Rosa Crujeiras, primeira reitora da USC

Rosa Crujeiras, elixida nova reitora da USC © USC

A catedrática de Estatística, que xa foi vicerreitora, imponse cun 61,6% do voto a Maite Flores, catedrática de Óptica, cun 31,8%

Rosa Crujeiras (Ribeira, 1978), catedrática de Estatística e Investigación Operativa, será a primeira reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nos seus 530 anos de historia. Impúxose este mércores á outra finalista nestas eleccións, Maite Flores, catedrática de Óptica, logrando así unha vitoria para a candidatura considerada máis progresista das dúas que chegaron á segunda volta das eleccións.

Segundo o sistema de voto ponderado da USC entre os catro colectivos con dereito a voto, Crujeiras obtivo o 61,65% do total de apoios nesta segunda volta, polo 31,82% de Flores, mentres que houbo un 6,53% de voto en branco. A participación xeral foi dun 34,12%, máis que o 20,7% da primeira volta e do 14,1% das eleccións de 2022. En total, participaron preto de 10.000 das 28.000 persoas con dereito a voto. Unha participación que foi especialmente significativa, do 87%, no sector I de votantes, o do persoal docente e investigador con vinculación permanente, o que máis peso de voto ponderado tiña nos comicios.

Crujeiras conta con experiencia no goberno da universidade, pois foi vicerreitora con Juan Viaño, que foi reitor ata 2018. Na actualidade é directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).

Rosa Crujeiras este mércores tras coñecer a súa vitoria © Candidatura de Rosa Crujeiras

Na súa primeira valoración pública Crujeiras fixo fincapé na necesidade de "defender o noso papel como universidade pública de Galicia" e "plural e diversa"

Este xoves, tras coñecer os resultados, Crujeiras quixo agradecer á comunidade universitaria a súa participación nunha xornada que, segundo as súas palabras, "demostra que a universidade exerce a súa autonomía e decide o camiño que quere tomar nos vinteiros anos". Ante o reto de dirixir unha institución "plural e diversa", Crujeiras fixo fincapé na necesidade de "defender o noso papel como universidade pública de Galicia", incidindo na idea de servizo á sociedade. 

"Eu comprométome a servir a nosa universidade e a facer posible que este novo liderado se exerza desde a escoita activa, como xa demostramos estas semanas, e se desenvolva con traballo, con rigor, con bo goberno e con transparencia, mirando cara ao futuro con responsabilidade e compromiso co país", afirmou.

Na primeira volta Crujeiras obtivera o 41% dos votos e Flores o 21%, polo que cada unha das dúas sumou un 50% máis de apoio nesta segunda volta

Nestas eleccións comezaron competindo catro candidatas, Crujeiras, Flores e outras dúas que quedaron eliminadas tras a primeira volta, María José López Couso e Alba Nogueira. Naquela primeira volta Crujeiras fíxose co 41% dos votos ponderados, polo que xa era a favorita para esta segunda volta. Por detrás, Flores obtivera o 21% dos votos, seguida moi de preto cunha cifra similar por López Couso e quedando a continuación Nogueira co 15%. Naquela primeira volta Crujeiras xa gañara con ampla vantaxe en todos os sectores de voto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.