No outono de 2019, no inicio do actual mandato municipal, o Concello de Lugo puxo o foco nun dos proxectos máis demorados da Xunta na cidade, o financiamento do Museo da Romanización de Galicia no antigo cuartel de San Fernando. Fíxoo mediante unha xornada de portas abertas neste recinto do século XVIII para amosar o avance do seu deteriorioro máis de década e media despois de que o Goberno galego ofrecese converter o antigo cuartel nese espazo museístico e non no novo auditorio da cidade, como fora proxectado a dende finais dos 90 ata que un organismo asesor da Unesco alertou de que esa obra poría en perigo a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.
A Xunta prometera en 2010 dez millóns para o Museo da Romanización no vello cuartel de San Fernando, do século XVIII. En 2013 paralizou o proxecto e en 2019 pediu ao Estado que no seu lugar abrise un Parador
Ante a reactivación da reclamación, o Goberno galego do PP de Alberto Núñez Feijóo anunciou que renunciaba de vez ao museo. O mesmo para o que comprometera 10 millóns de euros en 2010 e que en 2013 adiara indefinidamente "ata que a realidade económica o permita". Nunha presentación oficial, a Xunta confirmou que desbotaba o museo porque prefería que no antigo cuartel se instalase un establecemento hoteleiro da empresa pública estatal Paradores. Se o Estado accedese a facelo, agregaban, a Xunta achegaría 5 millóns de euros.

A que nos últimos tres anos foi, sobre o papel, a posición oficial da Xunta ao respecto -e para o Concello que encabeza a socialista Lara Méndez, unha "ocorrencia" sen máis valor- vén de ficar desbotada polo propio Executivo galego. Na parada en Lugo no marco da súa xira polas sete principais cidades, o propio presidente Alfonso Rueda emendou ante a rexedora lucense a postura do Goberno, asegurando agora que volve estar disposto a cofinanciar o Museo da Romanización. Faino despois de que o goberno local iniciase, a pasada primavera, as xestións ante o Ministerio de Transportes para tentar lograr 12 millóns de euros dos fondos de recuperación da UE para o proxecto.
Tras iniciar o Concello xestións ante o Estado para lograr 12 millóns da UE que financien o proxecto, Rueda asegura á alcaldesa que o Goberno galego volve estar disposto a "colaborar"
Tras a reunión con Méndez xunto ao delegado da Xunta en Lugo -a alcaldesa acudiu co concelleiro Miguel Fernández-, Rueda asegurou que deixou comprometida a "colaboración" da Xunta "para todo o que ten que ver co proxecto de musealización" e o plan director do futuro museo. "En todo iso, a Xunta colaborará", mantén antes de especificar que "quedamos á espera e oxalá" que o Concello "acade a subvención que solicitou". "Se non acadase esa cantidade", os 12 millóns, "habería que ver cales son as cantidades obtidas e que parte a Xunta podería complementar" para "a obra en si", sinala, nun contexto no que os Orzamentos da Xunta para 2023 non reservan partidas específicas para esta finalidade.
"Agradezo que se comprometese a contribuír, se é necesario, para poder desenvolver o museo" e "traballar xa, conxuntamente, no plan director e museográfico", que "ten que ir á par da rehabilitación" do edificio, sinalou a alcaldesa tras o encontro. "Estamos pendentes da concesión de axudas por parte do Ministerio", lembra Méndez, cuxo equipo presentou o Museo da Romanización como un proxecto de rehabilitación "en clave de eficiencia enerxética".

Na reunión, especificou a tamén número dous do PSdeG, reclamou tamén ao presidente da Xunta que o Goberno galego deixe de "entorpecer" diversos proxectos pendentes de permisos autonómicos, ademais de supervisaren. Rueda, pola súa banda, puxo o foco na "intención" de que a "vital" Rolda Leste da cidade "estea rematada en tres anos" e a "velocidade de cruceiro" das obras do complexo sociosanitario que constrúe a Xunta nos terreos do antigo hospital xeral.