A Xunta conclúe que "non hai ningún idioma discriminado" cunha enquisa a 1.200 familias encargada para matizar o IGE

Unha aula dun centro escolar galego e gráficos con resultados da enquisa divulgada pola Xunta CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

O Goberno galego esgrime que o 80% das familias consultadas por Sondaxe "non ven problema no uso do galego nas aulas", aínda que só o 55% apostan por deixar o ensino como está

"A poboación en xeral non cre que haxa unha lingua discriminada". Esa é a conclusión tirada polo secretario xeral de Lingua, Valentín García, dunha enquisa encargada pola Xunta a Sondaxe, da Corporación Voz de Galicia, para matizar a gran consulta sobre o uso do galego presentada o pasado 11 outubro polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que concluíu que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia. Se o instituto público entrevista a persoas residentes nuns 9.000 fogares para a súa enquisa estrutural da que saen os datos sobre o uso do galego, a nova enquisa de Sondaxe, que comezou a realizarse 11 días despois de coñecerse os datos do IGE, baséase en 1.200 enquisas.

O Goberno galego salientou este xoves que a nova enquisa pon o foco en aspectos "que non analiza o IGE", como a percepción social das familias sobre o uso do galego no ensino. Nesa liña, os datos divulgados pola Xunta este xoves -asegura que o resto de datos da enquisa aínda están a ser analizados- ofrecen conclusións como que o 52,4% das familias que falan habitualmente en galego consideran que non hai ningún idioma discriminado en Galicia, que o 62,8% das familias están satisfeitas ou moi satisfeitas co uso actual do galego no sistema educativo ou que ata o 80% "non ven problema no uso do galego nas aulas". 

Porén, fronte a esa última cifra só o 55,2% das respostas aposta por deixar "como está" o uso do galego no sistema educativo. Isto é hai unha parte de familias que din non ver problema pero que ao tempo considera que se deben facer cambios.

A Xunta volve poñer o foco na poboación nacida no estranxeiro como xustificación da caída no uso do galego

A enquisa tamén reflicte que o 31,1% dos rapaces "interactúa só en castelán", e cando se lle preguntou ao secretario xeral de Lingua cal é a porcentaxe dos que interactúan só en galego a súa resposta consistiu en poñer o foco nun suposto "incremento moi importante de alumnos que usan castelán, galego e outras linguas", cifra que verbalmente situou no 13,5% pero que non aparece no resumo divulgado pola Xunta sobre a enquisa porque segundo dixo eses datos aínda están a ser analizados. En todo caso, incidiu, como vén facendo a Xunta desde a enquisa do IGE para xustificar a caída do galego e o aumento do castelán, no "incremento de poboación de fóra de Galicia", con "23.000 alumnos nacidos no estranxeiro".

A enquisa encargada a Sondaxe, segundo o divulgado pola Xunta, comezou a realizarse o 22 de outubro, 11 días despois de facerse pública a enquisa do IGE. Desde aquel momento na web de contratos da Xunta aparecen dous da Consellería de Cultura con Sondaxe, os dous con data do 30 de decembro, para "realización traballo de campo sobre a enquisa respecto ó uso do galego" por 17.545 euros e para "participación no Barómetro de setembro de La Voz de Galicia" por 4.840 euros. 

Preguntado o conselleiro de Cultura, José López, por que o encargo da enquisa a unha empresa privada e non ao propio IGE e se o persoal público pode tomalo como unha desautorización, a súa resposta é que a do IGE é "unha enquisa regrada, non é tan flexible, non se adapta tanto a poder facer unha enquisa concreta". Non aclarou o conselleiro por que non se lle puido pedir ao IGE unha enquisa "flexible" que preguntase polas cuestións que se encargaron a Sondaxe.

O coordinador do novo plan de normalización matiza que as percepcións hai que contrastalas porque "unha muller dun país islámico pode ter unha percepción de que está nunha situación moi boa, pero desde occidente a súa situación é denigrante"

Na presentación dos resultados tamén se preguntou se, ademais da enquisa a familias, que non teñen coñecementos de sociolingüísmo, a Xunta tamén vai facer enquisa a sociolingüístas. A resposta foi que eses profesionais xa van participar nos equipos de traballos cos que a Xunta quere actualizar o Plan de Normalización Lingüística de 2004 que apenas cumpriu

O coordinador deses traballos, o profesor e académico Manuel González, tamén participou na presentación desta nova enquisa, da que dixo que "todo o que sexa ter máis datos será benvido". Porén tamén matizou que "as percepcións sociais son importantes, pero hai que contrastalas sempre con outro tipo de datos" xa que "sempre poden ser moi relativas". "Hoxe unha muller nun país islámico pode ter unha percepción social de que está nunha situación moi boa, pero desde o punto de vista da cultura occidental a súa situación é denigrante", exemplificou.

O conselleiro de Cultura, José López, na presentación da nova enquisa sobre o galego encargada pola Xunta a Sondaxe acompañado por Manuel González, coordinador do novo Plan de Normalización Lingüística, e Valentín García, secretario xeral de Lingua CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os datos desta nova enquisa encargada pola Xunta chegan menos dun mes despois de que o Consello da Cultura fixese público un informe no que destaca que a mocidade galega en idade escolar fala peor a lingua propia que cataláns e vascos e que os seus datos de competencia e usos son peores que os maiores, á inversa que en Catalunya e Euskadi. 

Antes, en decembro, fora a Real Academia Galega quen alertara noutro informe de que o galego está preto do "limiar do colapso", con menos de 35.000 falantes entre 5 e 14 anos, ademais de pedir medidas que revertesen a situación. Todo tras coñecérense en outubro os datos do Instituto Galego de Estatística que advertían que só se expresa sempre ou máis en galego ca en castelán o 16 % da rapazada. Xa que logo, que o castelán era por primeira vez predominante en Galicia. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.