O que cambia para o galego no ensino tras o pacto PP-PSdeG

Alumnado entrado a un instituto en Galicia e parágrafos de decretos lingüísticos e plans de normalización CC-BY-SA Foto: Xunta / Montaxe: Praza.gal

O ensino é unha das claves do pacto asinado este pasado xoves entre PP e PSdeG —ao que tamén se sumou Democracia Ourensana— para a actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). O acordo evita a derrogación do polémico Decreto 79 / 2010 (chamado do plurilingüismo) que regula o uso de galego e castelán nas aulas, pero inclúe algunhas modificacións que, fundamentalmente, erguen o veto que durante 17 anos esta norma impuxo á docencia de materias de ciencias na lingua propia de Galicia. 

O pacto PP-PSdeG afianza o equilibrio ao 50% entre galego e castelán vixente desde 2010 e non aumenta o peso da lingua galega

O texto afianza o equilibrio do 50% entre galego e castelán vixente desde 2010 no ensino obrigatorio e evita aumentar o peso da lingua galega. Limítase a asegurar que "se favorecerá a impartición de materias do ámbito científico ou tecnolóxico en lingua galega, tendo en conta a súa condición de lingua minorizada" e que se asegurará que nos centros educativos bilingües "o 50 % do horario lectivo das materias non lingüísticas será impartido en galego". 

É o principal cambio que non muda, no entanto, o principio fundamental que aplicou Feijóo e o seu goberno tras a súa chegada á Xunta en 2009: equilibrio e nunca máis galego que castelán. Xa que logo, ningún tipo de discriminación positiva nin moito menos un sistema de inmersión para a lingua minorizada. 

Alberto Pazos, portavoz do PP, e Lara Méndez, viceportavoz do PSdeG, amosan o pacto polo galego no Parlamento CC-BY-SA PPdeG

Ademais, o documento asinado por PP e PSdeG advirte tamén que nos centros plurilingües —que inclúen lingua estranxeira docente ata un límite dun terzo de materias—, se garantirá que ambos os dous idiomas se impartan "equitativamente", unha pequena mudanza con respecto ao decreto vixente que avoga, unicamente, polo "máximo equilibrio posible". Unha ecuanimidade que a experiencia e os datos confirman que non se cumpre moitas veces, sobre todo en centros privados e concertados, como vén de salientar a RAG. 

O PP advirte que para dar materias científicas en galego haberá que dar todo o bloque social en castelán, unha condición que nega o PSdeG e non aparece no acordo

Así que PP e PSdeG asinaron o pacto, os populares saíron axiña a aclarar que serán os centros os que decidan que materias impartir en cada idioma pero que será por bloques, unha cuestión que non aparece no documento asinado. É dicir: poderán dar en galego as materias científicas a cambio de que as sociais sexan en castelán. Se Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química se imparten en lingua galega, o castelán deberá ser usado en Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza e Bioloxía. 

Os socialistas, en público e en privado, aclararon tamén despois que o documento pactado non inclúe ningunha desas condicións e que "calquera termo, definición ou interpretación que non figure de xeito explícito no texto non forma parte del". En todo caso, será a Xunta —apoiada pola maioría absoluta do PP— quen acabe decidindo de que forma aplica esta modificación que non altera o equilibrio de linguas. E será o PSdeG quen decida se daquela dá por roto o pacto. 

Velaí a clave. O decreto do plurilingüismo determina en que linguas se debe impartir cada materia, ademais das de lingua, que se dan no seu idioma de referencia. En primaria, Coñecemento do medio natural, social e cultural en galego, e en castelán Matemáticas. En secundaria son en galego Ciencias sociais, xeografía e historia, Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, e en castelán Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química. 

O plan de normalización de 2004 e o decreto de 2007 establecían un 50% "como mínimo" para o galego nas aulas; o plan actualizado e o decreto vixente establecen ese 50% como máximo

O resto de materias, di o decreto vixente, a elixir polo centro pero "garantindo que as materias en galego e en castelán se distribúen na mesma porcentaxe de horas semanais". O texto presentado este xoves insiste, con outras palabras, nese equilibrio: asegurando que o 50% das materias sexa en galego ou que o reparto sexa equitativo. 

Que ocorría co Decreto 124 / 2007, o implantado durante o goberno de coalición PSdeG-BNG de hai case dúas décadas e que foi logo derrogado entre duras críticas pola Xunta de Feijóo? Que determinaba as materias que se impartirían "obrigatoriamente en galego": as áreas de matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e dereitos humanos, ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, "garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma". O idioma do resto das materias decidíao o claustro, "garantindo o cumprimento do establecido para esta etapa no PXNLG aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004", hai agora 22 anos.

Unha profesora imparte a docencia nunha aula dun instituto galego © Xunta

Troncais e matemáticas en galego

E que dicía ese plan que agora se reforma, impulsado daquela polo goberno de Fraga e aprobado por unanimidade por PP, PSdeG e BNG? Que había que "garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego", engadindo que, "dentro das posibilidades de cada centro", debía tenderse a que entre as materias en lingua galega figurasen as troncais na etapa de primaria, como as matemáticas, ou as matemáticas e a tecnoloxía en secundaria. 

O decreto de 2007 e o plan de normalización aprobado hai máis de dúas décadas fixaban un 50% mínimo de galego nas aulas e instaban a que fose a lingua docente en materias troncais e científicas. O plan agora renovado establece o 50% en galego como máximo, ao igual que o decreto de 2010, e ergue o veto que se mantiña ao idioma nalgunhas áreas de coñecemento, pero sen aumentar o seu peso para compensar a súa condición de minorizado. 

Que ocorre coa educación infantil? A modificación do plan indica que nesta etapa "o profesorado empregará nas aulas a lingua materna predominante entre o alumnado", unha consideración idéntica á do decreto de 2010 ou ao de 2007. As diferenzas están a partir de aí. No texto asinado por PP e PSdeG detállase que se terá en conta tamén "a lingua da contorna", poñendo "especial atención a que en todos os ámbitos e especialmente nas contornas urbanas e periurbanas, o galego se use tanto como o castelán". 

En educación infantil, o novo plan pactado recupera a intención de que en contornas castelanfalantes o galego teña como mínimo a mesma presenza que o castelán 

No decreto de 2010 tamén se apelaba a "ter en conta a lingua do contorno", pero non se facía ningunha referencia ás especiais necesidades dalgunhas zonas ou do lingua. Limitábase a instar a que se procurase  "que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo". Nesta polémica norma, a Xunta incluíra o intento de determinar a lingua materna predominante a través dunha enquisa ás familias que fora rexeitada pola xustiza. 

Feijóo e o conselleiro Jesús Vázquez presentan o decreto do plurilingüismo, o 30 de decembro de 2009 Dominio Público Xoán Crespo

O decreto de 2007, pola súa banda, repetía o criterio do de 2010 pero engadía unha cuestión clave: "no caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá". Esa é a condición que agora recupera o pacto PP-PSdeG para modificar o plan de normalización, aínda que sen aludir á educación íntegra en galego que ofrecían as desaparecidas Galescolas impulsadas polo goberno bipartito. 

 O PXNLG de 2004, pola contra, era menos ambicioso, fixando, "como mínimo, un terzo do horario semanal en galego" en educación infantil "para os contextos e contornos nos que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente". 

Avaliación do cumprimento

Sexa como for, e tal e como demostrou a aplicación do decreto vixente, a literalidade da norma non é sempre cumprida, sendo o castelán aínda máis favorecido pola ausencia dun control real que vixíe que o galego ten, como mínimo, o mesmo peso docente que o castelán. 

Para mellorar neste ámbito, PP e PSdeG pactan que a propia Xunta elabore anualmente, cos datos que xa achega a Inspección e cos que se poidan reclamar "de forma explícita", un "informe detallado e específico do cumprimento das materias impartidas en galego en todos os centros educativos" . O Goberno galego deberá "dar conta" desta avaliación no Parlamento a través do secretario xeral da Lingua. 

PP e PSdeG pactaron que a Xunta elabore cada ano un informe "detallado e específico do cumprimento das materias impartidas en galego en todos os centros"

Ademais, no proxecto lingüístico dos centros haberá "un apartado" de seguimento dos obxectivos e de avaliación "das accións impulsadas para dar cumprimento ás medidas contempladas no PXNLG". Un aspecto que Academia e Consello da Cultura Galega eloxian e nas que participarán. 

No que ten que ver coa Formación Profesional, no novo PXNLG engadirase un obxectivo: o de que se remate o ciclo formativo "con igualdade de competencias en ambas as dúas linguas", así como "facilitar o desempeño profesional en lingua galega". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.