0 Gardados para despois

Dúas décadas a recoller, coidar e devolver ao mar lobos mariños e golfiños

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O pasado 14 de xaneiro apareceu no porto da Guarda unha femia de lobo mariño cincento de 85 centímetros de lonxitude e 14 quilos de peso. Desnutrida, deshidratada e cunha afección respiratoria, negábase a volver ao mar. Este sábado, bautizada como Guardesiña, con máis de 30 quilos e recuperada, foi embarcada no arrastreiro Patricia Marta para ser devolta ao mar no Gran Sol. Ela fai o número 33 dos lobos mariños recuperados e liberados con vida desde 1998 pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Con Guardesiña, aparecida en xaneiro no peirao da Guarda e embarcada este sábado cara ao Gran Sol, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) xa leva recuperados 33 lobos mariños desde 1998

Constituída legalmente en maio de 1992 pero cun par de anos previos de traballo no Museo Luis Iglesias de Historia Natural, da Universidade de Santiago, a CEMMA é desde finais desa década, grazas a convenios coa Xunta, a única organización responsable da recuperación dos mamíferos mariños que aparecen varados na costa galega.  E non só mamíferos, porque malia que os lobos mariños son os máis habituais, e tamén atenden golfiños, polas súas mans pasan tamén outras especies como tartarugas. Membro fundador da Sociedad Española de Cetáceos e da European Cetacean Society, vén mantendo en pé nestas dúas décadas unha rede de avistamentos grazas á colaboración tanto dos seus socios a título individual como dos seus socios colectivos: ERVA de Vigo, HÁBITAT da Coruña, Colectivo Ecoloxista do Salnés ou Asociación Naturalista do Baixo Miño.

Desde febreiro de 2003 a CEMMA conta cun local propio en Nigrán e emprega habitualmente para unha segunda fase de recuperación dos animais as instalacións que o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) ten na Illa de Arousa, ou o acuario do Grove. Polo Igafa pasou Guardesiña, a que máis sorte tivo dos lobos mariños avistados este ano en Galicia.

Segundo relata CEMMA, nesta última tempada de lobos mariños, que van de finais de ano a marzo do ano seguinte, as unidades móbiles da rede de varamentos “mantivéronse alerta pola permanencia do mal tempo dende principios de ano, xa que esta situación continuada podía motivar que os lobos mariños se dirixiran á costa na procura de refuxio, como así aconteceu”. Dos 13 exemplares rexistrados nesta tempada, catro foron observados preto da costa mentres que nove atopáronse varados. Destes últimos, catro estaban aínda con vida, dos que dous morreron antes do ingreso nas súas instalacións mentres que para outros dous os seus coidados chegaron a tempo. Unha deles é Guardesiña, que xa viaxa cara ao Gran Sol a bordo do Patricia Marta, pesqueiro para o que esta é a súa terceira misión de devolución ao mar dun lobo mariño.

Embarque de 'Guardesiña', lobo mariño recuperado polo CEMMA, cara á súa solta no Gran Sol

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.