En 1954 Lorenzo Varela, grande amigo de Isaac Díaz Pardo e homenaxeado nas Letras Galegas de 2005, publicou no seu libro Lonxe un poema titulado "Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados". Nel, Varela escribe que "gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás". Xa no primeiro cabodano de Díaz Pardo, un grupo de amigos e amigas lembraron deste xeito o artista, finado en xaneiro de 2012. Este domingo, no cuarto aniversario da súa morte, un acto no cemiterio compostelán de Boisaca empregou de novo pombas, mazás e flores para homenaxear a Isaac.
Baixo a chuvia, discursos e poemas trouxeron ao presente a súa figura e reivindicaron, como fixo Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, salvar o seu fondo. Presentou a profesora Olivia Rodríguez González, e houbo numerosas intervencións, a cargo de Ana Acuña, Antón Costa, Esperanza Mariño, Francisco Arturo Pita Fernández, Jesús Redondo Abuín, Patricia Díaz Chachero, Carmen Blanco, Xoán Xosé Fernández Abella, Xesús Rábade Paredes, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro, María López Penido e Carmen Rodríguez Ferreiro.
No acto, ao que asistiu medio cento de persoas, participou tamén Martiño Noriega, alcalde de Santiago, que depositou flores sobre a tumba, e os fillos de Isaac, Camilo e Xosé Díaz. Estudantes do IES Cacheiras leron o poema "Cacheno", de Isaac Díaz Pardo. E Mini e Mero puxeron música, que pechou a homenaxe.