0 Gardados para despois

A tartaruga 'Ladeira' segue viaxe cara ao Caribe

Redacción | @prazapublica

Ladeira chámase a tartaruga que o pasado 31 de marzo apareceu sen folgos na praia do mesmo nome de Corrubedo, en Ribeira. Na boca da ría de Arousa será onde este mércores volverá nadar en liberdade, logo de pasar catro meses recuperándose no centro que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) ten en Nigrán.

Unha tartaruga atopada sen folgos en Corrubedo hai catro meses será soltada este mércores no Grove logo da súa recuperación pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA)

Con 21 centímetros de lonxitude e medio quilo de peso cando foi recollida, agora gañou outros 300 gramos, mobilidade e capacidade de mergullo, salientan desde o CEMMA. A primeira parte da súa recuperación realizouse en Nigrán, onde foi pasando por diversos estanques cada vez de maior tamaño ata que puido ser trasladada, para unha segunda fase, ao Acuario do Grove, onde compartiu espazo con outras especies para adaptarse ás condicións que terá ao volver ao medio natural. E desde alí sairá na mañá deste mércores con destino ao porto do Grove, onde ás 9.30 horas embarcará nun buque de Gardacostas de Galicia para ser liberada fóra da ría de Arousa e que poida continuar o seu camiño cara o Caribe.

Cando aparecen animais mariños nas praias, o CEMMA recomenda non achegarse demasiado a eles para non asustalos e avisar o 112, que activará o dispositivo máis adecuado para a súa recuperación segundo o que determinen os especialistas, xa que non todos os animais precisan ser recollidos.

Solta dunha tartaruga mariña polo CEMMA

CEMMA

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.