"As capturas accidentais e a sobrepesca poden levar á desaparición desta especie das nosas augas"
A riqueza das augas galegas permite que no noso litoral habiten e se alimenten un gran número de especies mariñas, e entre elas numerosos cetáceos, dende as grandes baleas que estamos a ver nos últimos anos ata os máis habituais golfiños comúns e arroaces. Porén, todos eles están expostos a grandes ameazas, dende a crecente concentración de plásticos nos océanos ata os prexuízos provocados pola sobrepesca e as capturas accidentais nas redes dos barcos pesqueiros.
Un estudo realizado por tres investigadores e investigadoras do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con sede no Grove, publicado na revista Progress in Oceanography. alerta dos efectos negativos causados ás poboación de golfiño común (Delphinus delphis) en Galicia pola pesca de arrastre. A investigación de Bruno Díaz, Séverine Methion e Oriol Giralt salienta a necesidade "dunha adecuada xestión da pesca de arrastre para a supervivencia dos golfiños comúns no norte da Península Ibérica" xa que "as capturas accidentais e a sobrepesca poden levar á desaparición desta especie das nosas augas".
Nos últimos 20 anos o número de golfiños encallados aumentou un 18%
A investigación é produto dun total de 273 expedicións ao mar realizadas polos integrantes do BDRI ao longo de 4 anos, un tempo no que se avistaron case 5.000 golfiños. Achega información sobre os factores que condicionan a presenza e abundancia de golfiños en augas galegas e o seu nivel de interacción con diferentes actividades de pesca (arrastre, cerco e pesca de enmalle). Neste senso, o traballo alerta de que o golfiño común é "máis vulnerable" que outras especies á pesca de arrastre, e ás capturas accidentais, en gran medida porque este tipo de golfiño "interactúa" cos barcos pesqueiros en maior medida que outros animais.
Propón "restrinxir" o uso de redes de arrastre en augas que non superen os 250 ou 300 metros de profundidade e limitar os arrastres nocturnos
Os responsables do estudo conclúen que se non se leva a cabo unha "adecuada xestión pesqueira" a poboación de golfiños comúns en Galicia podería sufrir un "declive dramático", incrementando "o risco de extinción" desta especie. O traballo destaca que as capturas da pesca de arrastre galega se incrementaron un 16% na última década e que nos últimos 20 anos o número de golfiños encallados aumentou un 18%. Por este motivo, propón "restrinxir" o uso de redes de arrastre en augas que non superen os 250 ou 300 metros de profundidade e limitar os arrastres nocturnos.
Non é a primeira vez que se alerta dos efectos prexudiciais que a pesca de arrastre ten sobre os mamíferos mariños e outros animais. Os informes da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) advirten todos os anos do gran número de golfiños encallados na praias galegas ou mortos por outras causas. O pasado verán rescataron o seu golfiño número 3.000, alertando de que "a principal ameaza da especie segue sendo a morte por captura accidental en artes de pesca" e sinalando que un 43% dos golfiños comúns que aparecen varados e que aínda presentan un bo estado de conservación para poder valorar a posible interacción, presentan indicios de que a súa morte é compatible con esta actividade humana".
A pesca accidental provocou a metade das mortes de arroaces en Galicia o pasado ano
De igual xeito, este mes de xaneiro CEMMA denunciou que a pesca accidental provocou a metade das mortes de arroaces en Galicia o pasado ano. A entidade concluía que "a poboación de arroaces en Galicia non está en risco polo momento, pero esta situación persistente de alta mortalidade, superando o número de exemplares que nacen, pode converterse nunha serie ameaza".