A investigación estudou 719 mostras procedentes de 12 países. Entre elas había varias procedentes de Galicia, grazas á colaboración da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA)
Un estudo de zooarqueoloxía de baleas que vén de ser publicado na revista Royal Society Open Science conclúe que a actividade baleeira causou a extinción de dúas especies no Atlántico europeo: a balea franca do Atlántico norte e a balea cincenta. A investigación, coordinada por Youri van den Hurk, investigador das Universidades de Trondheim e Groningen, estudou 719 mostras procedentes de 12 países, o que a converte na máis completa das realizadas en Europa. Entre elas había moitas procedentes de Galicia, grazas á colaboración da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).
Na investigación analizáronse mostras dende o ano 3.500 a.C. ata o século XVIII, obténdose a identificación de 623 delas, asumindo que algúns exemplares foron cazados e outros puideron ser aproveitamentos de cadáveres varados. Con moita diferenza as dúas especies máis frecuentes foron a balea vasca ou franca (46,5%) e a balea cincenta (15,3%), ambas con rexistros dende España ata Noruega.
A actividade baleeira no Atlántico europeo causou a extinción de dúas especies: a balea franca do Atlántico norte e a balea cincenta
Chama a atención que outras especies que foron cazadas durante o século XX e que aínda hoxe en día manteñen a súa presenza nesta área de estudo estivesen presentes en moita menor medida nos resultados obtidos de mostras antigas, como por exemplo a balea común (5,1%), a xibarte (4,7%), ou a azul (1,7%).
Estes cambios entre a súa frecuencia pasada e a actual permiten pensar en que as especies agora desaparecidas foron no seu día as máis utilizadas, probablemente polos seus hábitos costeiros que as fixeron máis susceptibles de ser cazadas por pobos do norte do Estato español, normandos, flamencos, frisóns, anglosaxóns e escandinavos.
As baleas vasca, cincenta, común e xibarte foron utilizadas como recurso polas comunidades humanas en Galicia dende hai milleiros de anos
A influencia da caza na poboación de baleas francas xa se coñecía, pero a súa influencia sobre a poboación de balea cincenta descoñecíase ata agora, xa que se pensaba que dado o reducido número de exemplares atopados antes de este estudo a poboación no Atlántico era moi pequena e inviable independentemente da acción humana.
Aínda que a caza medieval xa era coñecida e está ben documentada en distintos países de Europa, neste traballo destácase que a cultura Vlaardingen do delta do río Rin, coñecida pola súa explotación de recursos mariños, probablemente levaba a cabo a caza de baleas cincentas ademais de aproveitar as varadas, dada a moi alta proporción de baleas cincentas rexistradas alí, entre os anos 3.500 e 2.500 a.C. Este caso de probable caza activa de baleas no Neolítico sería un descubrimento sen precedentes en toda Europa.
Algunha das mostras de baleas estudadas proviñan do castro de A Lanzada (as máis antigas do s. II a.C.), a Atalaia de San Cibrao, castro de Alobre, praia de Cubelas e o porto de Bares
No relativo ás mostras de Galicia, analizáronse 68 procedentes de distintos puntos, ás que CEMMA contribuiu con 15 que foron recollidas gracias a un proxecto de investigación financiado polo GAC-7 Ría de Vigo-A Guarda. De 18 delas non foi posible conseguir unha identificación. Das restantes, 39 eran baleas francas, 3 eran baleas de identificación dudosa, 4 foron xibartes, 2 azuis, 1 cincenta e 1 resultou ser un delfínido. As baleas vasca, cincenta, común e xibarte foron utilizadas como recurso polas comunidades humanas en Galicia dende hai milleiros de anos.
As mostras de baleas francas proviñan do castro de A Lanzada (as máis antigas do s. II a.C.), a Atalaia de San Cibrao, castro de Alobre, praia de Cubelas e o porto de Bares (as máis modernas, entre o s. XIII e o s. XVIII). Do castro de A Lanzada (Sanxenxo) tamén se recolleron mostras de unha xibarte do s. I ou s. II a.C., e o delfínido dos s. II a s. IV. En San Cibrao (Cervo) recolléronse as mostras da balea cincenta, datada entre o s. I e o s. V, de unha azul, datada na mesma época, e de tres xibartes, dúas delas da mesma época e outra medieval. A outra azul apareceu no s. XV – XVI en Pontevedra.