"Petar co pé no chan": a capacidade de 'Matria' para concienciar contra o machismo

María Vázquez e Francisca Iglesias na preestrea de 'Matria' en Vilanova de Arousa © Amador Lorenzo

A película de Álvaro Gago 'Matria' xa se pode ver en pantalla grande por todo o país, ademais é a maior estrea dun filme galego no Estado con 60 salas proxectándoo

"Creo que moitas mulleres que a vexan, moitas igual non, pero algunha ha de petar co pé no chan. Han de petar co pé no chan e han de dicir ata aquí: 'eu tamén estou vivindo iso ou case igual'. Gustaríame que lles dera un empurrón e dixeran: 'ata aquí, non aguanto máis". As palabras de Francisca Iglesias, a muller da que parte a historia de Matria, evidencian a intención tras do filme, que mostra o machismo que impregna a realidade das mulleres no día a día, traballen onde traballen, vivan onde vivan. 

Matria conseguiu a maior estrea dun filme galego en galego no Estado, sesenta salas de cine proxectaron este venres por primeira vez a película de Álvaro Gago, a súa primeira longametraxe, na que afonda na realidade de Ramona, unha muller á que xa presentou na curta de 2017 coa que levou o Gran Premio no festival de Sundance. Dise que a ficción, ás veces, é necesaria para mostrar a realidade, e neste caso o cineasta vigués crea unha historia que permite ás espectadoras e espectadores asistir a unha realidade que aínda pasa desapercibida. 

O equipo artístico de 'Matria' en Vilanova © Amador Lorenzo

Francisca Iglesias é o nome propio desta aventura producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C., Elastica Films e Ringo Media na que o equipo traballou preto de cinco anos. Ela inspirou e protagonizou a curta e agora foi parte de todo o proceso do filme, a pesar de interpretar un pequeno papel na longametraxe. Francis, como a chama todo o mundo, ten claro que isto é máis que unha película: "Álvaro fai que a xente o viva e saiba o que el quere expresar de verdade. Quere que convivas, que observes e que sintas. Sabemos que é un director de cine facendo unha película, pero á parte diso quere que isto se vexa no mundo", conta. 

"Gustaríame que lles dera un empurrón e dixeran: 'ata aquí, non aguanto máis". É o desexo de Francis Iglesias, inspiradora de 'Matria', de chegar coa película a mulleres que están a sufrir violencias machistas 

O pasado 16 de marzo, na preestrea en Vilanova de Arousa da película, a primeira vez na que todo o equipo puido gozar dela na pantalla grande, Francis Iglesias chegou directa de traballar e con roupa para cambiarse no coche. A actriz María Vázquez levaba unha sorpresa en forma de vestido, unha homenaxe a Matria creado por La Canalla no seu taller en Vigo. "Quería levar comigo a todas as mulleres da película", salientou. O vestido, cun fondo branco, leva escritos os nomes das mulleres do filme con dous destacados en letra grande: Francis e Ramona.

María Vázquez interpreta o papel protagonista e faino acompañada dun elenco formado por Soraya Luaces –na súa segunda incursión no cine tras a curta Rompente, de Eloy Domínguez Serén–, Susana Sampedro, Santi Prego, Eduardo R. Cunha 'Tatán' e a propia Francisca Iglesias. Atopámonos con elas antes de que se encha o auditorio Valle Inclán de Vilanova e cheguen as cámaras, nun patio de butacas baleiro e con probas de son ao arredor. A conversa completa pódese escoitar no episodio desta semana do podcast informativo de Praza.gal, Fálase.

Fragmento da conversa de María Vázquez e Francis Iglesias con Praza.gal

"Para min era unha responsabilidade moi grande contala con dignidade", sinala María Vázquez, que levou o premio á mellor actriz protagonista no Festival de Málaga, sobre a personaxe de Ramona. Un papel no que traballou man a man con Francis desde moitos meses antes de comezar a rodaxe por Cambados, Vilagarcía, Vilanova, A Illa e Pontevedra: "Axudoume moito moito, abriume o seu corazón. Foi moi fácil, sentinme como se foramos da familia", agradece.

"Álvaro fai que a xente o viva e saiba o que el quere expresar de verdade. Quere que isto se vexa no mundo", di Francis Iglesias

O machismo normalizado, tanto en homes como en mulleres, queda retratado na película. "Onde eu me criei as mulleres temos que facelo todo, traballar fóra e dentro. Miña nai non lle mandaba ao meu irmán facer a cama, como ía facer el a cama se iso é cousa de mulleres! Aínda hoxe ten a mesma mentalidade e, claro, púxonola a nós. Eu creo que facendo Matria moitas mulleres dirán: eu vivo parecido, eu vivo mellor ou eu vivo peor.. pero si, porque eu a vexo e revólvenseme as tripas", asegura Francis. 

Quen se achegue a Matria desde unha ollada completamente allea poderá pensar que a película esaxera: os berros da supervisora ás mulleres na fábrica, os improperios dos homes no bar, o sistema para agochar os cartos na casa... Todo iso sucede na realidade. De feito, María Vázquez explica que o máis complexo para ela foron os traballos co corpo, pois para interpretar a Ramona de maneira verosímil aprendeu e practicou o traballo tanto na fábrica co marisco como embarcada. 

Francis e María, as dúas mulleres que se puxeron na pel da Ramona de 'Matria' © Amador Lorenzo

"Tes que facer forza, que se non parece que estás aí só cunha fregona", explica a actriz sobre as escenas nas que se ve como limpan a nave da conserveira. "E aínda estades cun cepillo, pero eu na vida real onde limpaba na fábrica facíao de xeonllos cun estropallo. É ficción ficción", asegura Francis Iglesias. "Por iso é tan importante loitar polos dereitos da traballadoras", engade Vázquez, porque "sen dignidade laboral non podes ter liberdade como persoa"

Francis Iglesias, que traballou nunha fábrica conserveira con quendas de seis da mañá a nove da noite, incide en que ese traballo físico é moi duro, pero non o é máis que o esforzo que hai detrás de sacar adiante un proxecto no sector do audiovisual: "Que pouco valoramos o traballo desta xente. Nós traballamos moito na fábrica pero isto é... Está mal pagadísimo e non se acaba nunca. E despois que teñas sorte e a película che dea ganancias".

Matria pódese ver en pantalla grande por toda Galicia, desde a Illa de Arousa ata Viveiro e desde Vigo a Ferrol pasando por Xinzo de Limia, Pontevedra, Lugo, Caldas de Reis, Santiago, Ourense, Cee, A Coruña ou Narón. Ademais, estes días haberá pases especiais coa presenza do director, o productor Daniel Froiz ou a protagonista da cinta, María Vázquez. Este sábado, Álvaro Gago presenta a proxección no auditorio municipal de Cambados ás 19:30 horas e no auditorio do Concello da Illa ás 21:00 horas. Toda a información sobre onde ver a película pode consultarse aquí

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.