A Universidade de Vigo está chamada este mércores a elixir súa nova reitora ou reitor entre as candidaturas de Carmen García Mateo, Belén Rubio e Jacobo Porteiro
A Universidade de Vigo está chamada este mércores a elixir súa nova reitora ou reitor entre as candidaturas de Carmen García Mateo, Belén Rubio e Jacobo Porteiro. Están convocadas ás urnas 21.226 persoas: 18.253 estudantes; 2207 docentes e 766 PTXAS para escoller a persoa que dirixirá a universidade, ademais de renovar o Claustro. En total habilitáronse 27 mesas electorais nos tres campus -12 en Vigo, 8 en Ourense e 7 en Pontevedra- que permaneceron abertas de 10.00 a 18.00 horas.
O voto, como é habitual, é ponderado, con maior peso para o profesorado doutor con vinculación permanente (51%). O voto do estudantado ten un peso do 25%; o do Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS) do 15%; e o do restante persoal docente e investigador, un 9%. A Universidade habilitou unha web na que poderá seguirse en tempo real o reconto electoral e tamén ofrecerá avances parciais de participación ás 13 e ás 16 horas.
Se ningunha das candidaturas obtén máis da metade dos votos ponderados (sen ter en conta os votos en branco), celebrarase unha segunda volta o 15 de maio entre as dúas con máis apoios
Se ningunha das candidaturas obtén máis da metade dos votos ponderados (sen ter en conta os votos en branco), celebrarase unha segunda volta o 15 de maio entre as dúas con máis apoios.
De ser escollida unha muller, a Uvigo elixiría a primeira reitora da súa historia, como fixo hai unhas semanas a USC. Nesta ocasión introdúcese unha importante modificación para o mandato da persoa elixida para liderar o reitorado, que terá unha duración longa (seis anos, en lugar de catro, como era ata agora), pero que non será renovable; é dicir, que non se poderá presentar á reelección.
Non está habilitado o voto electrónico, pero a Uvigo vaise converter este mércores na primeira universidade española en facilitar o voto accesible en braille
Non está habilitado o voto electrónico, como si estivo nas eleccións celebradas recentemente na USC, pero a Uvigo vaise converter este mércores na primeira universidade española en facilitar o voto accesible en braille, grazas a un Kit de voto accesible co que as persoas con discapacidade visual afiliadas a ONCE, coñecedoras do braille, puideron exercer o seu dereito de forma autónoma e secreta.
Se non fose precisa unha segunda volta, o 7 de maio terá lugar a proclamación provisional de resultados, que serían definitivos o 13 de maio, unha vez pasado o período de reclamacións fixado entre o 8 e o 12 de maio. Caso de ser necesaria unha segunda volta, a proclamación definitiva de resultados queda fixada para o 28 de maio, logo do prazo de reclamación aos resultados provisionais que terá lugar entre o 19 e o 21 de maio.
As candidatas e candidato
Belén Rubio Armesto (Lugo, 1964) é catedrática de Estratigrafía do Departamento de Xeociencias Mariñas e nos últimos oito anos formou parte do equipo de goberno da Uvigo con Manuel Reigosa, sendo vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación. Anteriormente fora decana da Facultade de Ciencias do Mar. É a candidata de H2040, a mesma agrupación que aupou a Reigosa en 2018. Situou a remuda xeracional, achegamento á sociedade e axilidade burocrática entre os retos da Uvigo para os vindeiros seis anos e promete crear unha nova Vicerreitoría de Innovación Tecnolóxica.
Carmen García Mateo (Vigo, 1963) é enxeñeira de telecomunicacións e catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e tamén ten experiencia de goberno na universidade, pois foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea no mandato de Alberto Gago (2006-2010). É a candidata da agrupación Nós-Universidade, que chama a “dar rumbo á Universidade de Vigo para pasar da dispersión ao proxecto común, da improvisación á solvencia e de mirarnos cara dentro a ter peso fóra”. En 2014 foi distinguida co premio Maria Josefa Wonenburger.
Jacobo Porteiro (Vigo, 1976) é catedrático na área de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos na Escola de Enxeñaría Industrial e foi director da Área de Sostibilidade e adxunto ao reitor para a sostibilidade. Encabeza a candidatura do grupo ConSenso, que aposta por “unha forma de liderado máis colectivo, dialogante e transparente”.
36 anos de historia, 6 reitores
A Universidade de Vigo constituíuse en 1990 e na actualidade conta con máis de 18.000 estudantes. Nos seus 36 anos de historia tivo seis reitores
A Universidade de Vigo -cos seus campus na cidade olívica, en Pontevedra e en Ourense- constituíuse en 1990 e na actualidade conta con máis de 18.000 estudantes. Nos seus 36 anos de historia tivo seis reitores: Luís Espada (1990-94), José Antonio Rodríguez (1994-98), Domingo Docampo (1998-2006), Alberto Gago (2006-10), Salustiano Mato (2010-18) e Manuel Reigosa (2018-26).
As últimas eleccións ao Reitorado tiveron lugar en 2018, cando Manuel Reigosa se impuxo a Emilio Fernández con máis do 57% dos votos. A participación acadou o 22% do censo, con grandes diferenzas entre os distintos sectores, sendo a máis alta a do sector PDI-A cun 86,16%, seguida polo PAS cun 77,79%, o sector PDI-B co 59,89% e o estudantado co 14,8%. En 2022 só se presentou Manuel Reigosa, que continuou como reitor nun segundo mandato.