O 7 de febreiro de 1876 saía do prelo (situado na Rúa Lepanto, en Ourense) o primeiro número de O Tío Marcos d'A Portela, o xornal impulsado por Valentín Lamas Carvajal, que chegou a vender 4.000 exemplares, converténdose na primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega. É por isto que neste 7 de febreiro celébrase dende o pasado ano o Día dos Medios en Galego, impulsado pola Asociación de Medios en Galego que este sábado celebrou en Pontevedra a II Gala dos Medios en Galego.
Neste 7 de febreiro celébrase o Día dos Medios en Galego
O xornal, que naceu con carácter quincenal (publicándose os días 7 e 22 de cada mes), pasou a ser semanal dous meses despois, saíndo á rúa os domingos. Subtitulado Parrafeos c'o pobo gallego, tivo dúas etapas, a primeira dende 1876 ata 1880 e a segunda dende 1883 ata 1889.
Na súa cabeceira destacábase toda unha declaración de intencións “Os mandamentos do Marcos fóra da igrexa son seis: facer a todos xustiza, non casarse con ninguén, falar o galego enxebre, cumprir o que manda a lei, loitar polo noso adianto con entusiasmo e con fe, vestir calzóns e monteira".
O compromiso do xornal coa lingua galega e co seu impulso ía máis aló do seu uso con normalidade (o que en si mesmo xa era un fito). Na súa cabeceira tamén se podía ler: “Teñen os pobos gala, no seu linguaxe falar. Fálase chino na China, portugués en Portugal, catalán en Cataluña, e na Alemaña, alemán, só os galegos de agora, ata vergoña lles dá falar a melosa e doce fala que falan os seus pais”.
“Fálase chino na China, portugués en Portugal, catalán en Cataluña, e na Alemaña, alemán, só os galegos de agora, ata vergoña lles dá falar a melosa e doce fala que falan os seus pais”
Xosé Ramón Pousa destacaba neste artigo as cualidades deste xornal que "conectaba perfectamente coas súas preocupacións como campesiños, sintonizaba cos seus intereses, e utilizaba a sátira máis descarnada e a parodia como elementos de rebeldía contra o caciquismo". "Hoxe, na Galicia do século XXI, aínda temos que desprendernos de moitos prexuízos e aprender daquel cego ourensán de tan longa visión, aprendendo da súa humildade, da capacidade de conexión cos máis desaxidos", conclúe Pousa.
Con el naceu unha auténtica escola de xornalismo en galego que tivo numerosos seguidores e imitadores por todo o país. O Tío Marcos abriu un ronsel polo que seguiron A Fuliada, O Galiciano, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego ou A Monteira. E, máis adiante, A Nosa Terra ou Nós.
O xornal "conectaba coas preocupacións dos campesiños, sintonizaba cos seus intereses, e utilizaba a sátira descarnada e a parodia como elementos de rebeldía contra o caciquismo"
A Real Academia Galega destaca, finalmente, unha curiosidade: Marcos d'A Portela, o personaxe escollido por Lamas Carvajal para dar título ao xornal e para convertelo en autor apócrifo do seu Catecismo do Labrego está inspirado nunha figura histórica. O seu nome real foi Marcos Peralba e viviu nun lugar de Monteporreiro (Pontevedra) durante as primeiras décadas do século XVIII. Foi frei Martín Sarmiento quen primeiro nos falou del e quen o incluíu entre os protagonistas das súas coplas galegas. Máis dun século despois Lamas Carvajal trasladouno a terras ourensás e popularizouno coa feitura do galego enxebre que nos falou a través das páxinas da súa publicación.