Pontevedra acolle este sábado a II Gala dos Medios en Galego, organizada por AMEGA, entidade que agrupa a 40 medios de comunicación que empregan a lingua galega, entre eles Praza.gal. O evento anticipa a celebración do Día dos Medios en Galego, que o vindeiro 7 de febreiro conmemorará o aniversario do nacemento de O Tío Marcos d'A Portela.
A gala comezará ás 12 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra e contará coa intervención do actor e humorista Xose A. Touriñán e coa música de Ugia Pedreira, que interpretará seis cancións coas que fará un percorrido por toda a súa traxectoria. Tamén participarán Xaime Iglesias, da Asociación Cedofeita; Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra; Anxos Sobriño, da CTNL e o debuxante Kiko da Silva. O evento pecharase coas intervencións de secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
A existencia de medios en galego “é fundamental para a pervivencia da propia cultura galega, da información en chave galega e tamén para a creación de postos de traballo de xornalistas na nosa propia terra”
O evento foi presentado este xoves por Henrique Sanfiz, presidente da Asociación de Medios en Galego (Amega) e polo concelleiro pontevedrés Alberto Oubiña, edil de Normalización Lingüística, e o deputado provincial Xosé Leal, que reclamou o apoio das administracións aos medios en galego para acadar “unha situación de normalidade a unha aposta”. "A normalización da nosa lingua pasa por ter medios na nosa lingua”, concluíu.
Pola súa banda, Oubiña subliñou que a existencia de medios en galego “é fundamental para a pervivencia da propia cultura galega, da información en chave galega e tamén para a creación de postos de traballo de xornalistas na nosa propia terra”.
A asistencia a Gala dos Medios en galego é libre mais é preciso retirar o convite. As persoas interesadas poden facelo a partir das 11 horas no Concello de Pontevedra (Michelena 30, 3º andar) e no Museo de Pontevedra; e dende as 18 horas na libraría Paz.