"Temos menos falantes de galego pero máis conscientes e que consomen cultura de xeito moi distinto. Aí está o desafío"

Henrique Monteagudo, co libro 'O idioma galego baixo o franquismo' © RAG

No verán de 1963 a editorial Galaxia publicou o primeiro número de Grial, unha revista cultural clave na historia do galeguismo no século XX e que neste ano está a celebrar o seu 60 aniversario, unha traxectoria que poucas publicacións semellantes poden igualar. Foi nun ano, 1963, alcumado "o ano do prodixio" nun dos últimos números publicados pola revista, no que tamén naceu o Día das Letras Galegas ou a Fundación Penzol. Os tempos estaban a cambiar.

"O obxectivo sempre foi constituír unha canle, ser un elemento máis da construción da cultura galega, pero especificamente desde o pensamento sobre as cuestións da cultura contemporánea e da cultura galega en relación coa cultura contemporánea. Entender Galicia como parte da contemporaneidade"

Francisco Fernández del Riego -impulsor tamén do Día das Letras e homenaxeado neste último 17 de maio- e Ramón Piñeiro asumiron a dirección da publicación ata a súa remuda en 1989 por Carlos Casares. Posteriormente, Víctor Freixanes e Henrique Montegudo pasaron a co-dirixir a revista en 2002 e hai tres anos Monteagudo converteuse en director único, no último gran cambio experimentado pola publicación.

Grial suma 239 números publicados como Revista Galega de Cultura e prepara cambios, especialmente enfocado ao mundo dixital, nos que se insire o acordo de colaboración asinado hai uns meses pola editorial Galaxia e a Fundación Praza Pública, que permitirá a publicación en Praza.gal dalgún dos contidos máis destacados da publicación e tamén a realización de contidos xornalisticos propios a partir das liñas temáticas abertas por Grial

Como celebración deste 60 aniversario, falamos con Henrique Monteagudo, catedrático da USC, vicesecretario da RAG e membro fundador do Padroado de Praza Pública, sobre o pasado, presente e futuro da revista Grial, da que é director.

Repasando a traxectoria de Grial, obsérvase que -por riba de mudanzas estéticas e dos obrigados cambios nos temas tratados- mantense sempre un respecto a uns obxectivos que xa están no comezo e que, de tempo en tempo, actualízanse e recontextualízanse. Cales son ao teu xuízo estes valores que atravesan a revista dende a súa fundación hai seis décadas?

"Grial segue a cumprir ese papel de ponte. A mesma ponte que serviu no seu día para reconectar coa realidade galega a Xoán González-Millán serve hoxe para facelo con Sonia Villapol, por exemplo"

O obxectivo sempre foi constituír unha canle, ser un elemento máis da construción da cultura galega, pero especificamente desde o pensamento sobre as cuestións da cultura contemporánea e da cultura galega en relación coa cultura contemporánea. Entender Galicia como parte da contemporaneidade. Dende o punto de vista histórico a función da revista cambiou bastante, se temos en conta que no momento en que aparece Grial, a cultura galega non dispuña de ningún órgano de expresión e era, ademais, unha cultura que nunha parte importante se atopaba no exilio. Por ese motivo, a revista tiña que converterse nese órgano de expresión e servir de ponte con estas persoas que se atopaban fóra por mor da desfeita do 36 e da ditadura.

Hoxe, evidentemente, a situación é outra, aínda que a realidade é que segue a haber por outros motivos moitos e moitas persoas da universidade e do ámbito cultura galego que non están aquí. E polo tanto Grial segue a cumprir ese papel de ponte. A mesma ponte que serviu no seu día para reconectar coa realidade galega a Xoán González-Millán serve hoxe para facelo con Sonia Villapol, por exemplo.

Algúns dos números publicados por Grial dende 1963 (e a Colección Grial de 1951) © Galaxia

A revista nace en 1963, pero previamente -en 1951- publícanse catro números da Colección Grial que funciona non só como precursora da revista, senón que practicamente constituía unha publicación periódica, con edicións monográficas. Nace aí Grial?

"Quixeron burlar a imposibilidade de contar cunha publicación periódica cunha colección numerada de libros que saían dunha maneira máis ou menos regular. Pero o réxime non era tan fácil de burlar e rapidamente houbo unha reacción"

Os fundadores de Galaxia, que en realidade eran o que quedaba no país do galeguismo previo á guerra, traballaban con esquemas culturais e de traballo que viñan de antes. Antes de 1936 a revista Nós xogara un papel absolutamente fundamental e por iso eles consideraban imprescindible crear un medio de comunicación que funcionade como órgano de expresión e que servise para crear rede a partir del. Cando crean Galaxia, esta era unha das súas prioridades. Pero como nese momento conseguir unha autorización para editar unha publicación periódica era imposible, pois o réxime non a ía conceder, a única posibilidade era crear unha colección de libros. E deste xeito quixeron eles burlar esa imposibilidade de contar cunha publicación periódica: cunha colección numerada de libros que saían dunha maneira máis ou menos regular. Pero o réxime non era tan fácil de burlar e rapidamente houbo unha reacción, que prohibiu a colección e deu lugar a aquelas frases de “tienen faltas de ortografía en su pluma y en su alma” ou “hay que traerlos a Madrid para darles unha cura psicoanalítica”.

Que cambia en 1963, nese ano do prodixio, como destacades no número deste ano que conmemora o 60 aniversario da revista? 

"Para a xente de Galaxia, a posta de marcha da revista era un gran triunfo. Unha das súas grandes preocupacións era que a nova xeración que nacera xa na ditadura non coñecía nada do que se fixera antes de 1936"

En 1963 cambian algunha cousas, e unha delas é que aparece unha nova xeración que xa non viviu a República. Cambia tamén o réxime, que abandona a autarquía e comeza o 'desarrollismo' e busca o seu ingreso nos círculos europeos, o que o induce a abrir un pouco a man en certas cousas. Por exemplo, autorízase a creación de asociacións culturais, que xogaron un papel fundamentalísimo nos anos seguintes. Deste xeito, a ditadura autoriza unha publicación como Grial, coa condición iso si, de que a metade da revista se publicase en castelán. Grial foi bilingüe ata 1975 e o primeiro número integramente en galego foi o que se publicou en 1976 no 25 aniversario da morte de Castelao.

Para a xente de Galaxia, a posta de marcha da revista era un gran triunfo. Unha das súas grandes preocupacións era que a nova xeración que nacera xa na ditadura non coñecía nada do que se fixera antes de 1936. Nese primeiro número de Grial aparecen xa Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova, Xohana Torres e Carlos Casares, o que é moi significativo e anticipa ademais a importancia que nos anos seguintes vai ter o movemento estudantil da Universidade. Os anos 60 son outro tempo e nese tempo é cando Grial pode saír.

Reunión do consello editorial de Galaxia (anos 50-60) © Arquivo Biblioteca Fernández del Riego

En 1975 non se produce un cambio de dirección na revista e tampouco muda especialmente a súa estética, pero entendo que a fin da ditadura si que introduce cambios na publicación, sobre todo nos temas tratados?

"Aínda que o relevo na dirección da revista non se deu ata finais dos 80, moito antes Carvalho Calero comezara a pedirnos aos estudantes traballos para Grial. Iso dá entrada a novas xeracións e tamén leva a unha progresiva especialización"

Na historia non avanzan todas as cousas de forma simultánea. Por iso, o que se produce é unha especie de décalage, de proceso paulatino. Aínda que o relevo na dirección da revista non se deu ata finais dos 80, moito antes Ricardo Carvalho Calero -que foi unhas das persoas fundamentais nas dúas primeiras década da revista- comezara a pedirnos aos estudantes traballos para Grial. Iso dá entrada a novas xeracións e tamén leva a unha progresiva especialización, con voces expertas en temáticas específicas. Aí aparecen en Historia os Villares, en Economía os Beiras, Fausto Dopico, María Xosé Rodríguez Galdo, ou Franco Grande.., e outros, dando lugar a contidos cada vez máis especializados, o que acaba sendo co paso do tempo un problema para a revista.

Un problema en que sentido?

Un problema no sentido da tendencia que nesas décadas se dá no mundo intelectual da substitución dos autores e lectores polifacéticos polas sinaturas expertas en cuestións máis concretas, que escriben progresivamente dunha maneira máis especializada, abandonando aquel esforzo da alta divulgación, por chamarlle dalgún xeito, de persoas que coñecían un tema e que tentaban facerse comprender e levalo a un público máis amplo. 

Nos últimos anos esta situación agravouse por mor da obsesión polas métricas e as puntuacións outorgadas no ámbito académico pola publicación de traballos. Un investigador ou investigadora, para poder facer carreira universitaria, ten que publicar en revistas que teñan unha determinada puntuación e nós sempre rexeitamos a posibilidade de converter Grial nunha revista dese tipo, porque lle quitaría dimensión social. A consecuencia é que un autor ou autora nova sabe que publicar un texto en Grial lle outorga moitos menos puntos que facelo nunha revista académica que nin se vai ler en Galicia.

Por Grial pasaron moitas persoas nestes 60 anos, pero hai algúns nomes que deben ser destacados necesariamente, dende os Piñeiro e Del Riego, pasando por Casares, ata chegar a Freixanes, ti mesmo e Daniel Soutullo, presente tamén en varias etapas da revista ata a actualidade...

"En 1988 Casares trae á revista unha gran preocupación pola ciencia, polo pensamento e a filosofía"

Pois si, temos primeiro a etapa da triloxía Piñeiro-Del Riego-Carvalho, aínda que este último non está formalmente na dirección, pero nesa primeira etapa é a persoa que máis artigos asinou en Grial, aínda que é certo que Piñeiro e Del Riego teñen moitos que non asinaron. Son as persoas fundamentais desa primeira etapa, na que se trata de reconstruír un discurso cultural especificamente galego, a reconexión da cultura galega da diáspora e a conexión con especialistas estranxeiros, como Rodrigues Lapa ou Tavani.

Que cambios introduce Casares?

En 1988 chega a remuda de Piñeiro e Del Riego, xusto cando eles acordaran, ao chegar aos 25 anos, os 100 números da revista. Aí entra Casares, que trae unha gran preocupación pola ciencia, polo pensamento e a filosofía, e con el entran no Consello de Redacción persoas como Carlos Fernández ou Xan Bouzada. Casares pensaba que a actualización da cultura galega pasaba por eses ámbitos.

Henrique Monteagudo © RAG

Percorrendo os 239 números publicados por Grial nestes 60 anos obsérvase tamén unha atención continua por Europa e pola relación de Galicia co europeísmo e as correntes de pensamento dominantes ou emerxentes no continente. Este europeísmo entendo que é o mesmo que atravesa o galeguismo histórico dende Nós e que chega ata a actualidade...

"O cambio na revista foi impulsado por Freixanes, que quería darlle un enfoque máis xornalístico á revista e iso vese moi claramente na parte estética, cun maior despregue fotográfico"

Si, concordo contigo. O europeísmo en Grial vai de serie, porque forma parte do ADN do galeguismo histórico do que vimos e dos que nos reclamamos. Pero xunto á atención que prestamos aos asuntos europeos, nos últimos anos vimos facendo moita énfase na conexión luso-brasileira. Somos a revista cultural galega que ten unha presenza máis notable, en calidade, de colaboradores do Brasil. Penso que fomos a primeira revista cultural galega que comezou a publicar artigos en portugués. Isto tamén vai de serie, e a proba está na relación que de sempre tivo Grial con Rodrigues Lapa.

En 2002 ten lugar o último gran cambio en Grial, a nivel estético dende logo o máis destacado. A revista énchese de cor, de imaxes e, ademais, introduce novos temas e, sobre todo, unha visión máis xornalística e pegada á actualidade, comezando por un primeiro número dedicado ao Prestige. Os cambios foron aceptados sen resistencias por todo o mundo?

Si, de feito o primeiro número foi o Prestige e o segundo foi o de Guerra e Civilización, con Iraq de fondo. O cambio foi impulsado por Víctor [Freixanes], que quería darlle un enfoque máis xornalístico á revista e iso vese moi claramente na parte estética, cun maior despregue fotográfico. Resistencias? Non houbo resistencias internas, no Consello de Redacción, pero si é certo que algúns subscritores, que pensaban que este cambio lle restaba seriedade á publicación, se deron de baixa, aínda que a realidade é que o número de subscritores medrou moito.

Como se financia Grial? Cales son as súas fontes de financiamento?

"Temos un empeño moi grande en ir cara á difusión dixital e non podemos darlle as costas. E aí insírese o acordo con Praza Pública"

Grial vive dos seus lectores e subscritores e ten a sorte, ademais, de que ten detrás a editorial Galaxia, que se estrutura como empresa sen ánimo de lucro, de xeito que reinviste os seus beneficios. Pero é un tanto triste que neste país as súas grandes empresas non vexan o beneficio de soster economicamente proxectos culturais como Grial, aínda que algunhas si o fan parcialmente a través da inserción de publicidade. 

Nós temos tamén a sorte, entre comiñas, de que vivimos nun contexto, o cultural, no que o traballo voluntario é moi frecuente. Iso permite que saia a revista. Pero o ideal sería funcionar doutro xeito, con persoal fixo na redacción e pagando as colaboracións. Se dispuxésemos de máis recursos, iso permitiríanos publicar outro tipo de contidos.

Os tres últimos números de Grial, publicados neste 2023 © Grial

A partir do ano 2020 quedas como director único -anteriormente compartías a dirección con Freixanes-. En que cuestións pensaban que había que incidir nesta nova etapa?

"Nestas décadas cambiou non só a idea de cultura galega, senón a idea de cultura, en xeral. Dunha alta cultura de libro, de papel e escrita, que era a imperante en 1951 ou 1963, pasamos a unha idea da cultura moi diferente, unha forma moi distinta de ler e a soportes moi distintos"

Foi un inicio complicado, porque comezamos xusto a comezos de 2020, o ano da pandemia, e ese foi o primeiro número de Grial que non saíu, porque tiña que ter sido enviado ao prelo a mediados de marzo, xusto cando se decretou o confinamento. E tivemos que sacar despois un número dobre. Houbo unha cuestión de relevo xeracional, de renovar o Consello de Redacción. E temos un empeño moi grande en ir cara á difusión dixital e non podemos darlle as costas. E aí insírese o acordo con Praza Pública.

Que obxectivos persegue Grial con este acordo de colaboración con Praza.gal?

Si, neste caso dáse a circunstancia de que son membro fundador do Padroado de Praza Pública e que son, ademais, director de Grial. E pensei que unha das vías polas que podíamos mellorar a visibilidade de Grial na rede era chegar a un acordo con Praza para a difusión de contidos e temas. E, a cambio, Praza pode enriquecer os seus contidos, sobre todo na súa sección cultural. Evidentemente a aposta de Grial polo dixital non queda nisto e estamos a preparar algunhas iniciativas para o ano 2025.

Nestes 60 anos de historia Grial foise adaptando a un contexto cambiante en moitos ámbitos en Galicia. Como resumirías as principais mudanzas -a nivel cultural, lingüístico...- que se produciron e que determinan o funcionamento da revista?

"Temos menos falantes, pero falantes máis conscientes e completos e unha revista como Grial benefíciase disto. O que pasa é que estes falantes teñen maneiras de comunicarse e de consumir cultura cada vez máis distintos. Aí está o desafío"

Nestas décadas cambiou non só a idea de cultura galega, senón a idea de cultura, en xeral. Dunha alta cultura de libro, de papel e escrita, que era a imperante en 1951 ou 1963, pasamos a unha idea da cultura moi diferente, unha forma moi distinta de ler e a soportes moi distintos, cunha visión moi transxenérica e transemiótica, e aí é onde o dixital entra de forma fundamental. E cambiaron tamén as condicións lingüísticas: cada vez temos menos galegofalantes, pero en cambio a poboación le mellor en galego, está máis habituada a facelo. Temos menos falantes, pero falantes máis conscientes e completos e unha revista como Grial benefíciase disto. O que pasa é que estes falantes teñen maneiras de comunicarse e de consumir cultura cada vez máis distintos. Aí está o desafío.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.