Rosa Crujeiras, favorita para ser reitora da USC nunha segunda volta que a enfrontará a Maite Flores

Resultados da primeira volta das eleccións ao Reitorado da USC sobre as imaxes de Crujeiras e Flores, candidatas con máis apoios © Montaxe: Praza.gal Imaxe: USC

Crujeiras gañou en todos os sectores, obtendo o 41% dos votos ponderados. Maite Flores (21%) superou por pouco a María José López Couso (21%) e Alba Nogueira recibiu o 15%

Rosa Crujeiras e Maite Flores medirán as súas forzas na segunda volta das eleccións ao Reitorado da USC, que se celebrará o vindeiro 11 de marzo. As dúas catedráticas foron as dúas con máis apoios (totais e ponderados) na primeira volta, por diante de María José López Couso e Alba Nogueira. En concreto, Crujeiras fíxose co 41% dos votos ponderados (985 votos ponderados), fronte ao 21% de Maite Flores (536), que superou por pouco a María José López Couso (536). Alba Nogueira ficou en cuarta posición, con 380 votos ponderados.

Como ningunha das catro candidatas superou o 50% dos votos ponderados, será necesaria unha segunda volta entre as dúas con máis apoios. Crujeiras, catedrática de Estatística e Investigación Operativa, preséntase como favorita despois do resultado este xoves, pero aínda deberá obter algúns dos sufraxios que na primeira volta foron para López Couso e Nogueira. Maite Flores, catedrática de Óptica, superou as expectativas, ao imporse a López Couso, ex-decana da Facultade de Filoloxía e integrante do equipo do actual reitor, Antonio López.

Aínda que López Couso foi a segunda máis votada nos dous grupos de persoal docente e investigador, a vantaxe obtida por Flores sobre todo entre o estudantado e tamén no persoal de administración e servizos permitiulle pasar á segunda volta

Crujeiras gañou en todos os sectores, cunha ampla vantaxe tanto no Sector I (persoal docente e investigador con vinculación permanente), coma entre o Sector III (estudantado) e no IV (Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos), e algo inferior no Sector II (resto de persoal docente e investigador).

Os resultados de Maite Flores e María José López Couso estiveron moi parellos nos catro sectores e aínda que López Couso foi a segunda máis votada nos dous grupos de persoal docente e investigador, a vantaxe obtida por Flores sobre todo entre o estudantado e tamén no persoal de administración e servizos permitiulle pasar á segunda volta.

Nas eleccións celebradas este xoves a participación foi moi superior á rexistrada en comicios anteriores. O voto entre o estudantado superou o 30%, fronte ao 12% de 2018

Cómpre lembrar que nas eleccións ao Reitorado emprégase o voto ponderado, de xeito que os sufraxios dos diferentes sectores teñen un peso distinto, máis importante no caso do persoal docente e investigador con vinculación permanente, e inferior no caso do estudantado.

Con todo, o apoio do estudantado (o sector máis grande en número de votantes) gaña importancia en función da súa participación, que habitualmente é máis baixa que a dos restantes sectores. Con todo, nas eleccións celebradas este xoves a participación foi moi superior á rexistrada en comicios anteriores. Así, aínda que só votou o 30% dos e das estudantes, este dato practicamente triplicou os datos de 2018 (12,6%) e máis aínda os de 2022 (6,4%), aínda que nesa ocasión só se presentaba Antonio López.

"Queda a segunda volta e precisamos manternos activas, falando, sumando e convencendo", di Rosa Crujeiras

A participación dos restantes sectores tamén superou á rexistrada nos comicios de 2018, que poden servir como referencia. Asi, entre o persoal docente e investigador con vinculación permanente votou case o 96% do censo, e entre o persoal de administración e servizos fíxoo o 87%.

Unha vez coñecidos os resultados, Rosa Crujeiras agradeceu o apoio "a todas as persoas que confiastes en min nestas eleccións". "Cada voto é un xesto de compromiso, de ilusión e de ganas de cambiar as cousas xuntas. Este apoio dános forza para seguir adiante. Queda a segunda volta e precisamos manternos activas, falando, sumando e convencendo. O mellor está por chegar se seguimos camiñando da man", destacou.

"Nesta historia aínda quedan moitos capítulos por escribir", afirmou Maite Flores

Pola súa banda, Maite Flores, salientou o éxito de pasar á segunda rolda nunha campaña "que foi de menos a máis" e sinalou que conta con opcións de superar a Crujeiras: "nesta historia aínda quedan moitos capítulos por escribir", afirmou.

Logo da votación, o reitor Antonio López trasladoulle os seus parabéns ás candidatas Crujeiras e Flores por pasar á segunda volta así como a López Couso e Nogueira “por contribuír entre todas ao debate institucional ao redor do futuro da nosa universidade”. “Temos ademais que congratularnos pola participación, con especial atención ao estudantado, que superou o 28% do seu censo”, manifestou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.