Unha ducia de miradas de Isaac
A primeira grande exposición sobre Isaac Díaz Pardo tras o seu falecemento, As miradas de Isaac, coincide co centenario do seu nacemento e poderá verse na Cidade da Cultura ata o 4 de abril. Repasamos algunhas das pezas máis significativas salientadas pola propia organización.
-
01
Tríptico dos homes de Brigantia, Camilo Díaz Baliño, ca. 1919-1921
"A linguaxe simbólica da obra plástica de Camilo Díaz Baliño [pai de Isaac] estivo orientada a dotar a Galicia dun corpus lendario e mitolóxico para lle dar visibilidade a personaxes, fitos e lugares da historia e das tradicións ancestrais de Galicia, con fins claramente identitarios".
-
02
Autorretrato, 1940
"Este pequeno, pero soberbio, autorretrato de Díaz Pardo cando tiña 19 ou 20 anos transmite a forte personalidade do mozo que mira o mundo con firmeza e seguridade, preludiando o que anos despois levou a Eduardo Blanco-Amor a cualificalo de 'xigante comprimido'".
-
03
Os afogados, 1946
"A carraxe que sentía Díaz Pardo pola sanguenta represión da sublevación fascista, na que perdeu a seu pai, ficou plasmada neste óleo onde, debido á censura, trocou os mortos na cuneta por afogados na praia, en medio dun pobo indignado".
-
04
Galicia hoy, 1966
"O libro Galicia hoy foi impulsado por Díaz Pardo e Seoane
e publicado pola editorial antifranquista Ruedo Ibérico en 1966. Nel colaboraron destacados artistas e intelectuais e foi o primeiro intento de denunciar o atraso e a opresión na que se atopaba Galicia". -
05
A nave espacial, 1964
"Tríptico de grandes dimensións, pintado na Arxentina, que escenifica en tres secuencias, e a xeito de cantar de cego, moitas das súas teimas de tipo social e político: pobreza, emigración, relixión, intolerancia, poder ou o futuro incerto".
-
06
Cabeza, Jorge Oteiza, 1979
"Á Escola Libre –que organizou o Seminario de Sargadelos desde 1972– acudía xente de todo o mundo, e convocaba a destacadas personalidades da arte, o intelecto e a investigación interdisciplinar, como foi o caso do escultor Jorge Oteiza, quen na súa estadía en Sargadelos en 1979 fixo esta peza, que resulta ser un retrato de Sabino Arana".
-
07
Saturno devorando aos seus fillos, ca. 1950
"Nesta peza escultórica de porcelana, dos comezos de Díaz Pardo como ceramista, pervive unha forte vocación pictórica. Nesta obra enfróntase o mal (representado en Neptuno devorando os seus fillos e que supón tamén unha metáfora da Galicia autodestrutiva) co amor (a parella de mozos que simboliza a esperanza)".
-
08
Cadeira antropomórfica, ca. 1970
"Os deseños de mobiliario de Díaz Pardo circunscribíanse case sempre ás necesidades das iniciativas que poñía en marcha, xa industriais, culturais ou comerciais. Este deseño “antropomórfico” de cadeira e mesa, destinado ás Galerías Sargadelos, evocaba o espírito do modernismo, do que bebera na súa infancia e na primeira xuventude a carón do seu pai".
-
09
O Meco e El toro júbilo, 1963
"Estes dous cartafoles de xilografías de Seoane foron as primeiras publicacións de Ediciós do Castro, unha iniciativa do Laboratorio de Formas para o estudo e recuperación da memoria histórica de Galicia que, entre ese ano e 2011, editou máis dun milleiro de libros, xa en solitario, xa en colaboración con outras institucións académicas, universitarias ou corporativas".
-
10
Máscaras para 'Os vellos non deben de namorarse', 1941
"Impulsado polo Laboratorio de Formas —Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo—, o Museo Carlos Maside foi inaugurado en 1972 para recuperar e divulgar os artistas do movemento renovador da arte galega anterior á Guerra Civil, onde Castelao ocupa un destacado lugar con obras relacionadas cos figurinos e coas máscaras que realizou para a súa obra teatral 'Os vellos non deben de namorarse'".
-
11
A mirada dos comisarios da mostra
A mostra está comisariada por Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, fillos de Isaac.
-
12
A mirada
Isaac Díaz Pardo
(Santiago, 1920 - A Coruña, 2012)