Marcos Pérez Pena

Unha ducia de festas galegas do mes de agosto

Estamos a mediados de agosto (o que os italianos demoninan ferragosto) e toda Galicia está en festas. Agosto é o mes festeiro por excelencia e dende o primeiro a o último día atopamos celebracións de todo tipo: gastronómicas, romarías, temáticas... En ningunha delas falta a comida e a bebida e tamén a música. Destacamos aquí apenas unha duca destas festas que nestas semanas se están levando a cabo de norte a sur do país. 

  1. 01

    Festa do Folión de Carros de Chantada (23 de agosto)

    O Folión de Carros de Chantada celébrase todos os anos o sábado das festas patronais, con a data variable, sempre a finais de agosto. Consiste na representación de oficios ou de escenas tradicionais da comarca, como as tarefas do agro, a vendima, a matanza do porco ou as feiras. Celébrase, cando menos, dende o ano 1927

    Este ano terá lugar o 23 de agosto, organizada pola Asociación Cultural Amigos do Folión.

     

    A tradición arrastrada polo Folión de Carros de Chantada

  2. 02

    Festa da Auga de Vilagarcía (16 de agosto)

    A Festa da Auga de Vilagarcía gaña cada ano asistencia e repercusión fóra da localidade. Celébrase o 16 de agosto, no marco das festas dedicadas a San Roque, aínda que os festexos comezan xa o día 14 e chegan ata o domingo 24.

    O máis importante é mollarse, unha actividade do máis refrescante nas proximidades do ferragosto.

  3. 03

    Romaría Viquinga de Catoira (3 de agosto)

    A Romaría Viquinga de Catoira celébrase ao pé das Torres do Oeste o primeiro domingo de agosto. Trátase dunha festa tradicional que comezou a organizarse no ano 1961, celebrando o papel da localidade na defensa fronte aos ataques normandos. A veciñanza de Catoira vístese de guerreiros viquingos e de campesiños galegos da época para representar a loita.

  4. 04

    Festa da Istoria (do 29 ao 31 de agosto)

    A Festa da Istoria celébrase a derradeira fin de semana de agosto en Ribadavia. Trátase dunha verdadeira festa medieval, que destaca en autenticidade e orixinalidade fronte ás moitas celebracións deste tipo que todos os anos acollen outras localidades. 

    Este ano terá lugar os días 29, 30 e 31 de agosto, cunha chea de actividades que un ano máis atraerán decenas de milleiros de visitantes.

  5. 05

    Festa do Naufraxio de Laxe (17 de agosto)

    O Naufraxio de Laxe é unha celebración tradicional que todos os anos se celebra o 17 de agosto como homenaxe da veciñanza desta mariñeira localidade á Virxe do Carme, protectora dos traballadores do mar. Comezou a organizarse en 1962, instaurada por Avelino Lema Santos, mariñeiro de Laxe supervivente de tres naufraxios.

  6. 06

    Festas de San Roque en Betanzos (16 de agosto)

    As Festas de San Roque de Betanzos teñen o seu día máis destacado o 16 de agosto, momento do lanzamento do tradicional globo de papel, que comezou a empregarse en 1875. Ás festas da localidade engádese ademais a celebración da Romaría dos Caneiros, os días 18 e 25 de agosto.

  7. 07

    Festa do Monte da Guarda (9 e 10 de agosto)

    A Festa do Monte celébrase todos os veráns en Santa Trega, na Guarda, sempre na segunda fin de semana do mes de agosto, nesta ocasión os días 9 e 10.

    A festa como hoxe se coñece iniciouse no ano 1912, coa creación da Sociedade Pro-Monte de Santa Trega, entre cuxos fins estaban os de revitalizar as celebracións relixiosas da ermida, reforestar as abas do monte, embelecer a contorna e construír unha nova estrada de acceso ao mesmo.

  8. 08

    Danzas Ancestrais de San Roque do Hío (16 de agosto)

    Cangas é o escenario de varias "Danzas Ancestrais", celebracións en diferentes parroquias (Aldán, Darbo, O Hío...) marcadas polo baile e pola utilización de vistosos traxes. O 16 de agosto, coincidindo coas festas de San Roque, O Hío acolle un destes festexos, que data do século XIV.

  9. 09

    Romaría do Naseiro (do 22 ao 27 de agosto)

    A Romaría do Naseiro, coñecida tamén como A Romaría do Bo Xantar, celébrase o cuarto domingo de agosto á beira do río Landro, en Viveiro. Este ano os festexos esténdense do 22 ao 27 de agosto, aínda que o domingo 24 será o Día Grande.

    En todos estes días haberá moita música (en sesión vermú e, pola tarde, coas verbenas), moita comida e bebida e as tradicionais percorridos polo río.

  10. 10

    Festa da Empanada de Bandeira (do 20 ao 24 de agosto)

    Do 20 ao 24 de agosto celébrase a Festa da Empanada de Bandeira, na que milleiros de persoas se achegan a este lugar do concello de Silleda. A xornada máis destacada será a do sábado 23, cando ten lugar a tradicional cea de peñas

  11. 11

    Queimada popular de Cervo (23 de agosto)

    Todos os anos Cervo acolle unha Queimada popular, que reúne na localidade a milleiros de persoas. Organizada pola asociación cultural 'Airiños do Xunco', vai pola súa edición número 47. Este ano será o sábado 23.

    Aínda que hai actividade ao longo de todo o día, con música e un mercado tradicional, o máis destacado chega pola noite. Ás 23 horas ten lugar a baixada da comitiva da Queimada dende as Escolas Vellas ata a praza do Souto, onde se leva a cabo a representación e escenificación e a preparación da beberaxe.

  12. 12

    Festa do 'Pulpo' do Carballiño (10 de agosto)

    E, para rematar, outra festa gastronómica. Son moitas as celebracións que este mes se dedican a exaltar a comida e a bebida en moitos lugares do país. En agosto temos Festa do Albariño en Cambados, do pemento en Arnoia, Herbón e Oímbra, do bonito en Burela, do mexillón en Vilagarcía, da ameixa en Carril, do xamón na Cañiza, do viño no Condado e no Rosal, da anguía en Valga...

    E temos, tamén, a Festa do Pulpo no Carballiño, que todos os anos se celebra o segundo domingo de agosto, unha exaltación deste manxar, do que se consumen milleiros de quilos.