‘O Tío Marcos’ acadou un gran éxito e a súa tirada chegou aos 4.000 exemplares
A Asociación de Medios en Galego organiza este luns 18 unha homenaxe ao escritor Valentín Lamas Carvajal, promotor de ‘O Tío Marcos da Portela’, primeira publicación escrita integramente en galego e que viu a luz o 7 de febreiro 1876, data na que esta entidade celebra cada ano o Día dos Medios en Galego.
Lamas Carvajal é unha das figuras senlleiras do xornalismo galego. ‘O Tío Marcos’ acadou un gran éxito e a súa tirada chegou aos 4.000 exemplares nun momento histórico no que había importantes índices de analfabetismo. As claves foron a ironía e o humor da publicación así como a conexión dos temas que trataba coas preocupacións dos labregos.
O acto, no que participará o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, terá lugar no Liceo de Ourense a partir das 11 da mañá e contará coa participación do historiador experto en Lamas Carvajal Afonso Vázquez-Monxardín e da tataraneta do homenaxeado.
Durante a homenaxe recordarase tamén a figura de Basilio Álvarez, autor dun novidoso Manual de Xornalismo a comezos do século XX
Ademais da homenaxe a Lamas Carvajal, falarase tamén de Basilio Álvarez -sacerdote, xornalista, político e fundador do movemento agrario Acción Gallega- que foi autor dun novidoso Manual de Xornalismo a comezos do século XX. Sobre a figura do coñecido como “abade de Beiro” vén de publicar unha completa biografía o profesor Miguel Cabo.