A dirección do PPdeG, primeiro por boca de Rueda e despois nas redes, alterna os ofrecementos da Xunta para pactar un novo Plan de Normalización da Lingua Galega con caricaturizacións dirixidas ao BNG sobre unha suposta "policía do galego"
O pasado 9 de outubro, dous días antes de que o IGE fixese públicos os novos datos de uso e coñecemento do galego -inicialmente prevía divulgalos o 13 de setembro-, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude presentou unha campaña baixo o lema Saca a lingua que levas dentro, a primeira en década e media na que a Xunta anima a poboación xeral a falar en galego. No mesmo acto, o conselleiro José López Campos e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, reafirmaron a súa intención de procurar un pacto político pola lingua.
A cita para iniciar os contactos para ese eventual acordo quedou fixada para o 24 de outubro, cando xa estaban sobre a mesa as cifras do IGE que, entre outros aspectos, acreditaron que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia, con retrocesos especialmente acusados nas xeracións máis mozas. Na véspera, o día 23, o BNG cuestionou o presidente da Xunta sobre os datos na sesión de control do Parlamento. Na súa resposta, Alfonso Rueda incluíu unha descualificación contra a formación soberanista: os de Ana Pontón, afirmou, pretender ser a "Policía do galego".
Os encontros de López Campos e García cos grupos parlamentarios, o día 24, estiveron marcados pola cordialidade, segundo todas as partes. BNG e PSdeG pediron cambios normativos a prol do galego, especialmente en puntos clave coma o ensino, e a parte gobernamental puxo o foco en que a súa intención é fiar o consenso en torno a unha nova redacción do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, o documento aprobado por unanimidade en 2004 que en gran parte quedou sen desenvolver.
En 15 meses, coidan na área de Lingua, deberían poder estar rematados os traballos dun novo documento que teña como principal obxectivo "darlle pulo ao uso social do galego entre todos" e preste especial atención ao "fenómeno do neofalantismo". Trátase, afondaron, en "ofrecer máis ferramentas ás persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra". Na Secretaría Xeral da Lingua existe a convicción de que esa é unha das vías para reverter o devalo.
O día 29, cinco días despois das xuntanzas e coa campaña Saca a lingua que levas dentro xa en marcha en múltiples soportes, as Novas Xeracións do PPdeG teimaban no marco lanzado por Rueda a semana previa. "Que disfrace elixirá Ana Pontón para a Noite de Samaín? A nosa proposta de hoxe: POLICÍA DO GALEGO", publicou a sección xuvenil do partido nas redes sociais xunto cunha fotomontaxe.
Poucas horas despois, na mañá do día 30, López Campos compareceu cos altos cargos da súa consellería na comisión de Economía do Parlamento na súa quenda de exposición dos Orzamentos Xerais para 2025. As cifras destinadas a fomentar o uso do idioma, afirmou, van emprender unha "senda de crecemento que se manterá ao longo de toda a lexislatura para levar a cabo medidas transversais ao abeiro do Pacto da Lingua", caso de acadarse.
Memoria da ruptura do consenso
Nun tramo da comparecencia, non obstante, López Campos afastouse do ton conciliador. Foi para responder ás lembranzas da oposición sobre a ruptura do consenso en torno á lingua por parte do PP en 2007, ao desmarcarse do decreto de uso das linguas no ensino que desenvolvía o Plan Xeral tras apoialo inicialmente, e culminar a creba en 2010 tras volver á Xunta.
Defende López Campos que esa "ruptura do pacto da lingua" non é máis ca un "relato" dos grupos da esquerda. Porque "aquí o único que propuxo un pacto no ano 83 foi o PP, que aprobou unha lei", en referencia á Lei de Normalización Lingüística, norma que en rigor partiu en 1981 dunha proposta do daquela deputado de Esquerda Galega, Camilo Nogueira, ata acabar cristalizando dous anos despois nunha lei unánime que asumiu, con diversas mudanzas, o goberno de Alianza Popular.
Na vontade pactista dos conservadores inclúe o conselleiro o devandito PXNL de 2004 para, a continuación, fixar a ruptura no decreto do galego no ensino do Goberno de coalición PSdeG-BNG. Aquela norma, censurou, virou en "problema unilateral" que "resolveu" o decreto do PP, no ano 2010. Dende as filas do Bloque respondeuse con hilaridade á versión da historia relatada por López Campos cun vídeo do ano 2009 no que Valentín García, daquela no seu rol de técnico de normalización lingüística no Concello da Estrada, participaba nunha asemblea da plataforma Queremos Galego e atribuía os movementos contra o galego que o PP apoiou mentres estivo na oposición a "intereses espurios" ou "ignorancia".
Alén da discrepancia sobre o "relato" do pasado, López Campos tamén insistiu nesa intervención na súa vontade de "entendernos, chegar a acordos". Porque o "camiño correcto" é "sentarnos, negociar e falar", que é "o que nos importa no ámbito da lingua.
Mofa por pasar ao galego
Menos dunha semana despois de que o conselleiro reiterase o impulso ao neofalantismo como un dos eixos para impulsar o galego, a secretaria xeral do PPdeG mófase dun deputado do BNG caricaturizándoo como dunha familia de "abolengo", que "hablaban castellano y ahora hablan gallego"
Menos dunha semana despois, o Parlamento acolleu un novo pleno. O primeiro dende o tenso enfrontamento público da número dous do partido, Paula Prado, e o presidente da Cámara, o tamén popular Miguel Santalices. Durante unha intervención para defender o incremento de axentes na unidade da Policía Nacional Adscrita á Xunta, Prado deu en mofarse do deputado do BNG que interveu no debate, Iago Tabarés, a quen caricaturizou como alguén "de ilustre apelido de abolengo ourensán, dos Tabarés de toda la vida, que hablaban castellano y ahora hablan gallego".
O deputado do Bloque reclamou intervir por alusións, o cal deu en permitir a vicepresidenta da Cámara, Elena Candia, que dirixía incidentalmente o pleno. Alén da "degradación de introducir as familias" no tirapuxa dun debate, Tabarés agregou que a súa, "efectivamente", é "unha familia castelá que chegou a Ourense a finais do século pasado". "Non sei que problema hai en que a xente libremente poida falar en castelán e poida falar galego", resaltou.
Os populares deron en compartir nas redes sociais un vídeo coa protesta de Tabarés, pero sen a intervención previa de Prado, superpoñendo á imaxe do deputado a mesma fotomontaxe difundida polas súas Novas Xeracións, con Pontón caricaturizada como suposta axente policial do idioma. "Que non se entere a Policía do Galego" de que "hoxe un deputado do BNG dixo que non ve ningún problema en que os galegos falen libremente na lingua que queiran"
Os marcos paródicos e agresivos coma o da 'Policía do galego' da facción dirixente e máis centralista do PP baten cos pactos ofrecidos por perfís coma os do secretario xeral da Lingua. No choque albíscanse reflexos coma os observados na discusión pública entre Prado e Santalices
"Que vos esquecestes de subir a primeira parte, esa parte na que o PP fai burla da familia do deputado do BNG por falar castelán e agora falar galego", respondeu o Bloque. Nas filas da formación soberanista resultou especialmente molesto o ton de Prado, máis aínda no contexto de procura dun eventual pacto polo idioma e co departamento de Lingua da Xunta resaltando, precisamente, a importancia do neofalantismo.
O intento de impoñer marcos paródicos e agresivos como a devandita Policía do galego por parte da facción dirixente e máis centralista do PP bate cos ofrecementos de pacto lanzados por perfís coma os do secretario xeral da Lingua e o novo conselleiro con competencias na materia. No choque non é difícil albiscar reflexos coma os observador na discusión pública de Prado con Santalices, na que emerxeu con claridade o cada vez menos soterrado enfrontamento entre a dirixencia á alza nos populares galegos e as xa escasas representacións do vello PPdeG, máis próximo ás chiscadelas galeguistas do fraguismo que á madrileña rúa de Génova.