CEMMA pide o peche ao baño dunha praia en Porto do Son ante o acoso que sofre o arroaz Confi

O arroaz Confi © CEMMA

En decembro do ano 2019 o arroaz Confi comezou a ser visto na ría de Muros e Noia. Trátase dun animal illado do resto de individuos da súa especie e que dende entón permanece nestas augas, sen saír do interior dunha ría e, pouco a pouco, levando a cabo máis interaccións con embarcacións ou con persoas que se están a bañar nalgunha das súas praias. Polo seu comportamento entra na categoría de Arroaz Solitario Embaixador, un fenómeno que se repite de cando en cando con estes animais.

En decembro do ano 2019 o arroaz Confi comezou a ser visto na ría de Muros e Noia. Trátase dun animal illado do resto de individuos da súa especie e que dende entón permanece nestas augas

Dende a aparición de Confi, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) lanzou unha serie de recomendacións, que pasan sobre todo por observalo dende a distancia, sen tocalo nin achegarse demasiado a el. Ademais, non alimentalo e, no caso de embarcacións "non cambiar de dirección ou de velocidade de xeito brusco". Cemma salienta que "nunha relación de interacción entre os seres humanos e o arroaz, quen sempre sae perdendo é o arroaz. Evitémolo".

O arroaz Confi © CEMMA

"A pesar de ter dado recomendacións e de ter promocionado a colocación pública de información nas praias e portos, unha gran parte do público fai caso omiso das recomendacións e segue bañándose e acosando ao arroaz solitario CONFI"

Porén, aínda que unha maioría de habitantes da Ría de Muros e Noia e tamén boa parte dos e das bañistas das praias seguiron as recomendacións lanzadas por CEMMA, foron moitos os que se achegaron en exceso ao animal, tocándoo, facéndolle fotos ou nadando ao seu carón, comportamentos que poden ser moi prexudiciais para Confi. Por este motivo, e despois de ter lanzado repetidas advertencias ao respecto, a entidade vén de solicitar publicamente o peche ao baño da praia de Ornanda, en Porto do Son, onde a presenza do animal é máis frecuente e anuncia que levará a cabo accións ante as distintas administracións para que este peche se faga efectivo.

O motivo, sinala a entidade, é que "os bañistas que entran en contacto co arroaz corren un grande risco de contaxio de enfermidades e non saben comportarse con dignidade fronte a un animal salvaxe pertencente a unha especie protexida". A Coordinadora alerta de que "cada persoa que contacta fisicamente con CONFI é un día menos da súa vida libre, a cada contacto perde o interese de vover cos seus".

Cemma lamenta que "a pesar de que se ten dado unha serie de recomendacións e mesmo promocionado a colocación pública de información nas praias portos e nos medios de comunicación, unha grande parte do público fai caso omiso das recomendacións e segue bañándose e acosando ao arroaz solitario CONFI". "Desatenden as recomendacións dos voluntarios de CEMMA e de Protección Civil e só saben acatar as recomendacións en presenza de Policía Local ou Guardia Civil. Non atenden a ninguén que non vaia armado", denuncian.

"Cada persoa que contacta fisicamente con CONFI é un día menos da súa vida libre, a cada contacto perde o interese de vover cos seus"

"Durante o acoso que o arroaz está a sufrir, mediante o achegamento de decenas e centos de persoas a súa proximidade buscando contacto, súmase a rotura das recomendacións COVID onde esas persoas se congregan ao seu arredor sen respectar minimamente a distancia de seguridade nin mascarilla, o que pode contaxiar mesmo ao propio animal dado que é un mamífero e por tanto pode sufrir as mesmas enfermidades que os mamíferos terrestres", sinala CEMMA.

Praia de Ornanda, en Porto do Son CC-BY-SA Certo Xornal

"Os humanos que entran en contacto co arroaz tamén poden ser contaxiados de neumonía e de enfermidades víricas epidérmicas, algunhas das cales foron xa comprobadas na pel do arroaz"

A Coordinadora engade neste senso que "os humanos que entran en contacto co arroaz tamén poden ser contaxiados de neumonía e de enfermidades víricas epidérmicas, algunhas das cales foron xa comprobadas na pel do arroaz". "Máis aínda cando o contacto cos humanos esta a provocar diversas feridas, sobre todo na cara e parte anterior do corpo, que poden agravar esta situación", di.

Hai unhas semanas CEMMA xa alertou do acoso que sofren os cetáceos e lembrou que está prohibido achegarse a menos de 60 metros deles. “Os humanos non temos dereito algún diante destas especies protexidas e si deberes, os dereitos os teñen eles, a poder vivir libre e tranquilamente no mar que é o seu medio dende hai millóns de anos, onde os humanos non somos máis ca intrusos”, sinalaba a entidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.