O Goberno galego propón á oposición pactar expertos "de prestixio" que fagan un novo Plan de Normalización Lingüística tras renegar o PP do consensuado hai agora 20 anos
Dúas semanas despois de coñecerse os resultados da última gran enquisa sobre o uso do galego, que constata que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia, o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, acompañado do secretario xeral da Lingua, Valentín García, iniciou este xoves unha serie de reunións en busca dun "pacto polo galego". Uns encontros nos que BNG e PSdeG reclamaron cambios normativos e máis recursos económicos en favor do galego e nos que o conselleiro considerou como "prazo razoable" para un acordo social sobre a lingua uns "15 meses", tempo que levaría actualizar o Plan de Normalización Lingüística do que o PP vén renegando.
Os encontros que agora comeza o conselleiro de Cultura chegan 20 anos despois de que en setembro de 2004, con Manuel Fraga como presidente, o Parlamento aprobase por unanimidade o Plan de Normalización Lingüística do que despois o PP renegou, xa con Alberto Núñez Feijóo á súa fronte, que cando chegou á Xunta aprobou o polémico decreto que restrinxe o uso do galego no ensino.
Porén, este xoves o conselleiro de Cultura insistiu en que "o problema é de uso social" e desvinculouno do sistema educativo asegurando que "as competencias lingüísticas están acreditadas". Por iso, o foco púxoo o conselleiro en elaborar un novo plan de normalización, para o que ofreceu á oposición pactar os expertos "de prestixio" que traballen nel. Un traballo que se estendería ata finais de 2025, o que levaría aos 15 meses citados polo conselleiro.
Por parte do BNG acudiron ao encontro a portavoz nacional e parlamentaria da formación, Ana Pontón, e a deputada Mercedes Queixas. Pontón propuxo "derrogar o decreto da vergoña, cumprir o Plan de Normalización Lingüística e triplicar o orzamento para o galego", propostas que cualificou como "concretas, razoables e de mínimos". "O que non pode esperar 15 meses e hai que facer xa é aplicar as medidas [do plan actual] cun cronograma e con orzamentos suficientes", resumiu Pontón.
A nacionalista tamén lamentou que non fose o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen acudise ao encontro, e avanzou que o BNG enviará por escrito ao Goberno galego e ao PP as súas propostas concretas para mellorar a situación da lingua.
Pola súa banda, a reunión co PSdeG produciuse coa portavoz de Cultura e Lingua do grupo parlamentario, Silvia Longueira, e coa viceportavoz do grupo, Lara Méndez. As socialistas salientaron que para acadar un pacto pola lingua "é imprescindible o consenso social" e consideraron "fundamental" acometer cambios normativos e "achegar recursos".
“Nós non poñemos liñas vermellas, o que queremos é ver o plan de traballo e como ese plan vai modificar esta situación”, dixeron as socialistas.
Ademais, tanto as nacionalistas como as socialistas coincidiron en atribuír ao PP a "ruptura do consenso" na época de Alberto Núñez Feijóo á fronte dos populares galegos.
Este xoves, na súa escenificación dun suposto novo tempo para o galego, o conselleiro de Cultura e Lingua reuniuse tamén co presidente do Parlamento, o tamén popular Miguel Santalices, e mesmo co portavoz de lingua do grupo parlamentario do do PPdeG, José Luis Ferro, quen defendeu "chegar non só a un pacto político, senón a un pacto social, porque os galegos non entenderían que os políticos vaiamos por un camiño e a sociedade por outro".
Tras estes encontros cos grupos políticos, o conselleiro quere seguir reuníndose nas próximas xornadas con outras entidades como a Real Academia Galega, as universidades ou os concellos.