Lugo 'adopta' a Díaz Pardo, un "suposto vencido" que logrou a "vitoria moral"

Xosé Díaz recolle o recoñecemento de mans de Besteiro © Deputación de Lugo

"A vitoria moral e vital dun suposto vencido". Isaac Díaz Pardo é dende este martes fillo adoptivo da provincia de Lugo, un recoñecemento proposto polo presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e aprobado pola unanimidade dos tres grupos representados na institución. Xosé Díaz, fillo do intelectual galeguista, foi o encargado de recoller a insignia e o diploma que acreditan este recoñecemento no salón de plenos do lugués Pazo de San Marcos, no que estiveron presentes múltiples representantes do mundo político, empresarial e cultural, ademais de toda a corporación da Deputación.

Durante o acto de entrega Gómez Besteiro chamou a sentir "máis vivo ca nunca" a "alguén que soubo atravesar a madrugada de Galicia" cun "voo de valentía contra os arqueiros que tantos anos tensaron a súa frecha para ferilo". Para o político lugués Díaz Pardo foi un "humilde prodixioso" que no político e intelectual foi o "creador da memoria histórica contemporánea" galega e, no artístico e empresarial, o "verdadeiro pai do I+D+i en Galicia". 

O recoñecemento foi proposto por Besteiro e aprobado por unanimidade

Estes valores, unidas á "dinamización socioeconómica como refundador e impulsor do Complexo Industrial da Cerámica de Sergadelos", levan á Deputación luguesa a adoptar simbolicamente a quen durante a súa vida "tentou pasar sen ser visto" pero que logrou conxugar "todas as artes de xeito modélico" ao tempo que mantiña os ollos "grandes, inmenos, xenerosos e humildes", tamén durante os anos da Guerra Civil e a represión franquista, cando as tropas da ditadura deixaban os cadáveres nas cunetas "para meter máis medo á xente", sinala Besteiro, parafraseando ao propio Díaz Pardo. O seu "soño de amor pola arte e por Galicia" fano, a xuízo do presidente da institución provincial de Lugo, merecedor do recoñecemento público, por ser o seu legado "colleita exemplar e perdurable dunha semente ben posta por esas mans xenerosas".

Xosé Díaz, co presidente e o vicepresidente da Deputación luguesa © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.