Carmen García Mateo fíxose co 40,3% dos votos ponderados, fronte ao 33,9% de Belén Rubio e o 25,8% de Jacobo Porteiro. As dúas candidatas competirán o 15 de maio na segunda volta dos comicios
O pasado 10 de abril Rosa Crujeiras fixo historia ao tomar posesión do cargo de reitora da Universidade de Santiago, converténdose na primeira muller que ocupaba ese cargo nos 500 anos de historia da USC e no conxunto das universidades galegas. Con poucas semanas de diferenza a Universidade de Vigo elixirá tamén unha reitora, tamén a primeira da súa historia. O vindeiro 15 de maio Carmen García Mateo e Belén Rubio disputarán a segunda volta das eleccións ao Reitorado ao ter acadado máis apoios este mércores, na primeira volta dos comicios.
Nunha votación axustada Carmen García Mateo fíxose co 40,3% dos votos ponderados, fronte ao 33,9% de Belén Rubio e o 25,8% de Jacobo Porteiro, que fica polo tanto fóra da segunda volta. Carmen García Mateo impúxose no sector do estudantado e tamén (con moita claridade) entre o Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS). Tamén vemceu, por un voto, entre o profesorado doutor con vinculación permanente. Belén Rubio gañou en cambio entre o restante persoal docente e investigador.
Carmen García Mateo impúxose no sector do estudantado e tamén (con moita claridade) entre o PTXAS. Tamén venceu, por un voto, entre o profesorado doutor con vinculación permanente. Belén Rubio gañou en cambio entre o restante persoal docente e investigador.
A participación como é habitual, foi moi diferente entre os distintos sectores: moi elevada entre o profesorado doutor con vinculación permanente (79,7%) e entre o PTXAS (81,4%) e máis baixa no restante persoal docente e investigador (56,2%) e sobre todo entre o estudantado (12,3%). Os datos de participación foron algo máis baixos dos rexistrados nas últimas eleccións ao reitorado, en 2018.
O resultado, con escasa diferenza entre as dúas candidatas, deixa completamente aberta a segunda volta, na que Carmen García Mateo e Belén Rubio deberán atraer os apoios de Jacobo Porteiro para poder levar a vitoria. Despois da segunda volta do 15 de maio, a proclamación definitiva de resultados queda fixada para o 28 de maio, logo do prazo de reclamación aos resultados provisionais que terá lugar entre o 19 e o 21 de maio.
Coñecidos os resultados, Carmen García Mateo manifestou a súa "alegría" e destacou a relevancia de que o sistema universitario galego vaia contar con dúas reitoras. A candidata de Nós Universidade felicitou o seu equipo e agradeceu o respaldo dunha comunidade universitaria “que claramente quere cambio”.
Pola súa banda, Belén Rubio recibiu os resultados "con prudencia e responsabilidade" e avogou por "seguir explicando o noso modelo" aos diferentes colectivos, á vez que se dixo disposta a "tender pontes coa candidatura que quedou fóra".
Mentres, Jacobo Porteiro admitiu que “cría ter un proxecto que ía contar con máis apoio da comunidade universitaria, pero non foi así, polo que o teño que asumir con humildade”. Á pregunta de si pedirá o voto para Nós Universidade ou para H2040, Porteiro respondeu que non tomará partido, “cada un debe analizar os dous proxectos e decidir o que considere mellor”.
As candidatas
O resultado, con escasa diferenza entre as dúas candidatas, deixa completamente aberta a segunda volta, na que Carmen García Mateo e Belén Rubio deberán atraer os apoios de Jacobo Porteiro para poder levar a vitoria
Belén Rubio Armesto (Lugo, 1964) é catedrática de Estratigrafía do Departamento de Xeociencias Mariñas e nos últimos oito anos formou parte do equipo de goberno da Uvigo con Manuel Reigosa, sendo vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación. Anteriormente fora decana da Facultade de Ciencias do Mar. É a candidata de H2040, a mesma agrupación que aupou a Reigosa en 2018. Situou a remuda xeracional, achegamento á sociedade e axilidade burocrática entre os retos da Uvigo para os vindeiros seis anos e promete crear unha nova Vicerreitoría de Innovación Tecnolóxica.
Carmen García Mateo (Vigo, 1963) é enxeñeira de telecomunicacións e catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e tamén ten experiencia de goberno na universidade, pois foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea no mandato de Alberto Gago (2006-2010). É a candidata da agrupación Nós-Universidade, que chama a “dar rumbo á Universidade de Vigo para pasar da dispersión ao proxecto común, da improvisación á solvencia e de mirarnos cara dentro a ter peso fóra”. En 2014 foi distinguida co premio Maria Josefa Wonenburger.
Un mandato de seis anos
Estaban convocadas ás urnas 21.226 persoas: 18.253 estudantes; 2207 docentes e 766 PTXAS para escoller a persoa que dirixirá a universidade, ademais de renovar o Claustro. Nesta ocasión introdúcese unha importante modificación para o mandato da persoa elixida para liderar o reitorado, que terá unha duración longa (seis anos, en lugar de catro, como era ata agora), pero que non será renovable; é dicir, que non se poderá presentar á reelección.
Non estaba habilitado o voto electrónico, como si estivo nas eleccións celebradas recentemente na USC, pero a Uvigo converteuse este mércores na primeira universidade española en facilitar o voto accesible en braille, grazas a un Kit de voto accesible co que as persoas con discapacidade visual afiliadas a ONCE, coñecedoras do braille, puideron exercer o seu dereito de forma autónoma e secreta.
36 anos de historia, 6 reitores
A Universidade de Vigo constituíuse en 1990 e na actualidade conta con máis de 18.000 estudantes. Nos seus 36 anos de historia tivo seis reitores
A Universidade de Vigo -cos seus campus na cidade olívica, en Pontevedra e en Ourense- constituíuse en 1990 e na actualidade conta con máis de 18.000 estudantes. Nos seus 36 anos de historia tivo seis reitores: Luís Espada (1990-94), José Antonio Rodríguez (1994-98), Domingo Docampo (1998-2006), Alberto Gago (2006-10), Salustiano Mato (2010-18) e Manuel Reigosa (2018-26).