RAG e Consello da Cultura ven insuficiente o pacto PP-PSdeG pola lingua pero confían en máis avances

O conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, con Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra, presidentes da RAG e o CCG CC-BY-SA Imaxes: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra piden "unha reflexión moito máis fonda" e "maior alcance" do galego no ensino e ofrecen a colaboración das dúas institucións para avaliar a aplicación do novo acordo

Tras a sinatura este xoves entre PP e PSdeG dun acordo para mellorar a proposta inicial dos populares de novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, as presidencias das dúas principais institucións de defensa da lingua galega, a Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG), realizaron unha primeira valoración. Co foco posto polos propios partidos no ensino e no levantamento do veto a dar materias de ciencias en galego a cambio de que materias equivalentes de sociais pasen a darse en castelán, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra coinciden en valorar positivamente ese paso pero seguen vendo insuficientes os avances en xeral na educación dos máis novos.

O conselleiro de Cultura e Lingua e o secretario xeral da Lingua coas presidentas saínte e entrante do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e Dolores Vilavedra CC-BY-SA Xunta de Galicia

Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega

"No ámbito educativo o plan podía e debía ter un maior alcance", di a presidenta do CCG 

Desde o Consello da Cultura, órgano estatutario consultivo e de defensa da cultura galega, a súa presidenta, Vilavedra, valora "satisfactoriamente" que o novo plan incorpore "unha parte moi ampla" das propostas que formularon hai un ano no foro Un país coa súa lingua, especialmente nos ámbitos da sanidade, as tecnoloxías, os recursos lingüísticos e a transmisión familiar e xuvenil. 

Porén, Vilavedra cre que "no ámbito educativo o plan podía e debía ter un maior alcance". "A proposta toma como referencia un equilibrio entre as dúas linguas oficiais que non se corresponde plenamente coa realidade sociolingüística actual de Galicia", di xa que "o equilibrio normativo entre as linguas non pode facer abstracción da diferente situación social de partida de cada unha". A presidenta do CCG bota en falta "maior ambición, valentía e creatividade" e "ir máis alá dunha distribución equilibrada dos usos lingüísticos" actuando "sobre os factores que están condicionando a súa transmisión e o seu uso efectivo". "E, sobre todo, require confiar máis na capacidade de compromiso e innovación da comunidade educativa, ofrecéndolle ferramentas e marxes de actuación para impulsar experiencias que permitan avanzar na normalización do galego", considera.

Vilavedra si valora positivamente que o acordo concrete un cronograma para o desenvolvemento das medidas e estableza mecanismos de avaliación nos que o Consello da Cultura se compromete a participar. "Reiteramos a nosa disposición a colaborar no desenvolvemento e seguimento do plan e a participar activamente nos órganos para os que se requira a nosa presenza", conclúe. 

O conselleiro de Cultura e Lingua co presidente da RAG e a xa ex-presidenta do CCG CC-BY-SA Xunta de Galicia

Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega

"O galego no ensino necesitaría unha reflexión moito máis fonda sobre os modelos educativos", di o presidente da RAG

Desde a Real Academia Galega o seu presidente, Henrique Monteagudo, considera, "nunha resposta de urxencia" á espera "dunha análise máis detallada", que é "positivo que as políticas lingüísticas non sexan decididas de xeito unilateral pola Xunta de Galicia" e engade que "sería naturalmente desexable que no pacto estivesen todas as forzas do arco parlamentario, daríalle moita máis solidez ao acordo e mellores posibilidades de resposta e implicación social".

No positivo Monteagudo tamén salienta "o tan necesario plan de lectura que se contempla" e "entrando no terreo máis delicado e importante, que é o do ensino, considero, por suposto, positivo que se levante o veto ao uso do galego nas materias científica". Tamén ve "relevante que se comprometa a inspección no control da aplicación do uso do galego no sistema educativo, porque hai unha sensación xeneralizada de que existe certa laxitude no cumprimento das previsións actuais, sobre todo na concertada e na privada".

Porén, malia avanzar "cara a unha maior flexibilidade que vai requirir unha reforma do chamado Decreto do plurilingüismo", Monteagudo cre que "a cuestión do galego no ensino necesitaría unha reflexión moito máis fonda sobre os modelos educativos que oxalá se dea algún día implicando non só o Goberno galego, senón todas as forzas políticas e cun bo asesoramento técnico".

Ao igual que o CCG, a RAG tamén valora positivamente a avaliación externa contemplada e o diálogo con estas institucións. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.