Isaac Díaz Pardo dá nome a unha rúa na cidade arxentina de Magdalena, onde creou unha fábrica de cerámica en 1957

Isaac Díaz Pardo, coa fábrica da Magdalena ao fondo en 1958 © https://www.isaacdiazpardo.gal/

No ano 1955 Isaac Díaz Pardo viaxou por primeira vez a Bos Aires animado pola invitación que recibira do Centro Galego para facer unha exposición na que dar a coñecer a súa pintura e a produción cerámica do Castro, segundo destaca a web isaacdiazpardo.gal. A estadía en Arxentina permítelle entrar en contacto cos exiliados galegos e retomar o contacto con Luís Seoane, que nos anos seguintes dará importantes froitos, como o Laboratorio de Formas. 

En 1957 Díaz Pardo creou Porcelanas de Magdalena, unha fábrica construída na cidade do mesmo nome, a 108 quilómetros de Bos Aires

Pero, ademais, nesta primeira viaxe, estudou sobre o terreo as posibilidades dun novo proxecto industrial, Celtia, seguindo o consello de Xosé Núñez Búa, que dous anos antes propuxéralle poñer en marcha na capital arxentina unha fábrica semellante á Cerámicas do Castro. En 1957 Díaz Pardo regresou a Bos Aires e entón creou Porcelanas de Magdalena, unha fábrica construída na cidade do mesmo nome, a 108 quilómetros da capital federal.

Isaac Díaz Pardo na inauguración da súa mostra no Centro Galego de Buenos Aires en 1955 © isaacdiazpardo.gal

"Magdalena foi unha estación estraña na nosa vida; non sei que se nos perdía alí, na fin do mundo, a máis de 100 km de Buenos Aires", contaría anos máis tarde Díaz Pardo, pero o certo é que Isaac se mantivo á fronte de Porcelanas de Magdalena ata 1967, unha década na que viaxou nove veces máis a Bos Aires para ocuparse da xestión do proxecto e manter encontros co exilio galego en Arxentina. "Das conversas e traballos deste tempo nace o Laboratorio de Formas e a idea de restaurar a tradición cerámica en Sargadelos", explica a web isaacdiazpardo.gal. Iso si, a aventura non rematou ben e debido a crecentes problemas cos accionistas, Isaac Díaz Pardo foi obrigado a abandonar a dirección da fábrica, o que fai en 1967 a través dun "telegrama coaccionado".

O Goberno local de Magdalena acordou darlle o nome de Díaz Pardo a unha das rúas da cidade e, igualmente, os de Santos Casado e Manuel López de Ben (dous dos seus máis estreitos colaboradores) 

A pasada semana o Goberno local de de Magdalena acordou darlle o nome de Isaac Díaz Pardo a unha das rúas da cidade e, igualmente, os de Santos Casado e Manuel López de Ben (dous dos seus máis estreitos colaboradores) a dous treitos doutra vía. En concreto a Calle Isaac Díaz Pardo estará situada nun dos treitos da actual rúa Balcarce, a carón do predio que ocupou a fábrica de Porcelanas de Magdalena. E o Pasaje Santos Casado y Manuel López de Ben situarase no Barrio Obreiro da Magdalena, onde os dous enxeñeiros galegos viviron durante décadas, ata a súa morte.  

Das conversas e traballos deste tempo nace o Laboratorio de Formas e a idea de restaurar a tradición cerámica en Sargadelos

"Dende o peche e posterior demolición da fábrica non quedaron rastros tanxibles do paso desta figura artística por Magdalena nin do proxecto CELTIA. O proxecto de recuperación da memoria levado adiante desde hai uns meses na nosa localidade espertou e sensibilizou a nosa sociedade rescatando do esquecemento non só a fábrica senón a produción de pezas dun valor e calidade de deseño incalculables, como así tamén a figuras destacadas do exilio galego", destácase na proposta, aprobada por unanimidade.

Ramón Otero Pedrayo visitando a fábrica de Magdalena en 1959 © isaacdiazpardo.gal

"Aquí cimentáronse moitos dos proxectos que logo levaría adiante no complexo de Sargadelos, que serviron para rescatar a memoria histórica e identidade galegas silenciadas pola ditadura franquista"

No debate que levou á aprobación da iniciativa, a concelleira do Frente de Todos Patricia Añaños destacou que "Rescatar a memoria colectiva é moi importante, pero ademais estamos a construír unha ponte cultural internacional. Isaac Díaz Pardo, que é un prócer nacional de Galicia, aquí viviu 13 anos e non pasou inadvertido para os magdalenenses. Aquí cimentáronse moitos dos proxectos que logo levaría adiante no complexo de Sargadelos, que serviron para rescatar a memoria histórica e identidade galegas silenciadas pola ditadura franquista". "Nós estamos a pór os cimentos desa ponte hoxe e serán quen nos sucedan os que teñan que empezar a xestar políticas públicas para que esa ponte sexa transitada, de ida e de volta" , engadiu.

O proxecto para darlle o nome de Isaac Díaz Pardo a esta rúa naceu no ano 2019, cando a escritora Loli Beloso visitou Magdalena para dar unha charla sobre o intelectual 

O proxecto para darlle o nome de Díaz Pardo a esta rúa naceu no ano 2019, cando a escritora Loli Beloso, amiga persoal de Isaac e de Carmen “Mimina” Arias Do Castro, visitou Magdalena e ofreceu unha charla no Centro Cultural da localidade. Nos meses seguintes a iniciativa foi sumando apoios, entre os que estiveron o de Camilo Díaz Arias do Castro, os da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, o Centro Galicia de Buenos Aires, a Asociación Cultural Irmans Suárez Picallo, o ex-alcalde de Sada Abel López Soto ou o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.

Un gaucho e unha María Magdalena, producidos na fábrica e deseñados por Seoane e Díaz Pardo, respectivamente © isaacdiazpardo.gal

Ademais, o pasado 22 de agosto, coincidindo co centenario do nacemento de Díaz Pardo, levouse a cabo un seminario web coa participación de ex-traballadoras de Celtia, de Camilo Díaz, de Loli Beloso, do arquitecto Manuel López (fillo de López de Ben) ou do historiador Hernán Díaz (fillo do debuxante e escritor Geno Díaz, xefe de arte da fábrica).

Igrexa da Magdalena, no centro da cidade bonaerense do mesmo nome CC-BY-SA darcacha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.