Santalices, veterano baltarista e duro deputado nos seus tempos da oposición, gañou perfil institucional dende que preside o Parlamento: "Quizais ninguén lle quere tanto coma min" á institución, di
Miguel Santalices foi un deputado duro nos seus tempos de oposición ao goberno de PSdeG e BNG. Cos galóns de veterano baltarista, tamén marcou de preto a socialistas e nacionalistas cando o PP regresou á Xunta en 2009 con Alberto Núñez Feijóo á fronte. Médico de profesión, súa foi a responsabiliade de chamar Álvaro Cunqueiro ao novo hospital de Vigo, proxecto que, explicaba hai unha década a quen quería escoitar, o seu propio partido non foi quen de defender con eficacia fronte á marea de protestas polo modelo público-privado co que se impulsou.
Santalices non perdeu galóns baltaristas nin mordacidade cando, en 2016, foi nomeado presidente do Parlamento en substitución de Pilar Rojo, dirixente da confianza de Mariano Rajoy á que o PP integrara nas súas listas para as eleccións xerais daquel ano. Pero xunto a esas características foi gañando terreo no seu perfil público unha institucionalidade que bosquexou nada máis tomar posesión por primeira vez. "Quizais ninguén lle quere tanto ao Parlamento coma min, que levo aquí media vida", reflexionara daquela.
Oito anos despois, Santalices, segue sendo o parlamentario máis veterano e é tamén o dirixente que máis tempo leva á fronte da Cámara. O pasado marzo, cando foi reelixido tras meses nas que diversas voces daban por segura a súa remuda no caso de que o PP repetise maioría absoluta, deu por seguro que este será o seu derradeiro mandato. Esa próxima xubilación política foi un elemento clave para que sectores de peso na dirección do PPdeG transixisen para que continuase.
As diferenzas ideolóxicas e os tirapuxas políticos e persoais entre o 'vello' PPdeG que representa Santalices e a dirixencia á alza no partido que representa a súa actual secretaria xeral, Paula Prado, estouparon esta semana nunha discusión pública con trazos inéditos pola súa intensidade
Unha das máximas expoñentes deses sectores é a actual secretaria xeral dos populares en Galicia, Paula Prado, dirixente á alza tras o seu papel como xefa da campaña das últimas eleccións galegas e con axenda pública crecente. Está afastada do vello PPdeG construído por dirixentes como Santalices, de matiz conservador, democristián e liñas aproximadas ao galeguismo histórico e tamén ao actual, que o presidente do Parlamento se esforza en cultivar, por exemplo, coas súas boas relacións co mundo da cultura e conexións no eido da arte. Prado representa máis o partido das cidades, ideoloxicamente máis á dereita e xeograficamente máis centralista. E daquela, menos apegado á institucionalidade da autonomía que á madrileña rúa de Génova.
Eses elementos de fondo, combinados con tirapuxas políticos e persoais máis recentes, estouparon esta semana nunha discusión pública entre ambos no pleno do Parlamento con trazos de episodio inédito. Non tanto porque fose a primeira vez que sucede, mais si pola súa intensidade: a número dous do partido increpou en alta voz á segunda autoridade do país por, ao seu xuízo, non lle permitir intervir cando o solicitou para defender o ex-presidente Feijóo.
A orixe da controversia estivera nun comentario previo doutra deputada do PP, Cecilia Vázquez, que no transcurso dun debate sobre educación afirmou, en referencia implícita a Pedro Sánchez, que tanto o BNG coma o PSdeG votan no Parlamento de Galicia "ao ditado do ditador". Ante as protestas da bancada socialista, Santalices tentou restar ferro á cuestión aseverando que a súa compañeira de filas empregara o termo "ditador" no sentido de "copiar texto" e non para caracterizar o presidente do Goberno de España como "persoa absolutista".
"Iso non llo cre nin o apuntador", retroucou Santalices ante a esixencia de Prado sobre deixar falar os deputados "aínda que sexan do PP". A número dous de Rueda deu en lanzar contra o xefe do lexislativo unha das acusacións institucionalmente máis duras para o ourensán: que ignora o Regulamento do Parlamento
Pouco despois, a socialista Lara Méndez evocaba noutro debate obras pendentes da Xunta na cidade de Lugo en anos nos que "gobernaba o PP, sendo Núñez Feijóo o ditador que ditaba, en palabras da súa compañeira, o que gobernaba". Santalices instou a ex-alcaldesa lucense a retirar a expresión e Méndez amosouse disposta sempre e cando a popular Vázquez fixese o mesmo. O xefe do lexislativo deu por "zanxada" a cuestión retirándoa el mesmo, coa correspondente chamada á orde para a deputada do PSdeG.
Mentres todo isto sucedía, Prado dirixíase iradamente dende o escano ao seu compañeiro de partido. Instándoo a "deixar falar os deputados aínda que sexan do PP". "Iso non llo cre nin o apuntador", ironizou o ourensán, abrindo despois o micrófono de Prado para que puidese expresar a súa protesta, consistente esencialmente en que non lle permitira defender a Feijóo cando o considerou. Mais tamén en acusar a Santalices de ignorar o Regulamento do Parlamento, unha das acusacións institucionalmente máis duras para o presidente da Cámara.
Prado deixou claro, ao cabo, que para a actual dirección galega do partido por diante da institucionalidade da autonomía que Santalices representa está a defensa do actual líder do PP, inmerso no tirapuxa para tentar chegar a ser presidente do Goberno de España enfrontándose non só a Sánchez, senón tamén a duros poderes do propio partido, a comezar pola madrileña Isabel Díaz Ayuso e a súa contorna. E acreditou, ao tempo, que a xubilación política definitiva do presidente do Parlamento e daquel vello PPdeG se aproxima.