Carmen García Mateo gaña as eleccións e será a primeira reitora da Uvigo

Carmen García Mateo votando este venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o seu centro © Uvigo

A candidata de Nós Universidade impúxose con claridade este venres a Belén Rubio na segunda volta das eleccións ao Reitorado na Uvigo, facéndose cun 56% dos votos ponderados, fronte ao 44% da outra candidata

Carmen García Mateo é a nova reitora da Universidade de Vigo, a primeira muller que ocupa este cargo na historia da institución, unha elección que se vén sumar á vitoria de Rosa Crujeiras nos comicios celebrados na USC, hai unhas semanas. A candidata de Nós Universidade impúxose con claridade este venres a Belén Rubio na segunda volta das eleccións ao Reitorado na Uvigo, facéndose cun 56% dos votos ponderados, fronte ao 44% da outra candidata.

García Mateo impúxose no sector do estudantado e tamén (con moita claridade) entre o Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS). Tamén venceu, por escasa marxe, entre o profesorado doutor con vinculación permanente. Rubio gañou en cambio de forma axustada entre o restante persoal docente e investigador.

Hai dúas semanas, na primeira volta, Carmen García Mateo xa fora a máis apoiada, co 40,3% dos votos ponderados, fronte ao 33,9% de Belén Rubio e o 25,8% de Jacobo Porteiro, que ficou polo tanto fóra da segunda volta.

García Mateo impúxose no sector do estudantado e tamén (con moita claridade) entre o Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos. Tamén venceu, por escasa marxe, entre o profesorado doutor con vinculación permanente

A participación como é habitual, foi moi diferente entre os distintos sectores: moi elevada entre o profesorado doutor con vinculación permanente (76%) e entre o PTXAS (77%) e máis baixa no restante persoal docente e investigador (48%) e sobre todo entre o estudantado (7%), en pleno período de exames. Os datos de participación foron algo máis baixos dos rexistrados na primeira volta, sobre todo entre o estudantado.

Estaban convocadas ás urnas 21.179 persoas: 18.273 estudantes; 2.149 docentes e 757 PTXAS para escoller a persoa que dirixirá a universidade, ademais de renovar o Claustro. O voto, como é habitual, é ponderado, aplicando as mesmas porcentaxes da representación dos sectores no Claustro: 51% PDI-A; 25% alumnado; 15% PTXAS e 9% o PDI-B.

Nesta ocasión introduciuse unha importante modificación para o mandato da persoa elixida para liderar o reitorado, que terá unha duración longa (seis anos, en lugar de catro, como era ata agora), pero que non será renovable; é dicir, que non se poderá presentar á reelección.

Carmen García Mateo (Vigo, 1963) é enxeñeira de telecomunicacións e catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e tamén ten experiencia de goberno na universidade, pois foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea no mandato de Alberto Gago (2006-2010). É a candidata da agrupación Nós-Universidade, que chama a “dar rumbo á Universidade de Vigo para pasar da dispersión ao proxecto común, da improvisación á solvencia e de mirarnos cara dentro a ter peso fóra”. En 2014 foi distinguida co premio Maria Josefa Wonenburger.

Belén Rubio votou na Facultade de Ciencias do Mar © Uvigo

A Universidade de Vigo -cos seus campus na cidade olívica, en Pontevedra e en Ourense- constituíuse en 1990 e na actualidade conta con máis de 18.000 estudantes. Nos seus 36 anos de historia tivo seis reitores: Luís Espada (1990-94), José Antonio Rodríguez (1994-98), Domingo Docampo (1998-2006), Alberto Gago (2006-10), Salustiano Mato (2010-18) e Manuel Reigosa (2018-26).

O equipo da gañadora

Carmen García Mateo concorre á fronte e Nós Universidade a estas eleccións á Reitoría da UVigo cun equipo con Xosé H. Vázquez, profesor da Área de Organización de Empresas e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, para a Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía; Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual docente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que foi secretaria xeral da UVigo e Valedora Universitaria, como vicerreitora de Oferta Académica; e Manuel Martínez, catedrático do Departamento de Física Aplicada e coordinador do grupo de investigación FA2, como vicerreitor de Investigación.  

Carmen García Mateo con seu equipo da candidatura de Nós Universidade © Uvigo

Polo que respecta á Vicerreitoría de Profesorado e Persoal Investigador, a persoa proposta é Rebeca P. Díaz, catedrática na Área de Enxeñaría Telemática e directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. A Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social, recaería en Rafael Comesaña, profesor da Área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas con docencia nas escolas de Enxeñaría Industrial e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. 

Completan o equipo Loli González, profesora titular na Facultade de Filoloxía e Tradución, que foi vicerreitora de Estudantes, para ocupar a Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, e Xabier Martínez Rolán, profesor da Facultade de Comunicación, para ser vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa; mentres que David Álvarez, profesor no Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e docente da escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Enxeñaría Industrial, é a proposta para liderar a Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade. 

Neste equipo a proposta para a Vicerreitoría do Campus de Ourense é Montserrat Cruz, profesora da Área de Organización de Empresas e na Escola Superior de Enxeñaría Informática. Para a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, a persoa elixida é Marián Fernández, profesora da Área de Educación Física e Deportiva e docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; mentres, Enma Rodríguez, profesora titular acreditada a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, ocuparía a Secretaría xeral da UVigo. 

Votantes na Escola Superior de Enxeñaría Informática © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.