Paula Prado protagoniza no pleno do Parlamento inusuais reproches contra Santalices, último representante dun 'vello' PPdeG pouco presente na xeración política da que a secretaria xeral dos conservadores é expoñente
O ourensán Miguel Santalices é o deputado máis veterano do Parlamento e tamén o presidente da Cámara cun mandato máis prolongado á fronte do lexislativo galego. Cando, o pasado marzo, foi reelixido como segunda autoridade do país xa deixou entrever que esta sería a súa derradeira lexislatura no posto.
Cando Santalices se retire da primeira liña política retirarase consigo, en boa medida, o que resta do vello PPdeG, o que logrou a hexemonía política da que aínda goza o partido na actualidade. Coas sombras ligadas a, entre outros, o baltarismo do que provén. E coas luces dunha crenza na institucionalidade galega notablemente menos arraigada nas seguintes xeracións de dirixentes.
Unha das representantes senlleiras desas seguintes xeracións é a actual número dous do partido, a súa secretaria xeral e vicevoceira no Parlamento. Xeracional pero -sobre todo- ideoloxicamente afastada de Santalices, Paula Prado mantivo este mércores un agre enfrontamento co xefe do lexislativo, ao que acusou reiteradamente de non permitirlle falar para responder a unha alusión contra Alberto Núñez Feijóo. Un tirapuxa que, polo ton e a prolongación, é inusual no Pazo do Hórreo mesmo vindo das bancadas da oposición, pero máis aínda entre membros do propio PP.
A discusión produciuse este mércores, no remate do pleno da Cámara despois de que na véspera xa existisen tensións entre Santalices e os seus compañeiros de grupo a conta dunha intervención non prevista da conselleira de Economía. Pero tivo a súa orixe uns minutos antes, cando a tamén deputada do PP Cecilia Vázquez. Foi no marco dunha pregunta sobre educación, apelou a actuacións realizadas "ao ditado do ditador", nunha referencia implícita a Pedro Sánchez que incomodou no grupo do PSdeG, dende o que expresaron unha protesta formal.
No derradeiro debate da sesión, unha pregunta da socialista Lara Méndez sobre investimentos do Goberno galego en Lugo, a ex-alcaldesa lucense lembrou incumprimentos da Xunta na cidade nun período no que "gobernaba o PP, sendo Núñez Feijóo o ditador que ditaba, en palabras da súa compañeira, o que gobernaba", sinalou. Nese punto o presidente Santalices instouna a aclarar se, como a súa compañeira de partido -afirmou- "utilizou o termo ditador, ditado", en referencia a "copiar texto" ou "ditador de persoa absolutista".
A orixe do tirapuxa estivo na mención implícita doutra deputada do PP sobre Pedro Sánchez falando do "ditado do ditador", tras a que a socialista Lara Méndez apelou ao período no que "gobernaba o PP, sendo Feijóo o ditador que ditaba, en palabras da súa compañeira"
"Eu xa sei que é unha rabieta, que non o fixo para dicir que o presidente Feijóo sexa un ditador", continuou Santalices, para convidar a Méndez a retirar a expresión. A deputada do PP, retrucou a parlamentaria socialista, "fixo referencia ao presidente do Goberno, non deu o nome pero todos sabemos que é Pedro Sánchez", polo que "non teño ningún problema en retiralo sempre e cando o retire o PP", agregou. "Queda retirado", resolveu Santalices, advertindo a Méndez de que, ao non facelo voluntariamente, implicaba unha chamada formal á orde.
O diálogo entre Méndez e Santalices foi acompañado por iradas protestas de Prado -"xa está ben, está incumprindo o Regulamento"-, a quen finalmente o presidente concedeu unha quenda de palabra pedíndolle "que non o complique máis". "Non sempre hai que ter a razón", advertiu o ourensán, mentres a popular se queixaba con insistencia de que non lle "deixase falar". "Hai que deixar falar aos deputados, aínda que sexamos do PP", reprochoulle. "Iso non llo cre nin o apuntador, pero bueno", ironizou Santalices, quen reiterou que si lle permitira falar e deu o asunto por "zanxado".