal máis grande do planeta, e que levaba varias décadas sen ser visto nas nosas augas. Ademais da Balaenoptera musculus era moi numerosa a presenza de rorcuais comúns, rorcuais de ás brancas, rorcuais boreais ou xibardas, confirmando a Galicia como "un paraíso para as baleas" e "un punto habitual de alimentación", en palabras de Bruno Díaz, responsable do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI).
Os avistamentos repetíronse e incrementáronse ao longo de 2018, o que segundo os expertos podería indicar a recuperación das rotas de migración destes animais. Galicia constituiría, xaquelogo, un corredor natural nas migracións das baleas en época de apareamento, que se trasladan dende as augas próximas a Islandia ou Noruega en dirección ás máis cálidas do norte de África. "A balea azul garda moitos segredos. É moi importante que a poidamos estudar en Galicia", salientaba Bruno Díaz en conversa con Praza. En agosto e setembro os embarques abertos ao público para ver cetáceos organizados por CEMMA acadaron un éxito absoluto, dando conta do interese social que está a espertar este novo fenómeno.
Nos últimos días grandes cetáceos apareceron varados nas costas de Oia, Bueu e Fisterra
Nos últimos días grandes cetáceos apareceron varados nas costas de Oia, Bueu e Fisterra. O animal que apareceu en Oia (O Porto do Costado) pesaba 30 toneladas e medía 20 metros, unhas dimensións semellantes ás do exemplar que foi atopado en Bueu (O Cabalo), e superiores ás do cachorro de balea común que ficou en Fisterra (Praia do Talón), duns 4 ou 5 metros. Dende a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) sublíñase que aínda que estes sucesos foron rechamantes polo gran tamaño dalgúns dos animais atopados, o número de varamentos que se producen todos os anos en Galicia rolda os 350, case un por día.
Esta semana o BDRI publicou igualmente o balance do traballo desenvolvido ao longo do ano e dos avistamentos realizados nas súas expedicións ao mar. En total, identificaron 520 animais distintos, de 10 especies diferentes, entre baleas, golfiños e tiburóns.
Precisamente hai dúas semanas a entidade gravou preto das Illas Atlánticas un vídeo dun Tiburón peregrino (Cetorhinus maximus), tamén chamado Peixe bobo. O animal, que pode superar os 10 metros de lonxitude e chegar ás seis toneladas, é o segundo peixe máis grande do mundo (só por detrás do tiburón-balea), aliméntase de zooplancto e está considerado como unha especie ameazada.
Os perigos da pesca accidental e dos plásticos
Dende os anos 90 a CEMMA traballa no estudo e recuperación de cetáceos e outros animais. Este verán rescatou o seu golfiño número 3.000 en Galicia e alertou da súa mortalidade por pesca accidental. A Coordinadora alerta da súa elevada mortalidade, explicando que "o número de cetáceos que chegan á costa é só o 25% dos que morren no mar", o que supón que eses 3.000 rexistrados que foron atopados varados "son o testemuño da morte de 12.000 golfiños reais".
CEMMA alerta do perigo que supón a crecente cantidade de plásticos no océano e tamén das mortes causadas pola pesca accidental
Igualmente, CEMMA alerta do perigo que supón crecente cantidade de plásticos no océano. Un recente estudo realizado en colaboración co IEO concluíu que os microplásticos están presentes no 100% dos golfiños examinados. Neste senso, a pasada semana apareceu na praia de Fontela (Barreiros), un cachorro de lobo mariño duns dous meses de idade, cincento, moi delgado e cunha ferida externa, que faleceu durante o traslado á UCI que a entidade ten en Nigrán. Durante a realización da necropsia un dos principais achados foi un acúmulo de plásticos no estómago que formaban un tapón a nivel do píloro, afectando ao tránsito dixestivo.
"O océano galego é moi rico, pero non é infinito. Se os recursos non se xestionan ben, vanse esgotar: para as baleas, para os golfiños, pero tamén para nós", alertaba igualmente Bruno Díaz (BDRI), pedindo unha maior sensibilización da sociedade en relación ao medio ambiente e ao respecto á biodiversidade mariña.