50 anos da Facultade de Filoloxía, "casa de linguas, literaturas e culturas" que quere recuperar o seu "papel central"

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

En febreiro de 1975 botou a andar a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, agrupando estudos que antes se impartían na Facultade de Filosofía e Letras. O centro, primeiro na Praza de Mazarelos e dende finais dos anos 80 en Vista Alegre, no Campus Sur, está a celebrar este curso o seu 50 aniversario

En febreiro de 1975 botou a andar a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, agrupando estudos que antes se impartían na Facultade de Filosofía e Letras. O centro, primeiro na Praza de Mazarelos e dende finais dos anos 80 en Vista Alegre, no Campus Sur, está a celebrar este curso o seu 50 aniversario cunha programación de actividades que tivo o pasado mércores o seu evento central: un concerto no Auditorio de Galicia no que participaron ilustres ex-alumnos e alumnas da facultade como Antón Reixa, Uxúa, Pauliña, César Morán, Laura Lamontagne, o Leo De Matamá, Eladio Santos, Alba María, tres dos integrantes de Ataque Escampe (Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira, Álex Charlón), Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), Noemi Basanta, Susana De Lorenzo, Alfredo Dourado ou o propio Xurxo Souto, coordinador do evento.

No acto, baixo o título de Scripta manent, verba volant (os escritos permanecen, as palabras voan), soou mesmo un himno do concerto -con ese mesmo título- composto para a ocasión por Xurxo Souto sobre o poema de Luísa Villalta do libro Música reservada. Foi un acto de unión entre música e poesía que se converteu igualmente nun momento "de homenaxe e agradecemento" á xente que pasou por estas aulas nas cinco últimas décadas.

Falamos con Elias J. Feijó Torres, decano do centro, e coa vicedecana Elsa González sobre os actos de conmemoración do 50 aniversario da facultade, o papel dos estudos filolóxicos na actualidade ou sobre os cambios que neste medio século se produciron na universidade.

Que obxectivos vos propuxestes á hora de conmemorar esta efeméride?

Elias Feijó: Por unha banda queremos mostrar ao público unha traxectoria e, particularmente, mostrar un agradecemento á xente que pasou por aquí, á comunidade máis inmediata -veciñas e veciños do barrio de Vista Alegre, que é o noso barrio-, ás entidades que colaboran con nós para a realización de prácticas, acollendo estudantes..., aos nosos consellos consultivos e á sociedade en xeral. 

Queremos tamén poñer en valor a actividade da facultade e as celebracións rematarán en novembro cun congreso internacional con este obxectivo. 

Xurxo Souto, Elias J. Feijó Torres e Elsa González, na presentación do acto © USC/Santi Alvite

Como foi a creación da facultade en 1975?

EF: Nun determinado momento, o volume de estudantado, de actividade e de oferta académica era tan grande que se decidiu segregar en tres aquela antiga Facultade de Filosofía e Letras. O concerto do 26 de febreiro celébrase neste día porque as dúas primeiras reunións da xestora da facultade foron o 24 e o 28 de febreiro de 1975. Entre outras persoas estaba alí o que era o primeiro catedrático de Lingua e Literatura galegas, Ricardo Carvalho Calero e a primeira promoción da subsección de galego-portugués saíu no curso 1977-78.

A Facultade de Filoloxía foi inicialmente para Mazarelos, pero a súa actividade era tan importante, con máis de tres mil estudantes, que uns anos máis tarde comezou a pensarse en trasladala a un novo edificio, o que actualmente ocupa.

Esta celebración olla cara á traxectoria da facultade, pero tamén cara ao futuro? Que papel teñen os estudos filolóxicos na actualidade, nun momento no que parece que priman a ciencia e a técnica sobre as humanidades, pero no que a palabra segue a ser fundamental, por exemplo no actual desenvolvemento da IA xenerativa?

EF: Entender, interpretar, explicar a realidade a través das palabras pasadas ou presentes é unha das chaves fundamentais do cotián individual e colectivo das persoas e polo tanto esa é a función fundamental que nós temos nesta casa de linguas, de literaturas e culturas. Pensar na ausencia dun traballo sobre a lingua, sobre a literatura sería dunha carencia tan grande que correríamos a recuperala de inmediato.

Hai outra cuestión, que moitas veces nos abafa: que facer agora coas tecnoloxías da IA, que cada vez máis reclaman a capacidade explicativa destes produtos que están saíndo. Temos que estar preparados para ese desafío e para iso cómpre ter capacidade e de medios para facelo.

"Entender, interpretar, explicar a realidade a través das palabras pasadas ou presentes é unha das chaves fundamentais do cotián individual e colectivo das persoas e esa é a función fundamental que nós temos"

No acto central desta celebración, o concerto do día 26, a múscia foi protagonista. Supoño que aproveitando a gran cantidade de músicos e músicas que saíron desta facultade, pero tamén pola inevitable unión entre música e palabra?

Elsa González: Xa o comentaba Xurxo Souto o outro día: a música e a palabra están unidas dende sempre. Non sei se sorprende que teña este papel tan destacado, pero non debería facelo e esperamos que de cara ao futuro pois sorprenda aínda menos. Ademais deste acto, estamos preparando outros concertos, nos que implicamos a xente que está neste momento na facultade: profesorado, estudantado, PAS...

EF: Hai un florilexio verdadeiramente extraordinario de músicos e músicas que saíron da Facultade de Filoloxía. Moitos e moitas estiveron neste acto, pero tivemos que deixar a moitos e moitas fóra. Parécenos fundamental a unión da palabra e a música, unha unión que é moitas veces esquecida e que é imprescindible para que as palabras voen, como di o lema deste concerto.

Un momento do concerto con que se conmemorou o 50 aniversario da Facultade de Filoloxía © Concello de Santiago

"O galego-portugués debe estar presente na sociedade non como un espazo de confrontación, senón como un espazo de riqueza"

Que papel xoga a Facultade de Filoloxía no impulso e protección da lingua galega, sobre todo neste momento de devalo no número de falantes e de eivas na transmisión do idioma ás novas xeracións?

EF: Eu penso que toda a comunidade, non só as persoas dedicadas ao galego, viven con preocupación a situación actual. Porque todos somos persoas que temos que coidar e impulsar un patrimonio e cómpre adoptar medidas para frear a actual deriva de perda de uso. Un devalo que creo que a sociedade galega no seu conxunto non quere aceptar, con independencia da lingua que use, porque ve que está en risco un dos seus patrimonios fundamentais. 

Que podemos facer? Entender a sociedade, comprender as súas dinámicas, facer propostas para indicarlle por onde podemos camiñar. O galego-portugués debe estar presente na sociedade non como un espazo de confrontación, senón como un espazo de riqueza.

"Santiago era unha cidade enormemente viva, con tensións, con moitas actividades de todo tipo. Hoxe as circunstancias son completamente diferentes: a universidade perdeu peso na cidade, a universidade é agora un espazo máis individual e máis individualista"

Que cambiou na Facultade de Filoloxía (e na universidade en xeral) dende que vós erades estudantes e pasastes por ela?

EG: Toda a miña carreira estudeina en Mazarelos e xusto ao ano seguinte a facultade xa se trasladou aquí. Éramos, polo tanto, esa xeración que estabamos apiñadas nas aulas. O meu paso polas aulas foi un tempo excepcional: para min foi saír da miña casa, vivir unha vida independente, nun momento -os anos 80- no que Santiago era un espazo extraordinario a nivel cultural e social. A min encantábame ir á facultade, sentirme parte dunha comunidade que tiña uns intereses parecidos aos meus. Quero pensar que o que nós atopamos nese momento tamén o atopan agora os e as estudantes na facultade, que queremos conseguir que sexa un espazo acolledor, unha comunidade.

EF: Santiago era unha cidade enormemente viva, con tensións, con moitas actividades de todo tipo. Hoxe as circunstancias son completamente diferentes: a universidade perdeu peso na cidade, a universidade é agora un espazo máis individual e máis individualista. E nós, non por saudade, senón por entender que o sentido comunitario é importante para a satisfacción individual e colectiva, queremos recuperar ese sentido de traballo colectivo. A Universidade non debe perder o lugar central que ocupa na sociedade, un espazo de encontro e fundamental para o desenvolvemento social e cultural. Ese é o noso obxectivo para esta Facultade, que recupere ese papel central.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.