A catedrática de Estatística tomou posesión como reitora da Universidade de Santiago nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca. No seu discurso fixo unha rotunda defensa do sistema educativo público no que ela mesma se formou
Rosa Crujeiras (Ribeira, 1978) é xa oficialmente reitora da Universidade de Santiago. A catedrática de Estatística, que o mes pasado se impuxo con claridade na segunda volta das eleccions ao reitorado da USC, convértese así non só na primeira reitora na historia da institución compostelá nos seus máis de 500 anos de historia, senón na primeira reitora de calquera das tres universidades galegas.
Crujeiras tomou posesión do seu cargo este venres nun acto celebrado nun ateigado Salón Nobre do Pazo de Fonseca. A nova reitora fixo unha rotunda defensa do ensino público no que ela mesma se formou e tamén asumiu o compromiso de traballar por unha universidade "feminista".
"Faremos do coñecemento a nosa vangarda, a nosa bandeira e o noso dereito", dixo Crujeiras no seu discurso, no que subliñou que “traballarei, desde a responsabilidade que hoxe asumo como reitora, para que a Universidade de Santiago sexa a institución pública e galega de máxima excelencia académica, decididamente feminista e inclusiva e que manteña o seu firme compromiso co país ao que pertence e ao que serve”.
“O ensino público revelou o seu sentido máis profundo: o de garantir a igualdade de oportunidades e facer posible que as persoas poidan desenvolver todo o seu potencial con independencia da súa orixe e das circunstancias de partida”, destacou
Entre os obxectivos para o seu mandato, a nova reitora sinalou o de “construír unha nova Universidade que avance, adiantándose ás demandas sociais, que innove na maneira de facer e de relacionarse, que conte coa sociedade e para a sociedade, e que coide do noso e que coide de nós”. A reitora reclamou o espazo da Universidade na sociedade “como axente activo de transformación social”.
Tamén fixo fincapé -como xa anticipara na entrevista con Praza.gal hai unhas semanas- en “consolidar e fortalecer o sentimento de pertenza” á comunidade universitaria da USC, "unha comunidade que se consolide como unha verdadeira forza de transformación, comprometida coa xeración e a transferencia do coñecemento, co pensamento crítico e coa contribución ao progreso social".
Defensa do ensino público
"Faremos do coñecemento a nosa vangarda, a nosa bandeira e o noso dereito", dixo Crujeiras no seu discurso, no que tamén apostou por "fortalecer o sentimento de pertenza” á comunidade universitaria da USC
Rosa Crujeiras dedicou boa parte do seu discurso a realizar unha defensa do sistema educativo público. “A miña formación vital e profesional foi posible grazas a un sistema educativo público que me acompañou desde a escola rural de Artes, a parroquia de Ribeira onde nacín, ata esta Universidade. Primeiramente da man de mestras e mestres cuxo labor foi determinante na miña aprendizaxe, e despois profesoras e profesores a quen lle debo a miña relación co coñecemento, definida pola curiosidade e o espírito crítico”, dixo.
“O ensino público revelou o seu sentido máis profundo: o de garantir a igualdade de oportunidades e facer posible que as persoas poidan desenvolver todo o seu potencial con independencia da súa orixe e das circunstancias de partida”, engadiu, concluíndo que “o sistema público de educación, en todos os seus niveis, constitúe un dos principais patrimonios colectivos dun país”.
O xa ex-reitor da USC, Antonio López, fixo entrega a Rosa Crujeiras do bastón de mando. No seu discurso López aproveitou para reivindicar o poder transformador da sociedade da Universidade pública
Preto de cincocentas persoas asistiron ao acto, entre eles representantes das principais institucións galegas e das cidades de Santiago e Lugo. Dende o presidente da Xunta, o delegado do Goberno en Galicia, a alcaldesa do concello de Santiago e o alcalde de Lugo, os ex reitores da Universidade de Santiago e das outras dúas universidades galegas, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o fiscal superior de Galicia, a presidenta do Consello da Cultura Galega, a valedora do Pobo, ou a presidenta da Deputación de Lugo.
O xa ex-reitor da USC, Antonio López, fixo entrega a Rosa Crujeiras do bastón de mando. No seu discurso López aproveitou para reivindicar o poder transformador da sociedade da Universidade pública. “Nada do que ten pasado en Galicia e en España podería ser imaxinado sen as súas Universidades”, asegurou, con especial acento no público, “elemento esencial para a igualdade de oportunidades, o gran motor deste elevador social que permite que cadaquén poida atinxir o lugar que lle corresponde sen máis condicionantes que os das súas capacidades persoais e o seu esforzo”.
Equipo reitoral
Este venres tomaron ademais posesión do seu cargo Alicia Villalba Sánchez como secretaria xeral; Roberto Bande Ramudo como vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Almudena Hospido Quintana como vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta; Pablo Taboada Antelo como vicerreitor de Profesorado e Innovación Docente; Pablo Durán Santomil como vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade; María Reyes Laguna Francia como vicerreitora de Ordenación Académica e Oferta Formativa; Marcelino Maneiro Maneiro como vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento; Lorena Añón Loureiro como vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar; e Ana Cabana Iglesia como vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio.