A memoria de Isaac Díaz Pardo está ligada necesariamente a moitos lugares. Á cidade de Santiago, na que naceu e á que volveu, á Coruña, á factoría de Sargadelos en Cervo... E tamén, para sempre, ás Cerámicas do Castro en Sada. O rostro do intelectual, artista e incansable activista, falecido en 2012, olla agora cara a unha das súas casas para sempre. Faino en gran formato, o do mural que vén de rematar en Sada a artista Lula Goce.
O mural de homenaxe a Díaz Pardo en Sada sitúase ao carón dos lugares que levan o seu nome e ollando cara ás Cerámicas do Castro que creou da man de Luís Seoane
En Cantalarrana, preto do instituto de secundaria e da avenida que leva o seu nome, a ollada de Díaz Pardo xa se ergue nun mural no que a autora tentou recrear unha imaxe icónica, pero tamén reflectir a "profundidade" de don Isaac, "a súa austeridade e unha proverbial humildade". Ducias de veciñas e veciños da vila contemplaron a evolución dun traballo artístico que, di o alcalde sadense, Benito Portela, pretende servir tamén como recoñecemento a Díaz Pardo, "ao seu exemplo, ao seu traballo" que "nos serven de guía cada día".
O traballo de Lula Goce no mural terá tamén unha vertente audiovisual
A obra de Lula Goce, que xa interveu en espazos urbanos de múltiples cidades e vilas por todo o mundo -dende Vigo a Carballo, de Nova York a Barcelona ou México-, inmortaliza o Díaz Pardo do ano 2007 e arrodéao das iconas e cores que tornaron en emblema de Cerámicas do Castro da súa propia man e mais da de Luís Seoane.
Alén do mural ao vivo e das fotografías que poidan tirarse del, o mural de Díaz Pardo en Sada terá tamén unha vertente audiovisual. A do time-lapse elaborado por Marcos Cenamor durante toda a semana na que se prolongou a elaboración do mural, que será difundido proximamente polo propio Concello.