Nace o 'Día dos Medios en Galego' para conmemorar o aniversario de 'O Tio Marcos d'A Portela'

Parrafeo Primeiro de O Tio Marcos d'A Portela (7 de febreiro de 1876) © RAG

O 7 de febreiro de 1876 saiu á rúa o Parrafeo Primeiro de O Tio Marcos d'A Portela, o xornal impulsado por Valentín Lamas Carvajal, que chegou a vender 4.000 exemplares, converténdose na primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega. Aproveitando esta conmemoración, vén de instituírse o Día dos Medios en Galego, impulsado pola Asociación de Medios en Galego, que se celebrará todos os anos o 7 de febreiro, co obxectivo de "visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”. Os actos centrais deste Dia dos Medios en Galego celebraranse en Fene o sábado 3 de febreiro.

O Tio Marcos d'A Portela tivo unha duración bastante prolongada, aínda que irregular, pois estivo distribuída en tres épocas diferentes: entre 1876 e 1880, entre 1883 e 1889 e entre 1917 e 1919. A súa periodicidade comezou sendo quincenal, pasando en poucos meses a semanal. E así se mantivo durante as dúas primeiras épocas, aínda que na terceira pasou a ser de novo quincenal. Tamén variou na súa extensión, tendo catro páxinas na primeira xeira e despois oito nas dúas seguintes. En total saíron do prelo case cincocentos Parrafeos.

O xornal vendíase nas feiras e mediante subscricións por toda Galicia e nas comunidades emigradas de América e acadou unha tiraxe e unha sona moi destacadas, sobre todo se temos en conta a elevada taxa de analfabetismo que existía naquel tempo. Destaca a Real Academia Galega que "foi a primeira tentativa exitosa de crear unha prensa de masas escrita na nosa lingua. Con el naceu unha auténtica escola de xornalismo en galego que tivo numerosos seguidores e imitadores por todo o país".

Unha gran parte dos artigos do periódico foron escritos polo propio Lamas Carvajal usando diferentes pseudónimos. Outros debéronse á pluma de varios colaboradores. En xeral os seus contidos recollían os temas habituais da prensa do momento, cunha evidente predilección pola literatura culta e popular: poemas, contos, refráns, cántigas. As súas páxinas acolleron ademais textos dos principais autores galegos do Rexurdimento. Mais tamén estiveron sempre presentes as noticias de actualidade -local, galega, española- e os comentarios políticos, moitas veces expresados en forma dialogada (parrafeos), como xa viña sendo habitual dende a aparición da primeira prensa en galego.

 

Valentín Lamas Carvajal Dominio Público Praza Pública
Unha páxina completa do xornal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.