O texto chamado a converterse no novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) presentado este pasado mércores consta de máis de 300 páxinas e unhas 700 medidas na procura de "reconducir unhas tendencias claramente daniñas para o galego". Coa ollada lóxica posta no ensino e na porta aberta que deixa a introducir cambios no polémico decreto do plurilingüismo, o documento propón centos de actuacións en diferentes sectores —máis ou menos concretas— para mellorar a situación do idioma.
O plan para o galego insta en varias ocasións a "derrubar os prexuízos sobre o galego" e "superar os estereotipos negativos"
O reforzo e recuperación da transmisión interxeracional da lingua, o impulso e promoción do galego entre a rapazada e no lecer e o fomento da lingua entre a poboación inmigrante son algunhas das claves deste novo PXNLG. O documento, ademais, cita en varias ocasións a necesidade de "derrubar os prexuízos sobre o galego", os mesmos que, tal e como advertiron diferentes estudos da Real Academia Galega (RAG) ou do Consello da Cultura (CCG), impulsou a política lingüística levada a cabo pola Xunta desde a chegada de Núñez Feijóo ao poder en 2009, especialmente entre a mocidade na que mesmo callou o mito da "imposición". Unha emenda a toda unha época e a un discurso que impulsou o retroceso do idioma.
Na necesidade de recuperar esa transmisión interxeracional do galego, o PXNLG asegura que "cómpre superar os prexuízos e os estereotipos negativos susceptibles de xerar discriminación, exclusión social e minorización sobre o galego e apoderar socialmente a lingua propia de Galicia". E fala de "derrubar" eses prexuízos e de "educar sobra a utilidade" do idioma.
O plan insta a CRTVG a impulsar "programas, series e concursos que valoren e fomenten a autoestima dos galegofalantes"
De feito, entre as medidas concretas propón campañas de comunicación dirixidas a distintos tipos de familia, "co foco naqueles prexuízos concretos que cómpre derrubar". E pon exemplos: o de non falar galego coa cativada ou con figuras de autoridade, vincular o idioma co rural ou co nivel socioeconómico baixo.
Tamén insta a "promover campañas orientadas a distintos perfís de xente moza, cun discurso contra prexuízos lingüísticos concretos, tales como os da xente nova galegofalante que rexeita o seu idioma". Ademais, insta a CSAG —antiga CRTVG— e aos medios de comunicación a incrementar o seu papel "como actores de difusión da lingua galega e do seu uso desprexuizado na contorna familiar". Mesmo reclama "programas, series e concursos que valoren e fomenten a autoestima dos galegofalantes e atraian o interese dos non galegofalantes con contidos de aprendizaxe lingüística pasiva e modelos positivos". E pon como posibles opcións a de establecer colaboracións con youtubeiros, influencers, educadores e divulgadores galegos "para crear contido familiar atractivo".
O documento recomenda "sensibilizar as familias sobre as vantaxes de que os seus descendentes coñezan a lingua galega, así como da conveniencia de que a adquiran de forma temperá, como mellor garantía para que se instalen nela de xeito adecuado e poidan despois acceder a outros idiomas" e reclama que se "garanta" que todos os servizos públicos prestados ás familias "se ofrezan" no idioma do país.
ANPAS e actividades extraescolares
Entre o conxunto de medidas que propón ás diferentes administracións para "dinamizar a lingua galega no ámbito familiar" está a creación dun observatorio que faga un "seguimento" da evolución do uso do galego nas familias ou incluír nas contratacións e subvencións públicas para prestacións "cláusulas de dispoñibilidade lingüística". Tamén "promover a competencia e uso activo" da lingua no persoal dos servizos públicos ás familias.
Ademais, e alén do que teña que ver cos centros educativos, o PXNLG pide "aumentar a presenza do galego na infancia", con accións "para os contextos da vida escolar fóra da aula" como campañas de sensibilización e formación lingüística para as ANPAS para o fomento do galego nas actividades extraescolares ou no comedor.
Relacionado, no ámbito asociativo e deportivo, o documento propón crear "un distintivo que recoñeza as entidades asociativas que empreguen o galego no seu funcionamento e proxección social" e "ofrecerlles un modelo lingüístico no que desenvolveren a súa actividade" na lingua propia. Ademais, tamén se aposta pola "presenza do galego nas convocatorias de subvencións, achegas ou axudas públicas" dirixidas a estes colectivos.
O documento afonda na poboación inmigrante e na necesidade de que vexa o galego "como elemento de integración"
Ademais, o considerable aumento da poboación inmigrante en Galicia leva tamén a que o PXNLG dedique un amplo espazo ás recomendacións e medidas propostas para este colectivo. O obxectivo, aclara, é que o galego sexa visto "como elemento de integración" e que a poboación chegada de fóra aprecie a lingua e a cultura galegas tamén "pola importancia que ten formar parte dun grupo cultural e dunha nova identidade cultural para vivir en comunidade".
Entre as medidas propostas destaca a creación de "programas de benvida e acollemento lingüístico no ámbito municipal para familias, adaptándoos ás casuísticas de orixe, idioma, idades, perfil socioeconómico", facilitando así que "incorporen o galego como lingua de comunicación", achegándolles actividades, recursos didácticos e actividades arredor do idioma.
Neste aspecto, e no ámbito educativo, prevese a creación tamén de aulas de acollida destinadas á integración social, educativa e laboral da mocidade inmigrante en entros de ensino, concellos e entidades asociativas", así como accións de formación lingüística e cultural para a adquisición de competencia comunicativa.
O PXNLG chama a "aproveitar o amplo e espontáneo uso do galego nos distintos sectores laborais onde participan as persoas inmigrantes" e a súa "actitude favorable" ou a "facilidade que as persoas de
determinadas procedencias teñen para os idiomas".
O plan propón programas de "benvida e acollemento lingüístico" nos municipios para que as familias migrantes "incorporen o galego como lingua de comunicación"
Entre as iniciativas a implantar, proponse crear un "premio anual á integración lingüística, que distinga o inmigrante neofalante que acade maior nivel no dominio da lingua ou que máis destaque no seu uso" ou constituír unha "comunidade de intermediadores lingüísticos para traballar coa poboación inmigrante, e proporcionarlles a formación necesaria para abordar temas non só educativos, senón tamén laborais e sociais".
Débese, recomenda o plan, "aproveitar a preocupación da persoa inmigrante de non perder as súas raíces para que comprenda a importancia de coñecer os costumes e tradicións de aquí á hora de integrarse na nosa cultura".
Por outra banda, os espazos de lecer e entretemento da infancia e da mocidade son outros ámbitos onde o plan anima a intensificar as medidas. Así, aposta por "aumentar a oferta, dobrar e localizar produtos audiovisuais de entretemento infantil" e "crear produtos de consumo masivo para nenos e nenas en galego, como álbums de cromos ou barallas de debuxos de moda. Tamén recomenda colaborar con empresas de marcas infantís para "incluír o galego nos xoguetes convencionais de distribución nos grandes mercados e acompañalos de campañas de visibilidade".
Ocio nocturno e verbenas
Entre as propostas inclúese a de establecer para as actividades de ocio e tempo libre "un vínculo directo entre o uso do galego e a calidade da actividade", e pon como exemplos aquelas que teñan "valor ecolóxico, contido non sexista, respecto á diversidade ou conciencia democrática". Tamén a creación dun "voluntariado lingüístico" para programas de intercambio e convivencia entre xente nova co galego como vehicular.
En canto á mocidade, o plan pide accións ambiciosas no lecer, especialmente en ámbitos urbanos para evitar a súa "desgaleguización", e chega a concretar algunhas medidas moi ao detalle, como "un programa de actividades nocturnas en locais hostaleiros mediante xogos grupais de cultura popular, de preguntas e respostas (a semellanza das Quiz Night do Reino Unido)" ou "organizar rutas de ocio con artistas locais en lingua galega" e "darlles peso" a aqueles que usen o galego na programación dos festivais.
Entre as propostas está a de acordar coas orquestras o uso da lingua propia nas verbenas e "versións en galego dos éxitos musicais"
Mesmo as "verbenas e festas populares" teñen un apartado propio, no que o PXNLG propón "organizar foliadas e outras actividades gastronómicas e artísticas de carácter popular, promovendo a presenza do galego no seu desenvolvemento", "promover a produción musical en galego", crear unha "feira das festas galegas" cun festival de orquestras, pero tamén chegar a "acordos cos axentes artísticos de orquestras e espectáculos para fomentar a presenza do galego nos contratos, na publicidade e na relación co público".
O texto chega a instar a que se promova "a versión ao galego dos éxitos musicais máis representativos do ano para incorporalos ao repertorio das festas". Todo co obxectivo de que o idioma propio "sexa percibido como o natural" nestes ámbitos.
"Contratos estables" para a dobraxe
Ademais, tamén se piden "contratos estables con estudios de dobraxe" para producir versións en galego de contidos de entretemento de éxito, así como establecer unha "liña de financiamento e apoio para un número de proxectos de alto impacto por ano, referidos a ámbitos como: series de televisión ou en liña , grupos musicais, xogos e creadores de contido (streamers) con potencial masivo".
Os creadores de contido e influencers son tamén obxectivo do plan, que pide que se apoie o traballo daqueles "que teñan o galego como lingua habitual", xa sexa "abríndolles portas, organizándolles eventos" ou promocionándoos en medios e festivais. Unha forma máis de "facilitar referentes galegofalantes para a mocidade", un dos obxectivos claros que marca o documento.
Entre as medidas, o plan tamén insta os medios públicos galegos a "incrementar a visibilización da programación específica destinada a infancia e mocidade" e pide na TVG "series de ficción xuvenil atractivas para adolescentes" ou "contidos en galego en clave de humor para achegarse á mocidade".